top of page

Lecturas da corentena (III): Poesía (Galicia Confidencial, 29/03/20)

Tras adicar as primeiras dúas entregas a recomendacións xerais de títulos penso que é interesante que nos seguintes artigos teñades recomendacións de varios títulos en función do xénero dos mesmos. Comezamos co xénero poético e coa recomendación de seis poemarios que considero de necesaria lectura neste tempo de incerteza e inestabilidade.


Fotografía: Lucía González

 

- Paco Barreiro, Beixos de lingua (Xerais, 2017).


A musicalidade da lingua galega é un dos aspectos que fan a nosa lingua tan interesante para a lírica. A nosa poesía é un eido produtivo e que goza de moi boa saúde, polo que é sinxelo atopar grandes títulos. Mais sempre que teño que recomendar un título onde a musicalidade da propia lingua é un elemento central e notorio non podo evitar citar este libro de Paco Barreiro.


Neste libro, o autor experimenta cos límites da lingua con especial incidencia no plano fonolóxico e morfolóxico. Un libro que podería comprenderse como un exemplo de poesía "molecular" xa que modifican as estruturas lingüísticas e unidades da fala para enlazar os seus elementos dunha forma complexa, exaltando e desprestixiando uns ou outros en función das necesidades da musicalidade do poema.


As composicións que integran este libro son un xogo continuo para o lector, que sitúase ante as distintas pezas como espectador dun concerto lingüístico. Textos de distinta extensión que non respostan a esquemas ríxidos e de disposición irregular sobre o branco do papel, outorgan dinamismo a lectura deste libro. Versos que en ningún momento desaparecen senón que a súa presencia é patente nos seguintes, incluso ate o fin do poema.


«Cando apreso fonemas non só teño unha presa, a palabra; tamén aprendo, conformo ideas e recibo o beixo da fala.»


O xogo e a experimentación tamén están na man do lector ó que se lle ofrecen unha gran variedade de posibilidades de lectura grazas a presenza de palíndromos e outros xogos. Un poemario concibido dende a propia musicalidade e que agradece moitísimo a lectura en voz alta e o acompañamento instrumental. Un libro cheo de entretemento, diversión e mostras de enxeño. Ideal para os que escoitaron xa a súa lista de Spotify completa demasiadas veces nesta corentena.


- Eli Ríos, Culpable (Xerais, 2017)


Coido que nesta época precisamos de libros potentes e directos. Se teño que recomendar un poemario rebelde e que no seu momento impactoume tanto a min coma o resto dos seus lectores, este é sen dúbida Culpable de Eli Ríos publicado por Xerais e que foi a obra merecedora do IV Premio de Poesía Gonzalo López Abente no ano 2017.


Neste libro maniféstase de forma explícita a desconformidade dun eu que non quere ser suxeito de nada nin de ninguén. Unha chamada a liberación do individuo de calquera obstáculo que supoña unha limitación para o seu desenvolvemento e unha crítica consciente a calquera convención do xénero poético. Un discurso combativo e autoconsciente que conquista a quen o le.


Culpable é un poemario voluntariamente incómodo tanto na súa escrita como na propia disposición no papel. Nos versos non se respira unha necesidade de darlle ó lector o traballo feito. Convídase ó lector a buscar a esencia dos textos e a reestruturar a súa visión dos límites do poético. Os elementos mass media combínanse con referentes poéticos que, pese ó ton desenfadado do poemario, están perfectamente elixidos.


Xogando coa polémica dende o propio conflito, cunha perspectiva eminentemente crítica e convidando a unha lectura dinámica que destrúe estruturas poéticas convencionais co paso das páxinas; Culpable convértese, na miña opinión, nun dos libros poéticos máis interesantes publicados en lingua galega nos últimos anos.


- Fran Alonso, Terraza (Xerais, 2017)


Terraza, como o seu título xa suxire, é unha poética do cotián, do costume, do feito social, da actualidade. Un libro de poemas que presenta a ansiedade na que vive unha sociedade cimentada na velocidade e no maquinismo, feitos que tanto fascinaron a Marinetti e ós seus colegas de vangarda. O eu poético analiza a sociedade dende unha posición que semella allea a súa concepción, estático nunha mesa nunha cafetería. Isto permítelle presentar a enorme flutuación de persoas que, cun comportamento inorgánico propio da máquina, están en continua transición sen chegar a unha meta.


O eu poético fai un exercicio de desintoxicación e de rebeldía contra a sociedade facéndose forte e constante dentro dun lugar fugaz, como a cafetería. Nel observa ós cidadáns que piden e consumen cafés e pinchos sen deterse a ler o periódico ou a ter unha conversación coa persoa que teñen diante. Un momento de descanso convértese en algo cotián e fugaz no que somerxerse na rede ou falar con terceiras persoas e ignorar a quen tes diante. O poeta polo tanto é unha illa nun arquipélago que so conserva o título, xa que tende a fragmentariedade. A tarefa de escribir poesía é un exercicio no que o eu poético íspese completamente e nin sequera recibe a atención dun outro.


