top of page

Fátima N. Delgado: "Agora son unha poeta do urbano, que reclama o feminismo e teme á era dixital"

Fátima N. Delgado (O Barco de Valdeorras, 1981) É ovarios, serpe, egua, Salomé, viño tinto, apéndice, dragoa, manequín, Ulises, ouveos e sobre todo muller metáfora. No 2004 obtén o 2º premio no “V Certame de Poesía para novos creadores Díaz Jácome” co poemario Vou xogar ao fútbol coas letras do abecedario, a partir de aí gañará varios premios de poesía dentro e fóra de Galiza. Atopámola na Antología del beso. Poesía última española, en blogs como Las afinidades electivas, El coloquio de los perros e revistas como Dulce arsénico e Poe+. No 2013 publica Vestida de domingo, Antoloxía poética bilingüe dentro da colección Alcálima de Romania Minor.

Vive en Madrid dende hai unha década. Alí mestura a súa vida poética coa de actriz e dramaturga. Funda a compañía Meninas Teatro, participa en recitais de poesía e no Poetry Slam Madrid, forma parte do Prostíbulo poético, escribe e roda curtametraxes, produce micro teatros, é creadora nos colectivos Las Tizas Magdalenas Periféricas e Hacedoras de la Puerta e recentemente é unha das fundadoras da compañía de teatro-danza La Méduse. Hai un tempo decidiu pechar os ollos e abrir a boca para berrar de dor, pracer, fame e angustia. Foi entón cando vomitou cada un dos seus anacos ata que se desfixo enteira. Ama xogar coas palabras, espir o seu corpo e parir a súa alma de nómade, de feirante. Fala cando mastiga, cando escribe cospe.



Fotografías: Al primer vuelo/ Cedidas pola autora/ Seda de Biso

Vídeos: Youtube

 

- A miña primeira pregunta é evidente. Como fai Fátima N. Delgado para escribir poesía, recitar, actuar, dirixir e formar parte de diversos proxectos culturais e vivir ó mesmo tempo?


A cultura e maila arte son o que me dá a vida! Non podería vivir se non estivera creando constantemente, aínda que ás veces é moi canso e a iso pódese engadir que teño unha nena de cinco anos… Cando boto a vista atrás véxome sempre xogando a ser cantante, facendo teatros, bailes e imaxinando mundos. Fun filla única ata os quince anos e penso que iso agudizou o meu maxín. Hoxe é moi complicado sacar proxectos adiante no teatro e na poesía, sobre todo cando formas parte tamén da equipa de produción, pero penso que hai que seguir adiante e sei que non me vai chegar unha vida para todos os proxectos que quero para levar a cabo.


- Na súa faceta como poeta. Cales considera que son as súas influenzas?


Con respecto ás miñas influencias na poesía, teño moitísimas! Pasei por varias etapas na creación poética que reflicten as miñas propias etapas vitais. Empecei a escribir aos 17 anos. Nos meus inicios escribía poesía erótica enormemente influída polas poetas galegas Yolanda Castaño, Olga Novo, Lupe Gómez e mailos simbolistas franceses como Baudelaire e os románticos ingleses como Byron. En xeral penso que me inflúe moito a cultura galega, os meus avós, o rural e a natureza atlántica, todo isto mesturado co mundo do cinema, a fotografía, a música rock, a pintura, o hip hop... Tamén o mundo da banda deseñada e a cultura pop, sobre todo a cultura anglosaxoa debido aos anos que vivín en Manchester.


Outra gran influencia é o teatro e tamén os poetas americanos que estudei na universidade (estudei Filoloxía Inglesa) como os poetas Beats, Whitman ou W. Carlos Williams e T.S. Eliot e o seu libro The Waste Land.


Co paso do tempo a miña poesía fíxose máis social e política. Aféctame moito o mundo que me arrodea. Agora son unha poeta do urbano (vivo en Madrid dende hai 10 anos), que reclama o feminismo e teme á era dixital e a este mundo que agora se tornou post-apocalíptico.


Finalmente, se tivera que elexir os meus referentes na poesía a través dos anos diría que son Alejandra Pizarnik, Sylvia Plath, Rosalía de Castro e García Lorca.


- Como definiría o seu proceso creativo como autora?


Un chisco caótico. A pesar de ser unha persoa moi ordenada e metódica, todo iso esváese cando escribo, sobre todo poesía. Teño unha morea de cadernos, folios, cachos de papeis, servilletas, mesturados, con versos soltos, poemas e moitas palabras anotadas… Intento deixarme liberdade total na creación. Dunha palabra fermosa ou dunha expresión dun documental de animais pode saír un poema e ata un poemario… Por iso tardo tanto en recompilar, ordear e rematar un conxunto de poemas materializándoo finalmente nun libro. Deixo que dese caos inicial saia unha orde natural, sen présa.


- Ninfopoética (Urutau, 2018) é un libro pensado como poesía escénica e co que repasa a súa traxectoria vital. Foi complexo para vostede espirse de tal forma no texto e ante o público?


