top of page

Yolanda López: "A poesía é fecundar a vida, e deixar preñada a nosa morte"

Yolanda López (Ourense, 1976). É funcionaria de carreira na Administración de Xustiza. Licenciada en Filoloxía inglesa, técnica superior en turismo, tradutora e pintora, adicouse ao ensino medio e universitario. Realizou o DEA e a tesiña de licenciatura sobre a escritora sureña Eudora Welty. Foi investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Castilla-La Mancha, Birmingham, Virginia e Mississippi, así coma no Centro Ramón Piñeiro, onde colaborou con diferentes ponencias e artigos de ensaio. É autora dos poemarios Verdugos impolutos, 2005, Obertura sen heroe , 2006, Grietas, 2012, Temblor fiero , 2013, Moralla, 2013, Tántalo, 2014, Paisaxes soterradas (Plaquette bilingüe, 2015), Con el tambor del viento , 2015. Galardoada con numerosos premios literarios en Galicia e Madrid, textos da súa autoría aparecen en moitos libros colectivos. Publicou poemas, relatos e artigos de opinión en xornais e revistas literarias diversas. Colaborou no equipo de traballo do manual Niveis de Competencia en Lingua Galega (Xunta de Galicia, 2006). Formou parte do programa de recitais Poesía Nova da Comunidade de Madrid. Participou en recitais benéficos e en homenaxes a intelectuais. Impartiu obradoiros literarios e foi membro xurado de certames para mozos. Participou en espectáculos de poesía, pintura, fotografía, música e danza. Formou parte dos grupos literarios Bilbao e Poekas de Vallecas de Madrid.

Texto: Urutau

Fotografía: Redes sociais da autora

 

- Comecemos cunha idea forte. ¿Qué é a poesía para vostede?


A poesía é fecundar a vida, e deixar preñada a nosa morte. Cando o pensamento é poético, a palabra é música. A poesía é a ferramenta coa que movemos a conciencia social. O poema é o edificio da emoción e o pensamento sublimes. Coa poesía facemos arquitectura volátil e disparo necesario. O poemario é a porta que nos leva ao universo da imaxinación e a fantasía reais.


- Cando comezou a escribir?


Dende moi nena desfrutaba xogando coas palabras, tiña aptitude para compor historias, así como para diluirme nas artes visuais. O meu primeiro premio literario gañeino con 12 anos en Ourense, puxen en verso a vida de Luis Pimentel con debuxos de fondo elaborados por min. Na miña alma, poesía e pintura sempre foron da man. Entre os vinte e trinta anos tiven experiencia escribindo ensaio e artigos de opinión ao obter unha bolsa de investigación predoutoral sobre literatura norteamericana. A partir dos trinte anos inicieime na poesía, e a obtención de varios premios literarios foron o impulso para continuar na escrita dentro deste xénero.


Algúns cadros da autora (Imaxes cedidas pola autora)


- Como definiría o seu proceso creativo?


O proceso da creación literaria pasa por diferentes fases, cada unha delas máis enriquecedora. Primeiro atopamos esa explosión de inspiración que nos leva á composición inicial, ao manuscrito que nos lanza nesa viaxe cara un resultado definitivo. Dende a observación dun cadro, ata unha peza musical, a lectura dun libro, a visión dunh filme, pasando por una paseo pola natureza ou o propio silencio, poden levármonos á escrita. Despois comeza o que eu chamo o xogo progresivo coas letras, coa estrutura, a reescritura, as correcións, deliberacións, etc. Tamén é salientable o feito de dar pouso aos versos durante un tempo determinado para retomalos con posterioridade e así atopar novas saídas, novas ideas e emocións a tecer. Na miña opinión, en certo senso, un libro nunca está acabado. O paso de tempo abre portas constantes na (re)elaboración dunha obra. Todas estas etapas son a arquitectura que leva ao edificio do poema, constitúen a ramaxe que conforma a árbore poética.



