Lecturas da corentena (II) (Galicia Confidencial, 27/03/2020)
A segunda entrega das miñas recomendacións para ler durante esta corentena ten outro enfoque moi distinto da primeira. Moita xente que coñezo comentoume que as veces precisaban textos que os atrapasen completamente e dos que non puidesen saír, para non pensar en nada do que pasa no exterior ou non ter a tentación de ver abrir calquera produción americana de Netflix. Aquí tedes, polo tanto, títulos que non poderedes pechar tan facilmente.
- A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais, 2015).
Evidentemente recomendo toda a obra de Pedro Feijoo, mais sen dúbida este é o meu título preferido do autor vigués. A memoria da choiva é unha novela entre o xénero noir e o de misterio, cunha historia que atrapa e cunha cantidade de xiros dramáticos que fan da lectura deste texto un inmellorable pasatempo. Non en van recibiu o Premio Arzobispo Xoán de San Clemente en 2015, que outorgan os lectores de varios institutos galegos ás que consideran as mellores lecturas do ano.
A historia comeza coa aparición de Xosé Carneiro, coñecido psicanalista e polémico colaborador televisivo, co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador. Cando chegan ó piso son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extrema con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón. Aquí comeza unha historia na que a de Carneiro non será máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que non so Aquiles terá que comprender que é o que está pasando, senón que papel xoga nisto un dos nomes máis importantes da nosa literatura, Rosalía de Castro.
Pedro Feijoo combina a perfección nesta obra elementos diversos e converte en materia narrativa con aparente facilidade a vida e obra dunha autora capital nas nosas letras. A descrición dos ambientes, o manexo da tensión narrativa e o enorme proceso de documentación que hai tras dela, fai desta obra un título que é necesario recomendar neste tipo de listaxes.
- O cuarto das abellas, de Antía Otero (Xerais, 2017)
Na miña opinión, aínda que non descubro nada, a poesía nace case sempre do diálogo entre dous referentes en distintos planos que manteñen un conflito que pode saldarse nunha superioridade dun elemento sobre outro ou a convivencia inexplicable deles no entorno. O cuarto das abellas de Antía Otero é un exemplo de como a natureza e as súas manifestacións pode introducirse no cotián e manter unha relación con el de convivencia, en primeira orde simbólica e en segunda real.
Este é un poemario moi diverso, que manifesta sempre a tensión existente entre diversos referentes, pero que tamén xoga cos suxeitos, dende a individualidade a colectividade. A propia autora fai referencia a un traballo de desestruturación e descomposición dos elementos para utilizalos a súa vontade, facendo combinacións de termos que respostan a unha loita entre o salvaxe e o máis doméstico.
É un libro en continuo crecemento, tanto na extensión dos poemas como nos suxeitos que interveñen neles, dende un eu poético dos primeiros poemas ata a colectividade de “obreiras”. Válese da imaxe da abella, moi ilustrativa pola ríxida estrutura social e o limitado dos espazos nos que se ven obrigados a convivir estes insectos. Isto permítelle facer toda unha serie de reivindicacións da necesidade para os colectivos oprimidos dun espazo propio e fuxir desa cela, real e metafórica, da abellariza.
A estrutura dos poemas xoga coa necesidade de debullar o momento, construíndo versos que poderían ser efémeros pero que deixan a súa marca na pel e que nalgúns casos convidan a pechar os ollos e que o lector continúe as composicións.
En conclusión, O cuarto das abellas é un libro de tensións que contén unha chamada necesaria a concluír coa marcada tendencia a separar o natural do urbano, evitando conflitos, e que convida a unha lectura pausada e atenta, co fin de escoller as ferramentas perfectas para chuchar todo o mel que conteñen as composicións.
Aquí tedes un vídeo no cal a autora recita un dos textos do libro. Convido tamén a autora, se non o fixo aínda, a lernos algún dos outros poemas do libro nas redes sociais.
https://www.youtube.com/watch?v=3JwyiunBtf0
- Biblioteca de teatro. (Kalandraka, 2018-)
Para aqueles que non tedes moita afinidade cos versos fágovos unha proposta teatral. Supoño que moitos de vos víchedes o filme Eroski Paraíso na televisión ou acudíchedes a algún bolo dalgunha das obras de Chévere. Aqueles que aínda non o fixestes, convídovos a apuntalo na lista de cousas que facer nos próximos anos. Sen embargo, coido que podedes comezar a encher ese oco cultural dende a propia casa.
