top of page

Recensión: Emma Pedreira, As fauces feroces



Título: As fauces feroces

Autora: Emma Pedreira

Editorial: Baía Edicións

ISBN: 9788499953199

Nº de páxinas: 128 páxs

 

Sinopse:


Todo é cuestión de posicións. E de preposicións. Ela escribe contra a súa nai, entre a culpa e a vitimización e Elsa faino sobre a súa relación con alguén que pasou fugaz mais deixou ruínas ao seu paso. Benedetta próstrase ante Bartolomea e esta acouga canda o corpo da monxa compañeira. A través dos séculos que as afastan, as catro mulleres –e unhas quinta e sexta que se intúen–, compoñen un tapiz reflexivo sobre a maternidade, a sexualidade, a diversidade nos afectos e o libre albedrío. Unha composición feroz e íntima, desde o interior de catro mulleres que falan entre elas e sobre elas como o farían consigo mesmas, para procurarse.


Entre a ficción e a realidade histórica, As fauces feroces enlaza unha reflexión actual sobre a relación nai-filla co histórico proceso á monxa italiana Benedetta Carlini durante a Contrarreforma.

 

Coido que algúns libros chegan para converterse en imprescindibles lecturas en momentos nos que a súa importancia non se podería imaxinar. As fauces feroces de Emma Pedreira é un deses libros nos que a maxia da palabra escrita e a intensidade dos sentimentos que contén, fai desta unha lectura imprescindible na que se reflexiona sobre temas de importancia para a constitución do propio "eu".


Ó comezo da obra atopamos un prólogo de Eli Ríos no que xa se nos avisa de que o que estamos a punto de ler é unha historia que nos interpela a todos e na que debemos "seguir as instrucións coas que nos agasalla a autora para xogar a interpretar palabras coa lingua corporal". Non pode ser máis acertado o seu texto en relación co que esta obra contén.


Neste texto temos unha relación nai-filla analizada dende distintos puntos de vista e, paralelamente, o proceso á Benedetta Carlini durante a Contrarreforma. Estas dúas historias relaciónanse ente si e serven de base sobre a que as personaxes reflexionan sobre a sexualidade, a liberdade nas escollas, a identidade e a maternidade. Estas historias de mulleres de distintas épocas presentan ideas, realidades e incertezas que a autora debulla perfectamente.


Non sei se podedes notar que evitei xa moitas veces empregar a palabra novela neste comentario. A verdade é que para min esta non é unha novela, como pouco son dúas novelas. Hai moito de experimentación no texto, tanto que moitas veces estrañase a si mesmo. Ademais esta obra ten unha carga poética tan marcada e intensa que amplía os horizontes da miña lectura de maneira exponencial. Este é un libro total, como tamén o é o seu Besta do seu sangre. Libros nos que o talento desta autora é tan puro que as etiquetas son un lastre para a súa lectura.



Etiquetas:

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page