O texto poético estaba escrito dende 2003. O complexo foi mostralo ao público tantos anos despois. Ao primeiro sentía pudor e inquedanza porque non me recoñecía neses versos, pero despois foi unha especie de reconciliación co meu pasado, o peche dun ciclo a modo de catarse. Na posta en escena axudoume moito a miña experiencia como actriz e sentinme feliz e moi cómoda actuando os meus versos, reclamando a miña eroticidade.



- Cal é o xerme de Ouveos/Aullidos (Seda de Biso, 2020)?


Empecei a escribir os poemas do libro alá polo 2010 entre Madrid, Galicia e Liverpool. En Ouveos están os primeiros poemas que escribín en castelán, xa que o galego sempre foi a miña lingua poética, de aí facer esta edición bilingüe. A miña saudade e as consecuencias da diáspora que me levou primeiro a Inglaterra e despois a Madrid están latentes. Era un intre no que a procura da miña voz a nivel artístico era unha obsesión, de aí o de berrar e deshumanizar a miña poesía.

Os poemas aquí recollidos amosan un desencanto vital, un pesimismo imperante que se manifiesta a xeito de berro, de ouveo, dándolle voz a distintas personaxes e ás súas vidas, aos seus demos. Diría que é un poemario teatral e gráfico.

Con este traballo quería permitirme a liberdade de indignarme, de queixarme, de volver ao meu estadio máis animal, á miña consciencia máis primitiva.

Pero a este libro, sumáronselle poemas durante estes case nove anos de espera e maceración. Neste período o poemario cambiou e pasou de amosar só o lado escuro do ser humano ata transformarse nalgo máis luminoso, grazas ao amor.


- Este libro supón tanto o primeiro libro desta editora. Pesa a responsabilidade de ser a primeira peza do proxecto?


Síntome enormemente afortunada de que me elixiran para inaugurar o seu proxecto editorial. É unha editora cántabra independente que coida con agarimo e paixón os detalles e aos autores. Para min Ouveos/Aullidos é un pequeno tesouro a nivel estético, gráfico e visual. O libro vai acompañado das ilustracións e da peza da cuberta do ilustrador Néstor Revuelta Zarzosa, quen lle dá imaxe a unha muller atrapada nun labirinto tenebroso e lindo á vez, unha criatura que consegue bailerar a súa dor. Néstor é un artista inmenso e amplificou a esencia dos meus poemas, traballando arreo coma un ourive. Tamén contamos coa fotografía de Al primer vuelo.



- Ademais dunha edición fermosa e bilingüe, este libro tamén ten un prólogo de Branca Novoneyra…


Sí. Coñecín a Branca no Festival dos Eidos que organizan a familia Novoneyra en Parada do Courel, no que recitei no 2019 e posteriormente fun unha dos cinco poetas que gozaron da residencia artística Ámeto Mítico convocada pola Fundación Uxío Novoneyra e a Xunta, foi alí onde tivemos máis contacto. Quixen que fora ela a que me prologara pola súa calidez humana e a súa sensibilidade artística. Nesta tempada tiven oportunidade de ler máis a súa poesía e a do seu pai, da que xa era coñecedora, e é unha honra que escribira o prólogo. Ademais a súa visión é unha radiografía perfecta do que o lector vai atopar no libro.



- Cre que o traballo teatral e o poético están sempre vinculados?


Penso que o teatro é poesía e viceversa. No meu caso persoal, tardei en decatarme de que as dúas vertentes das que formaba parte como creadora podían eran unha mesma. Antes facía unha separación brutal de ambas disciplinas, escribía teatro poñéndome unha barreira invisíbel e negando a miña condición de poeta. Agora concibo cada poemario coa súa posta en escena na cabeza. Penso que todas as disciplinas artísticas conforman unha mesma que no meu caso teñen como obxectivo primordial a comunicación.


- Como valoraría o estado da poesía en galego?


A poesía en galego está máis forte que nunca ou iso é o que amosan os medios e as redes. Descoñezo as cifras, pero a miña sensación é que se publica máis poesía en galego ca antes. Hai unha xeración de poetas mozas e mozos moi interesante. Aínda que estou afastada da terra, intento estar ao día do que se publica e sorpréndome a cotío co numeroso que é o colectivo de poetas galegos e coa calidade que ten a súa poesía. O tema dos lectores non o vexo tan optimista, aínda que me pregunto: se publican tanta poesía será porque hai público, non si?


- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?


Proxectos demasiados, veremos se frutifican, como e cando… En marzo iamos estrear coa miña compañía La Méduse, que fundei xunto a Tatiana Carel, a nosa obra Mi verano en burkini, que esperemos non se cancele e poidamos estrear nalgún outro teatro ou festival no outono. Tamén as múltiples presentación de Ouveos/Aullidos en Santiago, Madrid e O Barco e a súa posterior posta en escena nun espectáculo que empecei a desenvolver hai tempo: Ouveos, radiografía dunha vida. Teño a piques de rematar un par de obras de teatro e outros tantos poemarios. Así que o confinamento non me dá para moito… Ademais, co Prostíbulo poético, do que son integrante, temos aberta unha liña telefónica: Hotline Poetry na que recitamos en privado e tamén a futura presentación da nova antoloxía poética: Libro Rojo Volumen 11 (xa en prevenda) xunto cos eventos cancelados que esperamos celebraren cando todo isto remate.



Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page