top of page

Ramón Sánchez: "Nestes poemas prevalece a urxencia primitiva da carne, o contacto dos corpos&qu

Ramón Sánchez (Carballo, 1975). A miña incorporación serodia ao mundo da escrita tivo lugar a mediados de 2014 cando xa contaba con 39 anos. A finais dese mesmo ano obtiven o segundo premio no XXIII Certame A Pipa de Becerreá na modalidade de relato, e logo desa motivadora distinción sucederíanse outras como o segundo premio de poesía no XII Certame literario Concello de Ames, o primeiro premio no IV Certame de poesía Palabras que Curan, dous segundos premios de poesía no IX e no XI Certame Literario Terras de Chamoso, un accésit de poesía no XXIV Certame a Pipa de Becerreá, unha mención especial e o primeiro premio no X e no XII Certame de Poesía Concello de Mugardos respectivamente, o terceiro premio no VI Premio Manuel Leiras Pulpeiro de Mondoñedo e o primeiro premio no XVI Concurso de poesía Anomar de Os Tilos. Teño participado tamén, inda que en menor medida, en certames literarios en lingua castelá, entre os que cabería destacar a sexta posición no III Certamen de microrrelatos Micro rock de Laredo, a inclusión de dous microrrelatos no libro El bosque de las palabras editado en Madrid, ou a condición de finalista no II Certamen Umbral de la poesía de Valladolid e no VII Certamen Los incrédulos de Casablanca de Zaragoza. En febreiro de 2018 publiquei en internet “Enxeñería efémera”, unha sorte de 13 poemas visuais que forman parte dun todo e que se poden ver de xeito gratuíto nas principais plataformas de vídeo, e en maio fun convidado ó V Mondoñedo é poesía, no que o meu poema “A túa ausencia” foi publicado no libro que se editou con motivo das primeiras cinco edicións deste evento. En febreiro de 2020 saíu á luz “Descender pola nádega da montaña”, o meu primeiro libro editado pola Editorial Toxosoutos.

Texto: Biografía (Cedido polo autor)

Fotografía: Mari Blanco

 

- Comecemos cunha idea forte. Que significa a poesía para vostede?


Para min a poesía é o torno sobre o que labrar os pensamentos, as reflexións. É unha forma de ver as cousas dende outro prisma, de crear unha empatía con determinados temas que non acadaría doutro xeito. É asemade un magnífico exercicio de autoterapia, sen dúbida.




- Lembra cando comezou a súa relación coa literatura?


Gústame ler desde que era un cativo. Neses primeiros anos, e posteriormente tamén, lía narrativa exclusivamente. Recoñezo que a poesía nunca me chamara a atención, e máis aló dos libros que me obrigaban a ler na escola, non indaguei no xénero ata que o grupo no que tocaba e no que me encargaba de facer as letras das cancións (Traboute), sufriu un parón indefinido aló polo 2011. Quedei un pouco á deriva, artisticamente falando, e a finais de 2014 comecei a plasmar algunhas ideas sobre o papel, sen moitas pretensións. Logo funas pulindo e dándolles forma de microrrelatos e poemas, a maioría das veces empregando o galego, e as menos o castelán. Pero a poesía ten algo que atrapa, e cada vez dedicáballe máis tempo á lírica en detrimento da prosa. Hoxe en día a miña produción é integramente poesía en galego.




- Cal é o xerme de Descender pola nádega da montaña (Toxosoutos, 2020)?


Nestes poemas prevalece a urxencia primitiva da carne, o contacto dos corpos. A necesidade, primeiro, de escudarse no anonimato que confire a escuridade, e a premisa, máis tarde, de nomear aquilo que é de seu, que lles pertence, aquilo que aleitaron co paso das horas. É una historia que acontece dende que esperta a noite ata que abre o día.