Coa colección Biblioteca de Teatro que se estreou con “Río Bravo”, Kalandraka contribúe á celebración dos 30 anos de Chévere poñendo a disposición do público lector os textos das súas obras completa. Como a propia editora sinala: «Esta iniciativa busca documentar ese teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións».
Persoalmente considero que as edicións son unha xoia. Conteñen os textos, imaxes da concepción e representación das obras e algúns materiais extras. A calidade dos textos é innegable e representan todos eles o avance cara a modernidade do noso teatro. O teatro galego non se pode comprender sen esta compañía, polo que non podo máis que agradecer a editora que ofreza a posibilidade ós lectores de coñecer estes textos. En Kalandraka tedes publicados Río Bravo, Annus Horríbilis e outros musicais, Citizen e Eroski Paraíso.
- Os Bandiden, de Siri Kolu (Sushi Books, 2018) Tradución de Moisés Barcia.
Coido que moitas veces esquecemos que para facer lectores precisamos libros que non so introduzan temáticas e intereses acorde o público ó que están enfocados, senón que tamén temos que buscar fórmulas que consigan que o entretemento sexa tal que cambiar o libro pola Playstation sexa imposible. Os Bandiden de Siri Kolu é un libro dos que conseguen que as horas de lectura sexa tan intensas que os lectores perden a noción do tempo. Publicado por Sushi Books en galego e por Nórdica en castelán, tamén está dispoñible nas outras linguas do estado.
O argumento é o seguinte: “Vilja marcha de vacacións á casa da súa avoa cos pais e coa irmá. De súpeto, unha furgoneta interrompe o seu paso e a protagonista é secuestrada. Os seus raptores son os Bandiden, unha familia de estrafalarios ladróns de golosinas e chocolates, botín que eles prefiren antes cós cartos, xa que non saberían que facer con eles. A rapaza pasará o verán máis emocionante da súa vida con eles, durmindo ó aire libre e gozando de grandes enchentes de doces. Así descubrirá outro tipo de familia e outra forma de vivir, máis anárquica ca convencional.”
Siri Kolu non so crea unha historia, senón que tamén fai partícipes os lectores da mesma introducindo distintos xogos coas súas regras que permiten os máis pequenos experimentar na súa casa ás aventuras deste grupo de bandidos. Ó mesmo tempo aproveita para expresar dende o punto de vista dunha cativa o complicado que é vivir nunha familia onde o traballo é máis importante que coidar o núcleo familiar. Unha cativa que intégrase nunha banda de piratas onde a liberdade para actuar é extrema e iso permítelle reflexionar sobre cal é a mellor forma de constituír un entorno familiar san e libre.
Supoño que moitos teredes agora a sensación de Vilja xa a coñecedes de algo. En efecto, ten moitos trazos do personaxe máis importante de Astrid Lindgren, Pippi Mediaslongas. Aínda que o personaxe de Pippi ten moitísima máis forza, persoalmente considéroa a rebelión feita personaxe, Vilja vive desa tradición de personaxes nórdicos que supoñen un berro a liberdade e critican a sociedade dende unha posición aparentemente inofensiva. Se vos disfrutáchedes con Pippi, asegúrovos que os vosos fillos teñen na personaxe de Kolu unha digna sucesora. Aproveito tamén para lembrar tedes publicadas algunhas das aventuras de Pippi Mediaslongas en galego na editorial Kalandraka cunha estupenda tradución dende o sueco de David A. Álvarez.
Non é de estrañar que este libro fose o éxito que foi en Finlandia. Agardemos que Sushi Books tamén publique en galego o resto dos libros da saga no futuro. Coido que os lectores que lean este libro terán gana de máis historias da autora. Mentres agardan por elas, convídovos a que aproveiten para ler as aventuras de Pippi Mediaslongas ou Margherita Dolcevita de Stefano Benni, un libro tamén moi divertido e de estilo semellante, publicado en galego por Rinoceronte.
(Este texto publicouse na sección de cultura do diario online Galicia Confidencial o 27 de marzo de 2020)