top of page

Teatro na casa: Raclette, de Ibuprofeno Teatro (Balea Cultural, 12/05/2020)

Durante todo o confinamento lin en varios xornais e magazines a frase “a rede social máis grande chámase bar”. Esta frase non é un invento dos xornalistas senón que foi empregada por Coca-Cola nun dos seus spots publicitarios na época da crise económica. Eu modificaría esta frase: “A rede social máis grande chámase bar, pero tamén furancho, adega, mesón ou casa (inserte nome atemporal)”. Coido que é imposible crear unha imaxe de Galicia sen a súa gastronomía nin as reunións que se suceden arredor dela. O teatro non ía ser menos.


Ibuprofeno Teatro é unha das compañías máis interesantes do noso país e na que hai unha aposta (in)consciente polo mundo da gastronomía como base dende a que ollar o mundo. Exemplo disto son as súas obras: O furancho, Casa O´Rei, Raclette e a máis recente O mel non caduca. Todas éxito de pública e de crítica.


Na miña primeira entrega desta serie de “Teatro na casa” comentei as miñas impresións sobre Despois das ondas, de Butacazero dende a miña preocupación polo futuro do sector. Hoxe fágoo dende a nostalxia e a necesidade de apertar ós nosos seres queridos e de sentarnos á mesa con eles para compartir miserias e alegrías. Xa que de momento non é posible, deixóvos unha obra que podería ser espello destas escenas que tanto botamos en falta: Raclette, de Ibuprofeno Teatro.


Comecemos as notas deste espectáculo cunha confesión. Xa asistín moitas veces a este espectáculo en vivo. Cando digo moitas significa que non estou seguro xa de se foron tres, catro ou dez. Porén, se pensades que isto fai que coñeza todas as súas bondades e tamén que detecte as súas miserias con facilidade, estades equivocados. Gustaríame que iso fose certo, máis este Raclette ten tantos ingredientes que supón unha experiencia distinta en cada posta en escena. Como é posible isto se texto, elenco, decorado ou outros elementos parateatrais son sempre unha constante?


En Raclette temos cinco personaxes que atravesan distintos momentos da súa vida e que da a sensación de que viven na inestabilidade e na incomprensión. Por un lado temos a Paula e Raúl, unha parella nova con distintos puntos de vista sobre o mundo e a arte, e a Mario e Miriam, unha parella que vive nun estado depresivo pola morte do seu fillo Nico e que enfrontase ó futuro con distintos mecanismos. A todo isto súmase Vero, que é invitada por Paula e Raúl para falar da contratación do seu fillo Mateo, unha muller obsesionada coa educación dun fillo que parece que non camiña na dirección que ela agardaba. Santiago Cortegoso tece un texto onde nada é observado dende un punto de vista inmóbil e universal. Neste texto, gañador do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2014, todas as personaxes teñen unha visión diferente dos mesmos referentes e iso fai que o espectador teña que escoller a cara da moeda coa que máis cómodo se sinta. Todos os temas que preocupan a sociedade teñen presenza neste texto: traballo, amor, política, maternidade, cultura, arte, economía ou ética. O estado de ánimo ou as realidades de cada espectador favorecen maneiras distintas de enfrontarse ó que nel se conta. O paralelismo é, por esta razón, un dos elementos que máis engrandece este espectáculo. Ademais de a nivel discursivo e na sucesión dos acontecementos, ese paralelismo tamén pode verse no posto que ocupa cada un dos actores na mesa e na necesidade de que en moitas ocasións dúas persoas se despracen de maneira que semellen unha espello da outra.


A compoñente “gastronómica” do espectáculo é todo un segundo espectáculo por si mesmo. En escena as dúas ceas suceden nunha mesma mesa polo que hai todo un arte cerimonial e coreográfico á hora de arranxar a mesa, preparar e incluso consumir os distintos alimentos que hai nesta Raclette. Saltamos dunha cea a outra e somos conscientes de onde estamos pese a aparente homoxeneidade escénica. A construción do espazo escénico é todo un traballo de enxeño. Ademais do patio de butacas do teatro, engádese a posibilidade de ter acomodo no escenario nunhas localidades ó redor da mesa. Tiven a oportunidade de ver este pase dende esa posición e paréceme unha decisión brillante, xa que favorecen moitísimo o efecto de inmersión grazas tanto a sensación de proximidade cos personaxes e os seus problemas, como á hora de captar os aromas que desprende o cociñado a lume lento.


O traballo do elenco é brillante. A calidade dos actores e actrices escollido é innegable e conseguen transmitir todas as emocións sen esforzo aparente, pese as obvias limitacións do espazo escénico e que sexa imprescindible manter o discurso ó mesmo tempo que se preparan os alimentos. En especial destacaría ás actrices neste espectáculo, xa que as personaxes femininas nesta peza asumen con forza e valor a súa realidade fronte a fraqueza das masculinas que adoptan aptitudes extremas e incorrectas ante os seus problemas.


En resumo, Raclette é un espectáculo que se comunica co público de moitas formas, polo que é imposible que non lle agrade. Un produto artístico tan coidado que acada a perfección e que pon enriba da mesa todos os ingredientes precisos para cociñalos a lume lento e que o público se alimente de realidade.



(Este artigo publicouse na revista cultural Balea Cultural o 12 de Maio de 2020)

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page