Xesús Fraga: "Virtudes (e misterios) tivo na súa cerna unha pregunta sen resposta"
Naceu en Londres, pero dende moi neno viviu na Coruña, e logo en Betanzos. Estudou xornalismo en Salamanca e traballa desde hai moitos anos en La Voz de Galicia. Entre as súas obras destacan títulos como O elefante Branco, A-Z, Reo, Tute para catro ou Salimán. Unha das súas afeccións é o mundo da cociña, sobre a que publicou 50 receitas con amoras e outros froitos silvestres. Como tradutor trouxo para o galego libros como Lolita, de Vladimir Nabokov, ou Arthur & George, de Julian Barnes.
Texto: Editorial Galaxia (web)
Fotografías: Retrato (cedida polo autor)
- Comecemos cunha idea forte. Que significa para vostede a literatura?
A literatura pode representar infinidade de cousas en función de cada persoa. E a cada un ofrécelle posibilidades inesgotables. En distintas épocas da miña vida lectora deume descubertas, confortos, aventura, humor, evasión ou reflexión, moitas veces dentro dunha mesma obra e ao mesmo tempo. Tamén me tentou para cruzar o espello e ver que clase de materia escura era aquela na que nos reflectíamos, nidios ou deformados, engadindo a faceta de autor á de lector.
- Cal é o xerme de Virtudes (e misterios) (Galaxia, 2020)?
Eu nacín en Londres en 1971 e vin canda miña nai e meu pai cando regresaron a Galicia en 1976. Malia manter sempre un contacto fluído con Inglaterra (a miña avoa seguiu alá ata máis ou menos 1991), sempre me perseguía unha pregunta: como sería a miña vida, as nosas vidas, de quedar alá? Velaí outra das capacidades da literatura, a de fabular as vidas non vividas, só soñadas. A esa interrogante sumáronse outras: por que emigrara a miña avoa, nai xa de tres fillas, a un país do que o descoñecía todo, empezando polo idioma? Por que desaparecera en Venezuela o seu home, emigrante tamén el? Era masón un dos meus bisavós paternos, como me contara meu pai sendo eu cativo? Algunhas levábaas facendo dende a infancia, outras foron agromando no proceso (longo) de reflexión e escrita do libro. Creo que, no fondo, nacían desa pulsión atávica de saber de onde procedes.
- Como recibiu a noticia de que gañara o Premio Blanco Amor 2019?
Foi, loxicamente, unha gran alegría. Era moito o investido neste libro, tanto en tempo como dende o punto de vista emocional. Dúbidas e incertezas sobre a forma de narración, que contar e que omitir e, sobre todo, o temor a non ser quen de facerlle xustiza á historia de meus pais e miña avoa. Que gañase o premio, ademais da ledicia natural en si, implicaba un recoñecemento a ese esforzo.
- Neste título fálase da emigración dende o punto de vista de aqueles que retornan. Un aspecto non habitual ó abordar a temática da emigración.
A emigración europea introduciu un elemento novidoso con respecto ás circunstancias dos que marcharan a América, especialmente no XIX e comezos do XX. As posibilidades de regreso eran máis factibles, na distancia e mais no económico. Coñecín a persoas que emigraron a Inglaterra co obxectivo preciso de acadar os cartos necesarios para mercar un piso: unha vez logrado o seu propósito, volvían. Estes mesmos factores tamén facilitaron unha convivencia dobre, diferente, nas sociedades propia e do país de acollida. Eu medrei dacabalo entre esas culturas, a galega, a española, a británica, coas súas vantaxes pero tamén os seus desaxustes e eivas. Conciliar as súas pegadas, por veces tan distintas, na miña personalidade foi outro dos motivos da escrita, aínda que seguramente non fun consciente diso ata concluír o proceso.
- Como definiría o seu proceso creativo?
As historias poden desenvolverse de moi diversas formas. Virtudes (e misterios) tivo na súa cerna unha pregunta sen resposta, mentres que Reo naceu da primeira frase («Chámome Reo»), que me volvía ao maxín periodicamente ata que armei a narración a partir dela. Foron dous procesos, tamén, moi distintos, porque a primeira era o que poderiamos chamar unha novela sen ficción (coa advertencia de que lembrar xa é, dalgún xeito, unha ficción), mentres que a segunda se circunscribe basicamente ao eido da invención. O que si teñen en común é esa fase inicial de obsesionarse coa historia, para dar paso a unha recolleita informe de anotacións, sensacións, trazos, que un logo vai tratando de ordenar mediante a escrita.
Manuscritos, liña do tempo e documentación para a escrita da novela. (Fotografías cedidas polo autor)
- Falemos entón da súa faceta como tradutor. Cales son os elementos imprescindibles na súa forma de ver a tradución e cales son os máis prescindibles?
Creo que é moi certo iso que se di tantas veces, de que o tradutor ten que ser fiel á esencia da obra e non á literalidade, porque precisamente terá que sacrificala sempre: cada sistema lingüístico, mesmo os máis achegados, ten as súas normas distintivas e cómpre buscar solucións axeitadas a cada un. Igual que quen escribiu un libro escolleu unhas palabras determinadas e as colocou nunha maneira concreta, un debe atopar como transmitir fielmente ese espírito a quen o vaia ler nunha lingua distinta. É un paradoxo, porque é relatar algo intanxible, a sensación, o pouso, que deixa a obra, a través de elementos tanxibles como son as palabras.
- Podería recomendar algúns títulos en galego para estes tempos de inestabilidade?
Son moitas as obras recomendables. Así, cunha certa desorde, segundo vou lembrando. Sempre é unha boa idea volver a frecuentar os clásicos. Rosalía, Cunqueiro, Castelao, Manuel Antonio… todos temos os nosos favoritos. A Tertulia de boticas prodixiosas de Cunqueiro pode ser unha boa lectura para estes días. As columnas Á marxe de Carlos Casares en La Voz, recollidas en libros por ano por Galaxia, con toda a súa diversidade. Ou, para quen teña saudades de viaxar, A expedición do Pacífico, de Marilar Aleixandre; Fin de século en Palestina, de Murado. Aventura en estado puro: Morning Star, de Xosé Miranda. Máis recentes, o monumental 900, de Xabier López, tamén Carrusel, de Berta Dávila, ou Diario dun enterro, de Gonzalo Hermo. E sen esquecer os esforzos por achegar a literatura universal ao galego: xa se pode ler O ruído do tempo, de Julian Barnes, por exemplo, en Rinoceronte Editora. E moito máis…
- Para rematar. Tes algún proxecto en marcha ou finalizado do que poidas adiantar algo?
Proxectos sempre hai. O caso é poder dedicarlles tempo. Teño unha novela de corte fantástico que aínda non conseguiu medrar máis alá dos dous primeiros capítulos, e iso que leva xa uns aniños dando voltas polo disco duro. Quizais no 2021, se hai sorte.