Recensión: Teresa Moure, Herba moura
Título: Herba moura
Autora: Teresa Moure
Editorial: Xerais
ISBN: 9788497823470
Nº de páxinas: 448 páxs.
Premio Xerais de Novela 2005
Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2005
Premio Irmandade do Libro á autora do ano 2005
Premio Benito Soto á mellor novela do ano 2005
Premio da Crítica, 2005 (narrativa)
Sinopse:
"Herba moura" de Teresa Moure, novela gañadora do Premio Xerais 2005, trasládanos, da man dun personaxe contemporáneo chamado Einés Andrade, ao século XVII, onde nos atopamos coa figura dun Descartes humano e fráxil -nunha perspectiva inédita do filósofo- e, sobre todo, coa figura de dúas mulleres: a raíña Christina de Suecia e Hélène Jans, unha entrañable meiga residente en Amsterdam. A través dunha miscelánea de textos (cartas, poemas, recetarios, herbarios) a autora, coma se fose un compendio de estilos literarios e botando man de recursos tan dispares como a epístola, o diario, o ensaio, a poesía, o estilo directo, etc, constrúe unha novela estilisticamente deslumbrante, sen caer nunca no lirismo gratuíto nin no sentimentalismo, chamada a situar á narrativa galega nun novo contexto.
"Herba Moura" é un canto ás paixóns: á paixón amorosa, dende logo, mais tamén a outras paixóns deostadas como a do amor polo coñecemento, a da amizade, a da maternidade, a da lectura e a da palabra. Unha novela que deita unha ollada crítica sobre o devir das mulleres na historia, dándolles voz e recuperándoa para elas.
Coido que o único positivo desta corentena é ter a oportunidade de ler aqueles libros que temos na lista de pendentes ou reler con calma aqueles libros imprescindibles que temos nas nosas bibliotecas persoais. Precisamente por iso collín de novo o meu exemplar de Herba moura, libro que con dezaseis anos gocei intensamente e do que agora tiven a necesidade de escribir para situalo como imprescindible na lista dos libros de máis calidade da historia da nosa literatura.
Herba moura de Teresa Moure é un libro intenso de comezo a fin. A calidade da prosa é sobresaínte así como os recursos de estilo que a autora emprega. Hai neste texto un mixtión maxistral de xéneros e de discursos, polo que non temos a sensación de que lemos unha mestura homoxénea, senón que cada discurso mantén a súa individualidade.
Hai un traballo salientable no que respecta á concepción dos personaxes. Atopamos información deles mediante varias fontes (cartas, diarios, conversas...), polo que a nosa visión da realidade de cada un é case perfecta e podemos valorar os seus actos dende distintas posicións. A personaxe de Hélène é tan brillante como inspiradora, polo que é claramente a personaxe central da historia.
Sabía tanto como sabían as demais mulleres, cos seus pequenos saberes invisibles, e porén, el o dixera, sabía ler e pensar e, pensando, podía facer tanto como os homes máis afamados do meu tempo. E xurei que chegaría un día en que dedicaría o meu tempo ao saber (…) e nunca máis ser filla de boticario, nin criada de libreiro, nin amante de filósofo. A el chegáralle o tempo de escribir, pois a min chegárame o tempo de ser Hélène.
En resumo, Herba moura é pura literatura. Unha novela inspiradora que olla criticamente ó noso pasado, que discute a nosa lectura da historia e que pon en valor o papel das mulleres na historia, recuperando aquelas voces que soterrou a nosa sociedade. Un libro para aqueles que aman os libros e que constituiu un piar esencial para un novo tempo da escrita feminista en galego.