top of page

Recensión: Anna R. Figueirido, Os bicos feridos




Título: Os bicos feridos

Autora: Anna R. Figueirido

Editorial: Galaxia

Colección: Literaria

ISBN: 9788491512592

Nº de páxinas: 396 páxs.



Premio Viadutos de Novela 2018



 

Sinopse:


Ninguén fai unha carreira para limpar inodoros. Olivia, despois dun expediente brillante ten que marchar de Compostela e instalarse en londres onde atopa traballo de ou pair nunha familia de clase media. Sempre lle dixeron que lle iría ben se se esforzaba, se estudaba unha carreira de ciencias, se seguía as regras establecidas e agora sente que o que lle ensinaron é unha grande estafa tanto no eido laboral como no persoal. O móbil e as redes sociais conéctana coa súa vida anterior, mentres se perde nunha cidade de oito millóns de persoas, soa, cun coñecemento precario de inglés e limpando unha casa e un laboratorio, en lugar de traballar nel. A primeira persoa que se preocupa por ela aparece ao día seguinte nos xornais despois dun accidente na estación de tren de Croydon. Samuel foi unha casualidade nun deses días solitarios en que Olivia visita o Museo Británico. Un rapaz que se lle achega, que a fai sentir ben e que toma unha decisión para a que ela precisa respostas. Unha novela da vida que nos di que un simple aceno pode desencadear unha metamorfose. E que pasa cando isto sucede?

 

Os bicos feridos supón o debut de Anna R. Figueirido na literatura cunha novela que parte dunha premisa interesante e que, en xeral, está moi ben resolta para ser a primeira historia da autora. Este título recibiu o Premio Viadutos de Novela 2018 e publicouno a editorial Galaxia na súa prestixiosa colección literaria.


Esta é unha historia que ten un comezo bastante lento, onde hai un traballo extenso de cara a localizar ós personaxes nun momento concreto das súas vidas, mais co paso das páxinas gaña en axilidade. Esta densidade no comezo non fai o inicio espeso, mais hai unha repetición constante de motivos e imaxes que considero que moitas veces non son necesarios. Mal menor xa que co paso das páxinas é un problema resolto. Aquí remata xa o negativo da novela.


Os bicos feridos é, na miña humilde opinión, unha historia das novas xeracións, que ten a súa orixe probablemente na crise económica e que reflicte as novas formas de traballo e as consecuencias dos novos modelos de vida. Hai unha reflexión importante sobre a situación do inmigrante, a frustración daqueles que cun expediente brillante non reciben o recoñecemento instantáneo que cren merecer e a necesidade do vínculo coa terra na que xa non habitan.


Olivia é un personaxe que nace das circunstancias e afronta un destino complexo e que moitas veces ten o móbil ou as redes sociais como vínculo con todo aquilo que deixou atrás. A dela é so un exemplo das moitas voces narrativas perfectamente construídas que vagan polo texto e que teñen en común a confusión que lles producen estes novos tempos e o proceso de destrución de todo o que consideraban propio que terán experimentar.


«Sobrevivir é doado, temos totalmente desenvolvido un instinto para garantir a nosa supervivencia. O problema é vivir. Vivir sen traballo, por exemplo. Sen unha nómina que a final de mes garanta as comodidades creadas ás que estamos afeitos»


En resumo, Os bicos feridos supón un comezo interesante para unha carreira literaria. Unha historia que bebe da actualidade e transfórmaa en literatura. Un exercicio aparentemente sinxelo, mais so posible para aqueles que teñen o talento necesario.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page