Manuel Portas: "Nutrirme de sensibilidades diferentes á miña, acirrar a miña creatividade, sabo
Manuel Portas (Barcelona, 1960). Arousán por ascendencia paterna e compostelán por adopción, é profesor de lingua e literatura no IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago de Compostela, centro que dirixe desde hai anos. Colaborou en diferentes obras didácticas e en publicacións de carácter pedagóxico, así como en xornais e revistas do país. A súa dedicación á análise social e á promoción do idioma levouno a publicar "Língua e sociedade na Galiza" (1990), unha das obras de referencia obrigada na sociolingüística galega. Participou en política e formou parte do goberno municipal de Santiago ao longo de dous mandatos (1999-2007). Deuse a coñecer como novelista no ano 2010 con "Denso recendo a salgado", publicada por Xerais. Nesta mesma editorial publicou "Un dedo manchado de tinta" (2011), "Faneca Brava" (2013), finalista do Premio Xerais de Novela, e "Amor en alpargatas" (2015). No mesmo ano recibiu o Premio García Barros por "Lourenço, xograr" e en 2018 o Premio Blanco Amor coa obra "Por puntos" (2019). "Cadencias" é a súa sétima novela.
Fotografía: Santos- Díez (Ollo de Vidro - ACAB)
Texto: www.xerais.gal
- Comecemos cunha idea forte. Que é para vostede a literatura?
Se tivese que facer unha definición ampla, eu diría que calquera mensaxe lingüística con vontade estética é literatura. A literatura está na vontade de quen escribe e nos ollos e nos ouvidos de quen le ou escoita. Se a defino desde un prisma máis persoal, a literatura é ese estela que me permite navegar por outros mundos, largando amarras e gozando dunha realidade, a literaria, máis alá da que me rodea. Nutrirme de sensibilidades diferentes á miña, acirrar a miña creatividade, saborear a orixinalidade dos demais, iso é o que significa para min a literatura.
- Lembra cando comezou a escribir?
Supoño que, como todo o mundo, comecei a escribir ripios na mocidade. Axiña despertei ao compromiso coa lingua e iso levoume a centrar os meus intereses na sociolingüística, tanto na acción como na reflexión. Na acción, cando botamos a andar a Mesa pola Normalización e máis tarde na acción política e institucional. E na reflexión, cando preparei unha obra divulgativa, Língua e sociedade na Galiza, dada a carencia que había de visións de conxunto do que estaba a acontecer lingüísticamente no país. Con todo, nunca deixei de ser un lector voraz, nin sequera nos momentos máis intensos da actividade política, principalmente de narrativa. Despois, terminada esa etapa de maior acción social e política, bordeando os cincuenta, recuperei vellas querenzas e mergulleime na escrita creativa, cunha novela Denso recendo a salgado, centrada no mundo do narcotráfico que se desenvolveu nas rías e que a xente da miña xeración viviu na mocidade.
- Como definiría o seu proceso creativo? Cal é a parte máis complicada?
Non creo que invente a roda se che digo que non teño unha pauta única para a creación. En xeral, todo comeza cun papel, con nomes, con monosílabos, con frechas, debuxos, esborranchando,… Cando xa teño problemas para lembrar que significaba unha frecha ou un ionterrogante, entón paso ás palabras, aos esquemas… e, a partir de aí, entro nas grandes decisións, quen a vai contar, que cores, que tonalidades vai ter esa voz, en que momento da historia comezo, cal é o final que pretendo. Despois, todo é atraizoar esa idea inicial. O máis complicado, cando parar.
- Como califica a experiencia de recibir o Premio Blanco Amor 2018 por Por puntos (Galaxia, 2019)?
Pois é unha experiencia pracenteira, obviamente, aínda que desacougante. Souben da decisión do xurado o día anterior á entrega do premio, sobre as tres da tarde e, unha vez que o fallo do xurado saíu do gabinete de prensa, a orella non se deu despegado do móbil, atendendo amigos e medios de comunicación. Só á mañá seguinte tiven tempo para escribir as catro palabras que é mester pronunciar no acto de entrega.
- Esta é unha novela de personaxes. Foi complexo escribir o texto tendo que traballar con varias formas de ver o mundo ó mesmo tempo?
Non moito. Unha vez que os deseñas, aínda que a voz sexa unha terceira persoa, os personaxes permiten a versosimillanza do multiperspectivismo. Todos eles son ben diferentes e teñen como único elo de unión a asistencia ao curso de recuperación de puntos. Son tipoloxías humanas que poderían ser reais, algunhas mesmo tiradas en espellos da realidade. Non, escribir desde perspectivas variadas non resulta máis complicado que calcetar con novelos de varias cores.
- Cal é o xerme de Cadencias (Xerais, 2020)?
Cadencias é un cadro impresionista a partir dun ménage à trois atípico. O triángulo amoroso preséntase de xeito fragmentario, como unha serie de fotos fixas cargadas de lirismo nas que a relación amorosa e o sexo aparecen idealizadas. O xerme, como non pode ser doutra maneira, nace do interese por ese topoi tan complexo como é o amor, a relación máis medular de todas as relacións humanas.
- Esta é unha novela onde os sentimentos son protagonistas principais. É complexo construír un texto con tanta carga emocional?
Certamente. Máis que personaxes, os sentimentos, contraditorios, confusos por veces, irracionais sempre, son os auténticos protagonistas. É a primeira vez que xogo coa técnica do texto envolvente, que vai sumando, incrementando matices para esa foto fixa de que falamos antes. Se conseguín dar esa sensación de texto caleidoscópico, era o que pretendía.
- Se tivese que recomendar algúns títulos para esta época de inestabilidade. Cales serían?
Ademais de Cadencias? Fóra bromas: creo que apareceron textos deliciosos nos últimos meses. O verán en Lucenza, de Alberto Fortes, Formigas nos pés, de Nazaret López. E dos clásicos, ou non tanto, calquera das de Eça de Queirós, ou de Cortázar, ou de Pepetela. Ah, e unha reedición imprescindíbel para saber de onde vimos, Servir era o pan do demo, de Xavier Castro. Non todo ten de ser literatura...
- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?
Sempre hai notas, pequenos abrochos, aínda que neste tempo de apandar ando fuxido da creación. Últimamente só podo ler. E non por estar en etapa posparto, senón porque, alén do traballo, esta corentena enferrúxao todo…