Recensión: Yolanda Castaño, Profundidade de campo
Título: Profundidade de campo
Autora: Yolanda Castaño
Editorial: Espiral Maior
ISBN: 9788496475595
Nº de páxinas: 60 páxs
XV Premio de Poesía Espiral Maior
Coido que se pensamos en poesía galega é inevitable sinalar a figura de Yolanda Castaño como unha das poetas con maior repercusión tanto dentro como fora do noso sistema literario. Poeta rebelde e dun talento excepcional publicou, entre outros moitos, Profundidade de Campo (Espiral Maior, 2007), libro polémico que hoxe comentarei e polo que recibiu o XV Premio de Poesía Espiral Maior.
Este poemario é un libro curioso e que sorprendeume gratamente. O texto trata moitísimos temas, mais fai fincapé no concepto de beleza como tema central. De feito, considero tamén evidente, e que non precisa un comentario extenso, que o título do poemario é unha clara referencia ó concepto da fotografía.
Loxicamente a beleza non é un tema novo na literatura, mais o enfoque é realmente interesante. A beleza aparece aquí como algo perigoso para a propia persoa que a posúe. O eu poético laméntase de que a súa beleza limite as súas posibilidades de ser por si mesmo, propondo continuamente o feito de se o seu interese como creador ou persoa radica só nas proporcións do seu corpo.
A miña beleza que manipulo,
que non outorga perdón,
a que me agacha.
(Fragmento en Núcleo Central)
Contraín un compromiso
co lunar que me delata.
Vinganza de estirpes lúas,
preamar de filibusteiros.
¿Usar unha 36 e facer literatura?
(Fragmento de Perdón)
Tema polémico o deste libro e que segundo puiden consultar noutros comentarios, afectou a visión do libro para moitos lectores e críticos. Persoalmente creo que no contido destes poemas hai moitísimas ideas moitísimo máis fortes como para limitalo a un tratado de poemas dende unha perspectiva egoísta. Temas como a posición da muller, a subxectividade, o valor do produto artístico, aquilo que hai detrás de calquera fachada, o concepto de poeta e a introdución de elementos e imaxes doutras tradicións literarias fai deste libro algo moito máis complexo do que moitos lectores indican.
Hai en Profundidade de Campo unha enorme crítica social e ó mundo artístico. As estruturas que o dominan son culpables da necesidade de configurar uns patróns sobre os que a valoración do traballo dos artistas reside moitas veces en trazos externos que non responden a motivos literarios. Precisamente por iso creo que a de Yolanda Castaño foi unha aposta valente e que merece unha lectura pausada por parte do lector.