- Cal é o xerme de A secuestradora de océanos (Urutau, 2019)?


O xerme de A secuestradora de océanos é o mar e a muller. Son poema breves, pero intensos, onde a natureza é unha personaxe máis. Divídese en dúas partes, a primeira titúlase Argazo a contraluz e a segunda Mosaicos de salitre. É un percorrido xeográfico do Hemisferio Norte ao Hemisferio Sur, unha viaxe por lugares emblemáticos onde a voz doutros autoras dialogan co meu ego poético. Supón un cambio na forma e no fondo con respecto á miña obra anterior Tántalo, onde había un predominio de poemas longos con compoñente descritiva e cun predominio da poesía social e feminista. Na miña nova obra atopamos unha poesía moito máis intimista, moi visual, cargada de plasticidade, onde a interdisplinariedade é unha constante, mais este rasgo é común en toda a miña obra. O poemario está ilustrado con catro fotografías tiradas por min en A Coruña.




- Tamén participou na antoloxía Un xardín de medio lado. 17 poetas da urutau na galiza (Urutau, 2019). Como valora a experiencia?


Un xardín de medio lado é un proxecto moi fermoso de Urutau Editora, onde os directores seleccionaron un par de poemas de cada poeta galego que teñen publicado con eles, dende Rebeca Baceiredo, Arancha Nogueira, a Marcus Daniel Cabada ou Fátima M. Delgado. No meu caso seleccionaron Órbitas, Navégame o Océano luar. Eu quedei moi contenta co resultado do meu libro e da antoloxía. Estaría encantado de publicar con eles novamente.


- Se tivese que elixir un poema de cada un dos poemarios que ten publicados para unha futura antoloxía poética das súas obras completas. Cales serían?


É complicado seleccionar un poema de cada libro, mais sempre hai algúns que marcan, sexa polas emocións subxacentes no momento da súa composición, ou polo momento ou lugar onde foron escritos. De Verdugos impolutos sinalo ‘Ai pedra mollada!’, é unha homenaxe á cidade de Compostela onde vivín moitos anos. De Obertura sen heroe sinalo ‘A muller paxaro’, un poema feminista onde a voz lírica é unha muller que leva burka que se rebela contra o patriarcado. De Grietas sinalo un poema de amor, un tema que non é común na miña obra, titúlase ‘La mujer tranquila’. De Moralla sinalo ‘A fiandeira’, unha homenaxe á poeta María Mariño. De Tántalo sinalo ‘Polifanía literaria en SÍ maior’, unha homenaxe a Galiza en todas as súas manifestacións, dende literarias a históricas. De Paisaxes soterradas sinalo ‘Lugar de residencia’. Do libro Con el tambor del viento seleccionaría calquera deles, son poemas moi breves sen título, cito ‘Ácida / como las cerezas de invierno…’. Xa para finalizar, do libro A secuestradora de océanos sinalo ‘Música de fondo’, a música é outra das constantes na miña poesía, non só como inspiración, senón tamén no fondo e na forma.


