Recensión: Daniel Ugarte, O coala
Título: O coala
Autor: Daniel Ugarte
Editorial: Do Peirao
ISBN: 9788417393724
Nº de páxinas: 306 páxs
Sinopse:
Thomas Reed, un mozo galés afeccionado á música de R.E.M. e á Wikipedia, trasládase coa súa familia a Galicia para traballar como profesor de inglés nun colexio privado de Santiago de Compostela. Será alí testemuña dun acontecemento que crebará a convivencia dunha sociedade galega en tempos de crise: a misteriosa aparición dun coala nunha antiga carballeira, transformada agora en eucaliptal. Trátase dunha fantasía, descontrolada, sobre a inevitabilidade de que os lugares que sentimos coma propios muden. Dunha chamada á acción, para que fagamos que as cousas sexan, non como unha vez foron, senón coma nós queiramos construílas.
Un dos efectos máis interesantes que experimentan os emigrantes é que descobren, por mediación da adopción dunha nova lingua ou cultura, que a súa forma de ver o mundo non é universal. Sen embargo, para aqueles que non abandonan nunca o seu lugar de nacemento, aceptar calquera cambio no seu modo de vida supón unha transición complexa. Pensade agora que un feito curioso, como a aparición dun ser fóra do seu hábitat natural, fai que aquilo que críamos inmóbil percorra un proceso de estrañamento que o fai irrecoñecible. Atoparemos este e outros temas se lemos O Coala, o debut de Daniel Ugarte como narrador.
O comezo desta obra resulta un pouco caótico. Temos moitísima información de distintos aspectos da vida dos personaxes e información de eidos tan "diversos" como a política, baloncesto, historia de Gales ou a música. Moitas veces esa información resulta interesante, pero a súa extensión e relevancia non está sempre en consonancia coa construción do ambiente ou das psicoloxías dos personaxes. Ese vicio, propio da necesidade imperiosa de crear unha atmosfera concreta e chea de detalles, desaparece co paso das páxinas, polo que non penaliza en exceso á novela.
Grazas á aparición do coala, esta obra pasa a ser unha sorte de novela social, delirante e con bastante contido humorístico e satírico na que percorremos moitos lugares da xeografía galega e, ó mesmo tempo, analizamos desde distintas perspectivas a mesma realidade. Sen dúbida é unha novela para lectores espertos que busquen un retrato intelixente da nosa sociedade e tradicións.
Respecto ó estilo, o único aspecto criticable negativamente é a cantidade de estranxeirismos que ten o texto. É certo que aparecen todos ben sinalados con cursiva e existe un apéndice coa tradución dos distintos termos, pero a acumulación dos mesmos resulta excesiva existindo outros métodos para recrear realidades lingüísticas diversas. Malia todo, a decisión de introducilos tamén é lexítima debido á temática da novela e a diversidade de linguas que se empregan nela.
En resumo, O Coala é unha novela que crece co paso das páxinas e na que o autor convida a (re)construír a nosa realidade. Unha boa proposta que agardo que non sexa a derradeira.