Este libro naceu a mediados de 2019 coa finalidade de participar no certame de poesía erótica Illas Sisargas. Xuntando algún poema que tiña escrito con outros de novo cuño, conseguín darlle a cohesión que precisaba o libro e envieino a concurso. Ó non acadar o premio probei sorte en diferentes editoriais e foi Toxosoutos quen decidiu publicalo. Realmente o proceso de escrita foi moi rápido, apenas un par de meses, e o de revisión, que sempre adoita levar máis tempo, tampouco se delongou no tempo. Para min é un poemario moi importante por varios motivos, e non só por representar a miña primeira incursión no mundo literario, senón porque coido que evidencia un salto cualitativo con respecto ó que levaba escrito ata ese momento. Tamén é, ou iso coido, un fermoso agasallo para a miña compañeira de vida.



- Anteriormente publicou outro poemario, Enxeñería efémera (2018)?


Enxeñería efémera é un vídeopoemario do que só fixen unha pequena tirada en DVD para promocionar o traballo, mais ó que calquera pode acceder de xeito gratuíto tanto en youtube como en vimeo. Consta de trece capítulos nos que se narra a historia dunha parella, dende os seus primeiros pasos ata á fin do camiño xuntos, xa na vellez.

Foi un proxecto moi esixente ó que me dediquei en exclusividade durante varios meses e co que aprendín moito, xa que todo o que se pode ver e escoitar foi realizado por min, dende á gravación e edición de vídeo, pasando pola gravación das voces, a creación e gravación da música e todos os deseños.

Estou moi contento do percorrido que tivo, tendo en conta a miña inexperiencia neste campo e que foi realizado cun teléfono móbil baixo a premisa de conseguir os mellores resultados ó menor custo posible.


- Se tivese que elixir un poema de cada un dos textos para unha futura antoloxía. Cal sería?


De cada conxunto de poemas sempre hai algúns que sobresaen. Aínda así non é doado escoller só dous.


Pero por dicir un, de Enxeñería efémera (2018) elixiría Espertar en coalescencia:


Declarámonos culpables:

non sabemos silenciar

esta desharmonía que nos orquestra;

este devorarnos adoecidos

en lexítima defensa

acubillados na preponderancia do abrente,

na repulsa da noite que xa deixou de ser.

Non nos abafa esta perpetuidade

de posuírnos, espidos de prexuízos,

nin o monótono oscilar

dunha respiración emprestada.

Contamos coa afouteza suficiente

para lamber as chagas

cando sexa necesario;

e somos plenamente conscientes

de que neste niño está o único

que paga a pena.

Asinámolo diante de quen sexa.

Só dádenos cinco minutos máis.


E de Descender pola nádega da montaña quédome con Resoluto:


aceptar o sometemento

enraizar nesa fraqueza

e asumir a negrura

como preludio

para esculcar as formas

debullalas

afacerse ó tacto e levedar

cun movemento mestre

a preguiza da polpa


- Recentemente coñeceu que o seu sería un dos poemarios que resultou elixido na recente "chamada" de Urutau. Como valora ese feito?


Para min foi unha sorpresa e supuxo unha ledicia enorme que Urutau elixise os meus poemas. É unha das editoriais coas que sempre quixen publicar, pola liña que seguen, polo deseño dos seus libros e porque apostan pola diversidade de obras e creadores. Non podo estar máis contento e agradecido. Pouco a pouco vanse vendo os resultados do traballo na sombra que tantas veces supón escribir poesía.


- Nesta época de inestabilidade a poesía preséntase como necesaria. Podería recomendarnos algúns títulos de poesía que considere interesantes para ler neste momento?


Os libros que vou amentar non son novidades literarias, mais coido que pagan a pena. “Oso, mamá, si?” de María Lado (2015) é un fermoso canto ós fillos, á vida. “E alentar na túa rosa” de Paco Souto (2010), un libro de corte erótico moi sutil. “Camaleón” de Charlotte Van den Broeck (2015) e a súa particular visión das cousas. “Lumes” de Ismael Ramos (2017), unha bonita homenaxe á familia. Logo podería aconsellar, e non erraría, calquera libro de Manuel Álvarez Torneiro ou de Joan Margarit, dous mestres dos recordos e da memoria.


- Para finalizar. Ten algún proxecto literario en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?


Fai tempo que quero revisar e ampliar un libro de microrrelatos que deixei a medias e agora pode ser un bo momento, quen sabe. Pero a verdade é que sempre estou argallando algo, só teño que esperar que prenda o lume, e deixar que arda.

Etiquetas:

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page