NATUREZA VIVA


‘Corpos deitados na herba queda, na corteza sísmica entrando na nudez, estensións da súa propia ramaxe, a paisaxe da súa árbore interior espertando co primeiro golpe. O tan-tan do tambor rubindo cara o teito da loucura e a beleza. A voz profunda chamando polo movemento da materia, a fermentación oblicua da vida, almas inmersas na música das follas que asubían lentamente cara aos sons da diversidade etérea. Reconversión nas ondas do primeiro paso, coma cans que esvaran polo chan na conciencia e a arte de vivir en liberdade. O gozo da danza que se vai achegando na ledicia de caer…e os nosos ollos inician a viaxe, a rexeneración palpitante de Avalon, a cor espida fecundando o berro de criaturas salvaxes, atravesando a terra devastada que nos deu a luz. Elévome convosco e non quero fuxir. Son néboa e brétema a un destempo, labaradas que ferides a miña pel de bailarina mutante. Tan só quería gozar do son da chuvia limpando os meus cálidos pés, intanxible na desgraza de voar co ritmo lírico do campo. Coreografías esquivando ruídos urbanos. A neurose de correr cara a nosa propia detención. Carballos silandeiros no refuxio da paixón sinistra, avelaíñas axeonlladas no sangue da raíz ramificada. Chegan as primeiras bágoas coralinas. Pingas fulminantes enviando raios, estrelas vaporosas anegando a fortaleza do baile ancestral. E así ascendemos polas faldras do monte e o terruño. Que así asubiamos a modiño polas costas danzantes. Somos lama mollada afundindo no desexo de rachar coa sincronía e a delimitación. As nosas verbas son o movemento mutado, a necesidade urxente de mover os fíos do corpo máis aló do habitáculo. A metáfora bailada. Pantalla e chan. Música e corpo. Silencio e berro. Sequía e chuvia. Morte e renacemento. O balcón aberto e ti dentro, entre as fervenzas douradas do noso harén.’


- Como definiría o estado da poesía galega?


A poesía galega é digna de admirar, hai moitísima variedade de autores, de temáticas e formas tratadas. É salientable a cantidade de editoriais indepenedentes que están a publicar tantos libros, dando oportunidade a autores incipientes e novos. Síntome orgullosa de ser poeta nesta terra.

Eu vivín varios anos en Madrid, e cabe indicar que hai moitos escritores galegoleños no centro da península. De feito, o grupo denominado Bilbao, publica semestralmente unha revista literaria chamada Olga cunha edición impecable.


- Podería recomendar algún título para esta época de inestabilidade?


Pois mira, non é fácil seleccionar un, máis eu destacaría que deberíamos potenciar a poesía social que a verdade non é frecuente na nosa terra. Sin ser necesariamente poesía, destaco o libro O cazador de historias do falecido Eduardo Galeano. E nesta época de tecnoloxía e dependencia do mobíl , destaco o poemario Pantallas da poeta ourensá Celia Parra, pero destacaría a moitos máis autores que tratan todo tipo de temas, dende Chus Pato a Rosalía Fernández Rial ou Olga Novo ou, doutras épocas, José A. Valente ou Angel González.


- Para rematar. Tes algún proxecto en marcha ou finalizado do que poidas adiantar algo?


Proxecto actuais? Moitos! Esta ano saiu do prelo o meu novo libro-diario-homenaxe ‘inclasificable’ e ilustrado por min, adicado a Madrid, cidade onde vivín case 5 anos, escrito en castelán, titulado Madrid habita en mi memoria (Nuevos Ekkos, La palabra inquieta, 2020). Quedou unha edición moi coidada e fermosa. Tiña que ter sido presentado en A Coruña en marzo e en Madrid en maio, pero tívemolo que pospor pola crise do Covid-19. Farémolo no 2021. En xuño fixémolo virtualmente.

Ao longo de 45 textos, o libro conversa co leitor nunha serie de lugares que, en apariencia, son lembranzas fragmentadas, mais que teñen o nexo temporal a través da miña voz que vos conduce por ese percorrdio aleatorio. En cada sitio, esparzo as lembranzas dunha cidade que habita en min. Coma se se tratrase dun patrimonio cultural, vou construindo unha memoria metafórica sobre lugares como restaurantes, bibliotecas, centros culturais, parques e ata hospitais.

Teño pendente de publicar outro poemario individual en galego e está a punto de saír do prelo un proxecto colectivo literario-artístico onde participo, a antoloxía con Urutau Editora titulada ‘Quem dera o sangue fosse só o da menstruaÇao’. Está tamén pendente de saír do prelo o primeiro número dunha revista cultural de Arzúa onde tamén participo, entre outros proxectos diversos.




Etiquetas:

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page