top of page

Natalia Carou: "Se non denunciamos, acabamos sendo tamén cómplices dos violentos"


Natalia Carou Figueira naceu en Boiro, en 1974. Cursou estudos de Graduado Social na Universidade da Coruña e na actualidade compaxina o seu traballo como asesora empresarial coa paixón pola lectura e a escritura.

As súas novelas, O alento nas costas (Baía Edicións, 2012) e A cova da Moura (Baía Edicións, 2017) destinadas ao público xuvenil, desfrutaron dunha magnífica acollida entre o alumnado de diversos institutos de secundaria e bacharelato. O mal querer, a súa terceira novela escrita en galego, resultou gañadora do Premio de Novela Vilar Ponte (2019). O xurado destacou sobre a mesma: << Trátase dunha novela redonda, moi dura, que retrata a sociedade actual onde a violencia, o machismo, a droga, o maltrato, o acoso escolar, a manipulación mediática, os poderes fácticos, e, sobre todo, o desamor ou desafecto, se xuntan nun cóctel destrutor no que se ve atrapado o lector>>.


Texto: Baía edicións

Fotografía: Cedida pola autora

 

- Cal é o xerme de O mal querer (Baía Edicións, 2019)?


O xerme de O mal querer parte das conversas que, ao longo dos anos, mantiven coa rapazada dos institutos ao ir partillar con eles sobre as miñas novelas, O alento nas costas e A cova da moura. Ambas novelas destinadas ao público xuvenil afondan en temas que me preocupan moito, sobre todo durante a adolescencia, como son o abuso das drogas, a violencia de xénero, os abusos na infancia, ou o machismo.

Durante esos encontros, mozos e mozas foron compartindo comigo multitude de historias reais moi duras, tantas como para facerme comprender que lle estamos a dar as costas a unha realidade social tan habitual e terrible como incómoda, que é a violencia na infancia, sobre todo a que provén por parte da propia familia, así coma o impacto psicolóxico que iso conleva e que incide directamente sobre a personalidade daqueles que a sufren.



- Esta obra foi a gañadora do Premio de Novela Vilar Ponte 2019. Como recibiu a noticia?


Recibín a noticia con moitísima alegría, estaba lendo no salón da miña casa un sábado pola tarde cando soou o teléfono. Non podía crer que fose a gañadora! Teño que dar as grazas a Corporación Municipal do Concello de Viveiro e máis aos membros do xurado do Premio Vilar Ponte polo esforzo que fan para preservar a memoria dos irmáns Vilar Ponte, precursores das Irmandades da Fala, e tamén e polo seu compromiso coa nosa lingua.


Recollida do Premio e Premio Vilar Ponte (Fotografías: Iago Santamaría)


Recibir un premio de estas características implica para min ter máis visibilidade como autora, ter a oportunidade de chegar a máis lectores, que supoño que é o que todos buscamos cando escribimos, que nos lean, pero sobre todo, ter a certeza de que todo o tempo que lle roubo á miña familia e que lle dedico á escrita, non é tempo de balde.


- Cibrán Ulloa é un personaxe que ten aparentemente todo o que un rapaz pode desexar, mais descubrimos que non é así…


Nesta novela nada é o que parece, Cibrán Ulloa é fillo dunha respectable familia da alta sociedade, fillo dun médico de renome, ten todo o que un rapaz da súa idade podería desexar, diñeiro, aparellos electrónicos de última xeración, un barco propio…, pero fáltalle o esencial, o amor dunha familia, o calor dun fogar. Cibrán é un adolescente complicado, nun momento determinado comete un delito e ten que ingresar nun centro de menores.


A novela garda unha reflexión sobre a culpabilidade moral do rapaz que se pode extropolar tamén á nosa propia sociedade, pois tan culpables coma el son tamén todos os que o rodean: o pai que o maltrata, a nai que o permite, os amigos que fuxen del a causa do seu mal carácter, os veciños que non denuncian o maltrato, os profesores que non practican os protocolos esixidos, todos son culpables en realidade por gardar silencio sobre a súa terrible realidade.


- O xurado salientou a violencia presente en toda a novela, mais creo que deberíamos falar de violencias ou maltratos en plural…


A violencia física e psicolóxica no seo da familia é o piar fundamental da novela, pero tamén se poñen de manifesto outros tipos de violencia moi presentes na adolescencia e na vida en xeral coma o acoso escolar, o machismo, o “sexting”, o racismo ou incluso a violencia contra un mismo na forma de atentar contra a propia vida.

A novela pretende visibilizar o problema do silencio social que se garda ante todo tipo de actitudes violentas que se producen ao noso carón, e a imperiosa necesidade de denunciar sempre estas realidades que nos resultan tan incómodas e perturbadoras. Se non denunciamos, acabamos sendo tamén cómplices dos violentos, dos maltratadores, dos machistas, dos acosadores.


- Como definiría ó personaxe de Iria Fraga?


Iria Fraga chega ao centro de menores para facer un informe pericial psicolóxico de Cibrán de cara ao xuízo que lle espera polo delito cometido. Nun primeiro momento, chega cos prexuizos que case todos gardamos respecto a un adolescente internado nun centro desas características, sobre todo ao que se lle presume unha certa posición social: un neno rebelde, malcriado, indisciplinado, un “neno de papá”.

Pouco a pouco vai ir descubrindo a terrible realidade persoal de Cibrán, que a conecta tamén coa súa propia verdade, enfrontándoa cos seus propios demoños.

Iria Fraga é o catalizador da transformación de Cibrán Ulloa, é un punto de luz sobre a terrible escuridade que asolaga esta novela.


- Como autora como valoraría o seu proceso creativo?


O proceso creativo desta novela foi moi duro, tanto á hora de profundizar nos trastornos límite de personalidade desde o punto de vista psicolóxico, que me levou varios meses de consultas a profesionales do sector e o estudo dunha abundante bibliografía específica, coma no proceso de perfilación das personaxes da novela, sobre todo de Cibrán, onde envorquei todas esas historias durísimas que me foron entregando multitude de rapaces e rapazas ao longo dos anos, para dar forma a este rapaz que agocha un tenro corazón inocente debaixo dunha grosa cotra de ruindades ácedas coma o fel.


- Se tivese que recomendar obras en galego. Cales serían?


Algún clásicos como A Esmorga de Blanco Amor ou Lieders de Rosalía de Castro, e despois, un pouco máis na actualidade, recomendaría ler a Riveiro Coello, Domingo Villar, Arantza Portabales, Inma López Silva ou Ledicia Costas, que ofrecen unha ampla variedade de obras, entretidas e interesantes, cunha lingua coidada e asequible para todo tipo de lectores en galego. A miña última pescuda foi Un lume azul, de Pedro Feijoo, unha novela brutal.


​- Para rematar. Ten algún proxecto literario en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?


Escribir O mal querer deixoume completamente baleira, supúxome un gran esforzo psicolóxico e necesito limpar a mente antes de poder iniciar unha nova novela. Agora mesmo trato de centrarme en repasar a gramática galega para continuar aprendendo e mellorando, e en ler moito, sobre todo ler, porque creo que non se pode escribir ben sen unha boa base lectora.




Etiquetas:

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page