top of page

Recensión: James Rhodes, Instrumental



Título: Instrumental

Título orixinal: Instrumental

Autor: James Rhodes

Tradución: Eva Almazán (do inglés)

Editorial: Rinoceronte

ISBN: 9788417388386

Nº de páxinas: 280 páxs

 

Sinopse:


Imaxinade por un momento un neno de cinco anos que vai saltaricando, cheo de ledicia, por un camiño inundado de luz e calor. De súpeto, o chan cede baixo os seus pés e o neno cae ás augas xélidas e escuras dun lago sen fondo. Pide auxilio, pero non hai quen lle valla. A piques de afogar, cando está a punto de afundirse para sempre, atopa unha inesperada táboa de salvación. Non o saca da auga, mais permítelle aboiar nela, sobrevivir ata que o neno xunta forza e madureza para salvarse só.

Ese neno chamábase James Rhodes. As augas xélidas eran as violacións a que o sometía o seu mestre de ximnasia. E o salvavidas foi a Chacona en re menor de Johann Sebastian Bach que transcribiu para o piano Ferruccio Busoni. Disfrazada de autobiografía cuxa lectura remove as entrañas, Instrumental é unha oda á capacidade salvífica da música.

 

Instrumental é un libro difícil de ler pola densidade das emocións que nel se describen; unha obra autobiográfica que resulta moitas veces tan difícil de dixerir que require que o pechemos un tempo antes de retomar a súa lectura; e un produto literario onde o peso da ficción é relativamente pequeno, pero na que a veracidade e importancia do que se conta é materia suficiente como para que considere unha obra de lectura necesaria.


É necesario sinalar que na primeira parte do texto botei en falta ás referencias musicais, debido a que tiven a sensación de que limítanse a pequenos telegramas sen importancia no medio dun mollo de emocións. Esas referencias cumpren a función de fío conductor dos capítulos, pero nin están ben traballadas nin convidan á reflexión. A forma de expresarse do autor no comezo do libro tamén resulta bastante narcisista, agresiva e errática, polo que moitas veces o lector chega a reaccionar negativamente ante aquilo que se conta. Sorte que continuei coa lectura, xa que estes "erros" desaparecen case por completo co paso das páxinas.


Despois das primeiras cen páxinas, o libro evoluciona moi favorablemente en beneficio dunha reflexión sobre o valor da música clásica como unha manifestación que debe renovarse e que debe de ser accesible ás masas. Para iso, Rhodes introduce moita máis información sobre os seus referentes musicais e a importancia que tiveron na súa vida e obra, constituíndo unha especie de manifesto paralelo sobre as bondades e limitacións da música clásica na actualidade. Neste momento, Rhodes tamén comeza a exercer a función de editor da súa propia obra e corrixe e critica o narcisismo aparente no discurso do seu "eu", polo que engade (in)directamente unha nova perspectiva. A partir deste momento, o libro resulta moito máis interesante e faise plausible nel un valor literario que eu, anteriormente, non atopara.


Non quero sinalar con isto que as confidencias e (in)experiencias do autor carezan de interese. Estas son unha constante en toda a obra e exprésanse durante toda a mesma nos mesmos códigos e co mesmo grao de intensidade. Coido que sen elas perderíamos case por completo a mensaxe primordial que hai no texto. Simplemente pretendo expresar con isto que no comezo da obra temos una autobiografía pura que pouco a pouco muda a súa aparencia coa intención de constituír un texto de contido máis literario e universal.


Estilisticamente temos que destacar que a escrita semella un exercicio totalmente impulsivo e que resposta a unha necesidade imperiosa de expresar as cousas tal e como se senten. Teño a sensación de que a literariedade sacrifícase en favor dunha aparente escritura automática chea de rabia e dor. Tanto a tradución en castelán por Blackie Books como esta de Eva Almazán, que na miña opinión reflicte mellor a ironía que hai en certos momentos da obra, reproducen perfectamente este feito.

Instrumental foi unha lectura intensa e que fixo que reflexionase durante moitas horas sobre as secuelas de calquera trastorno. Teño clarísimo que algúns fragmentos son de lectura necesaria, teñan estes valor literario ou non, para comprender os traumas daqueles que sufriron, ou sofren, calquera tipo de abuso.


Etiquetas:

Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page