En resumo, é moi agradable ler versos tan directos froito dun exercicio de observación tan intenso. Terraza é un conxunto de versos "nerviosos" con ruído de coches e cores de semáforos. Fran Alonso preséntanos un poemario cun marcado ton social e de crítica sen caer na demagoxia e cunha enorme capacidade comunicativa. Sen dúbida, unha obra que é necesario ler para reflexionar sobre a vida en sociedade antes desta crise e a que virá máis tarde.



- Marta Dacosta, Na casa da avoa (Galaxia, 2017)


Coido que Marta Dacosta ten moitos libros que deberían estar nesta selección, mais tiven que elixir un e quixen que fose este non solo pola súa calidade senón pola súa mensaxe. Coido que todos os libros da autora dialogan entre sí con gran facilidade, polo que ós que vos preste este título ou xa o lestes, recoméndovos Labirinto ou Memoria publicado por Caldeirón.


En Na casa da avoa, Marta Dacosta fala de todas as mulleres, normalmente anónimas, que constituíron a base da nosa sociedade e das novas xeracións, e que son exemplos de vida e sacrificio. O eu poético dende unha posición combativa pretende comunicar unha mensaxe clara, que desarma as inxustizas e que pretende enlazar novamente aqueles fíos que no seu momento non respondían ós intereses da sociedade patriarcal. Recuperar os fíos da memoria que o machismo arrebatou as mulleres e tarefa de todos.


Para iso recupera a aquelas mulleres retratadas en cadros ou as fotografadas por grandes fotografas como Ruth Matilda Anderson ou María Caldarelly. A artista, a autora e o obxecto artístico atopan mediante o eu poético aqueles puntos comúns que débense salientar, ó mesmo tempo que senta as bases para solventar as débedas que temos co pasado.


En resumo, un libro que representa un exercicio de catarse colectiva e simboliza o as bases para unha homenaxe a todas esas grandes figuras femininas que os intereses do patriarcado fixo pequenas.


- Lucía Novas, Cervatos (Kalandraka, 2017)


Teño que recoñecer que non lera nunca a Lucía Novas ata que tiven Cervatos entre as mans. A colección de poesía de Kalandraka, Tambo, crece de maneira exponencial con este título aínda que xa publicase poemarios de autores como Martín Veiga ou Xavier Seoane.


Cervatos é un poemario no que a autora explora os límites da linguaxe poética e que basease nunha lírica conceptual e minimalista. Textos breves cheos de imaxes intensas que constitúen por si mesmas un imaxinario propio e que, sen embargo, son tan próximas ó lector que o complexo é non identificarnos con elas.


Os elementos combínase nun xogo constante de inestabilidade, de presencia e ausencia, no que se evoca ó puramente sensitivo e, a súa vez, explorando os límites do artístico. Proba disto son as continúas enumeracións de elementos e outras técnicas como o “collage”. Sensación que vinculamos coas propias lembranzas, vistas neste poemario como fragmentos de sensacións e que se distribúen polo poemario en función das necesidades artísticas e non especificamente comunicativas.


En resumo, tras a lectura de Cervatos tiven claro que esta era un proposta poética rica e distinta e que, precisamente por iso, é de necesaria lectura.


- Arancha Nogueira, O único lugar onde ficar inmóbil (Urutau, 2018)


Nos últimos tempos no eido da poesía galega xurdiron unha enorme cantidade de voces novas que nun tempo precario para o sector do libro e da literatura, e da lingua por suposto, verten os seus versos na nosa lingua e cun resultado que convida o optimismo. Un exemplo disto é libro O único lugar onde ficar inmóbil de Arancha Nogueira publicado en Urutau.


É o de Arancha Nogueira un libro moi xeracional e que bebe das principais preocupacións da sociedade en tempos de incerteza e falsidade. A autora fala da perda do amor, da familia, da infancia, da parella ou da ausencia de futuro dende a perspectiva dun doente. Non hai nestes versos unha posibilidade de solventar os problemas pasados senón de seguir adiante como autómatas vivindo no estrañamento e na autodestrución co obxecto final de atopar un lugar potable e propio.


Ese lugar "onde ficar inmóbil" é un espazo sen regras e sen localización, onde a única preocupación é pecharse nun mesmo para atopar algo puro ó que ligarse dunha maneira íntima, case espiritual. Este non é un espazo para a esperanza, senón que é a propia (des)esperanza. O eu lírico aférrase a súa existencia para conseguir o seu obxectivo: chorar de desesperación, rir da traxedia, visualizar os anacos dos nosos soños e simplemente descansar na súa soidade.


Este terreo inestábel do contido contrasta coa estrutura sólida do poemario que divídese en tres seccións (sospeita, naufraxio, o único lugar onde ficar inmóbil) e un limiar ó cargo de Verónica Martínez Delgado. Os distintos textos técense mediante versos de extensión desigual combinados coa potencialidade dos silencios e estruturas poéticas diversas.


Dende unha perspectiva feminista e cunha voz esgarradora, este poemario presenta a necesidade de atopar algo puro que permita atopar a esencia propia, a tranquilidade, o sólido, e afastarse dunha sociedade estraña. Un libro cun discurso necesario para esta época de confinamento.


(Este texto publicouse no diario online Galicia Confidencial o 29 de marzo de 2020)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page