top of page

Teatro na casa: Despois das ondas, de Butacazero (Balea Cultural, 2/05/2020)

Coido que unha das cousas que máis estraño neste momento é acudir ó teatro. Confeso que son deses bichos raros que devoran textos teatrais, len atentamente a crítica teatral e que, cando as condicións o permitían, asistía a practicamente a totalidade de representacións da carteleira da miña cidade. Debo admitir que, incluso, fixen algunha desas interminables viaxes en autobús a outra cidade para ver algunha obra concreta ou festival. Dende que non hai teatro sinto que falta algo especial na miña vida e temo que isto será durante un tempo unha constante.


Moitas compañías teatrais fixeron públicas filmacións das súas pezas na rede de forma totalmente gratuíta para os usuarios. Temos unha boa cantidade de obras de grandes compañías como Voadora, Butacazero, Teatro do Noroeste ou Ibuprofeno ás que podemos acceder sen ningún custe. Iso só no ámbito galego, en castelán podedes acceder a Teatroteca, habitualmente so accesible para investigadores e profesionais, e visualizar gravacións de máis de 1.500 obras.


A maxia do teatro e o seu especial “aroma” pérdese parcialmente coas gravacións, mais agardo que co visionado das mesmas moitos de vós tomedes a decisión de volver ó teatro ou de achegarvos por primeira vez a el. A cultura é de todos e debemos coidala porque, como vedes, ela está cando nós a necesitamos. O teatro é un exemplo e, pese a que a moitos se vos esqueza cando falades das axudas á cultura, é un dos sectores máis afectados polo coronavirus.


A miña primeira proposta para esta serie de artigos de Teatro na casa, é unha obra que ata fai pouco facía xira polo país e que, persoalmente, creo que simboliza moi ben a importancia do oficio teatral para a nosa sociedade e, ó mesmo tempo, a transición cara a un teatro tecnolóxico que probablemente será a tónica habitual dos vindeiros meses: Despois das ondas, de Butacazero.



Despois das ondas é unha proposta de Butacazero co principal obxectivo de situar a María Casares á altura que merece dentro da historia cultural do país. Adaptación do texto de Ernesto Is, gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña, é unha obra teatral que permite coñecer dunha maneira sintética gran parte da biografía da vida da actriz galega mediante a introdución de elementos escénicos de diversa procedencia. Todo isto coa intención última de dar visibilidade, en palabras da personaxe, a “aquela vida antes de todas as vidas” e a “toda unha vida vivida polo medio”.


Constrúo o meu refuxio sobre as táboas porque perdín o meu fogar. Envólvome co calor das súas fronteiras. Non quero as vosas estúpidas bandeiras. A miña patria é o teatro.


Belén Constela e Nerea Brey dan vida ó personaxe de María Casares nunha viaxe polos momentos decisivos dos primeiros anos da vida da actriz, ata que regresa por primeira vez ó país tras corenta anos de exilio. Ambas interpretan a distintas Marías Casares que transitan por aqueles sendeiros inestables da (des)memoria, abrindo, pechando feridas e (des)fragmentándose coa pretensión de comprenderse antes de chegar ó final, ó fogar.


A terra pola que os meus primeiros pasos camiñan ten nome de fogar. Ten nome de nai. A min gústame chamala Galicia. Perténceme. Forma parte de min mesma. Ela non é eu, pero eu si son ela.


Esta peza é realmente unha construción complexa na que conflúen elementos do cinema, música, tecnoloxía e a propia realidade extraescénica. Este último elemento lémbrame a Eroski Paraíso de Chévere, que tamén fai visible a aparatoloxía e partícipe ó equipo técnico no escenario, mais creo inevitable vincular este feito cunha homenaxe (in)voluntaria á profesión de actriz e a todos aqueles profesionais que, como a propia Casares, son elementos imprescindibles na construción de calquera espectáculo.


Non nos equivoquemos. Esta peza non é un canto elexíaco ou laudatorio á súa persoa, senón un exercicio de descomposición do eu dun personaxe complexo, alimentado pola inestabilidade da súa biografía. Viaxamos, entón, pola biografía dunha María Casares que se reinterpreta e analiza a si mesma, e coa que percorremos unha viaxe bidireccional, de ida cara ó pasado e de volta cara ó futuro.


40 anos e toda unha vida, vivida polo medio. 40 anos e so agora, comezo a ser María.


En resumo, considero que Despois das ondas é unha homenaxe non só a propia María Casares, senón unha reflexión última da importancia da figura da actriz e dos procesos creativos no eido cultural. Unha sorte de cinema ó vivo baseada en “fotografías mentais que olen e saben na memoria”.

(Este artigo publicouse na revista cultura Balea Cultural o 2 de Maio de 2020)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page