Eduard Velasco: "Podemos escoller un libro en galego para divertirnos ou para levalo á praia"
Eduard Velasco publicou os poemarios Ruído de trens (2015) e O filósofo coxo (2017). O relato «Taxidermia», inserido no volume colectivo A garza insomne, foi a súa primeira proposta narrativa .Traduciu do catalán ao galego as novelas Pan negro, de Emili Teixidor e As valgadas bravas, de Raimon Casellas. Do galego ao catalán trasladou dúas pezas de Vicente Risco: os relatos «Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros» e «Os europeos en Abrantes» e mais a novela O porco de pé. Cofundou e rexentou, xunto á poeta Alicia Fernández, a libraría Chan da Pólvora, en Santiago de Compostela, cidade na que viviu ata marchar á Ribeira Sacra, onde se dedica á viña e á recuperación dos castiñeiros familiares. Recentemente publicou Os días felices de Benvido Seixas (2019) e unha tradución, Palabras de Opoton O Vello (2019), ambas en Xerais.
Texto: Xerais (mod.)
Fotografías: Alicia Fernández
- Comecemos cunha idea forte. Que significa a literatura para vostede?
Como lector, unha das actividades que me fan crer que investín ben o tempo, e sempre teño a obsesión de que o perdín miserablemente. Ler, chegar a ser un lector competente, é a actividade literaria que me parece, con diferenza, máis difícil e que require máis dedicación, unha dedicación para a que arestora non teño vagar. Eu, ademais, leo moi lento porque son un neurótico: necesito resolver todo o vocabulario, subliñar, glosar, anotar, mirar mapas… e ao cabo quedo coa sensación de que non entendín nada. No que fai á escrita, e lonxe de idealizacións románticas, despois dos intentos que fixen non podo dicir que a literatura me reconcilie con nada nin me conecte con nada nin me sexa necesaria para nada. Éme un entretemento e pásoo moi ben, si, pero é que a min me entretén mesmo fregar os cacharros.
- Lembra cando comezou a escribir?
Lembro querer escribir desde sempre e mesmo comezar unha novela con nove ou dez anos. Sei que quería falar dunha parella de escritores que se perdían nunha mansión chea de espectros. Unha novela, claro, que non pasou dun capítulo de catro ou cinco liñas. Lembro tamén o desengano que me produciu escribir durante unha hora e que a impresora pasase esas liñas ao papel en poucos segundos. Por sorte, non o volvín intentar e non publiquei ata pasados os trinta, e iso creo que pode minimizar as posibilidades de arrepentirme dos textos.
- Cales son os seus títulos imprescindibles?
Sempre lin de todo, dun xeito moi desordenado, mais nunca considerei nada imprescindible. Se quixese redactar unha lista, escollería algún título ao chou por quedar ben. Podería poñer obras que me gustaron, si, mais con iso non respondería á pregunta e, ademais, habería quen empezaría a sacar conclusións.
- Como definiría o seu proceso creativo? É diferente segundo o xénero a traballar?
Creo que na prosa son moito máis libre, máis apaixonado, divírtome moito máis. No caso da poesía, o proceso é máis técnico, todo vai milimetrado (para algo se inventaron os teares), e procurei ir quitando paixón para que os textos non quedasen afectados e a propia vida non se metese demasiado na ficción dos poemas. Xa contei que Os días felices de Benvido Seixas é anterior a Ruído de trens e a O filósofo coxo, e non entendo como escribín dous poemarios tan serios despois dunha novela tan divertida. En todo caso, móvome no terreo das suposicións, porque o pouco que escribín non dá para facer medias.
- Como poeta ten publicados varios libros que recibiron algún premio. Se tivese que escoller un poema de cada un dos seus poemarios publicados para unha futura antoloxía. Cales serían?
Falando de memoria, en Ruído de trens hai tres poemas dos que estou moi satisfeito; os outros aconteceron durante o proceso de creación e tamén forman parte do conxunto. Deses tres, seica o das piñas e o ourizo cacho é o mellor poema que escribín. O filósofo coxo creo que non é un mal libro, é un poemario máis de lelo en silencio no corredor da casa vella, onde foi concibido, ca de recitalo en voz alta. Pero os poemas que máis alegrías me deron e dos que quedei máis contento publiqueinos ou fíxenos circular baixo pseudónimo.
Esbozos de poemas d´O filósofo coxo. (Cedidas polo autor)
En canto a aparecer nunha antoloxía, eu estou antologado nun pequeno cemiterio catalán entre campos de cerdeiras. Unhas grandes amigas, coas que gardamos relación de familia, amortallaron a nai cun verso de Ruído de trens, dese poema que dixen antes: cando vestiron a defunta puxéronlle unha chapa co verso “durme, que son piñas” e mandáronme a foto da señora cun ramiño de flores silvestres entre as mans e o verso na lapela da chaqueta. Foi á tumba con el, claro, que non llo ían quitar antes de pechar a caixa. Non vai haber escolma que poida superar tal recoñecemento.
- Cal é o xerme d’Os días felices de Benvido Seixas (Xerais, 2019)?
Eu quería coller un pouco de músculo narrativo para unha novela en catalán que tiña na cabeza e da que nunca escribín máis ca as primeiras páxinas. Comenteille a Gonzalo Hermo que me custaba escribir en catalán porque levaba xa moito tempo vivindo en Galicia e o galego xa se convertera na miña lingua de pensamento e de creación. Gonzalo recomendoume que tirase proveito da situación e escribise en galego para irme adestrando na escrita, se tiña que chegar, desa futura novela. «Ten que ser un texto co que o pases ben —engadiu—, unha cousa fresca, coma este albariño» (era o que estabamos a tomar no porto de Rianxo cando tivemos a conversa). Fun escribindo Os días felices en Lisboa, algúns días na biblioteca da facultade na que daba clases de lingua e cultura catalás e outras veces, as que creo que deron as mellores páxinas, en tabernas da Alfama cun café portugués, que é dos poucos que se poden tomar con garantías en Europa, ou acompasando a narración cun viño verde e unha latiña de fígado de bacallau.
- A recepción do libro entre a crítica e o público foi bastante positiva. Agardaba ese recibimento?
Moita xente leu a novela e díxome que o pasara ben, que era a única intención, ademais de gozar eu escribíndoa. Coido que unha recepción tan positiva nunha novela destas características indica que hai un público que acepta que se poida facer creación literaria lixeira en galego. Podemos escoller un libro en galego para divertirnos ou para levalo á praia como podemos ir ao bar da esquina comer uns petiscos e rir cos amigos. Houbo outras novelas nestes últimos tres anos que o corroboran. Creo que esa tensión entre escribir e cumprir as expectativas dun público culto se empeza a relaxar e vai aparecendo unha escrita máis libre, o que non quere dicir que non sexa esixente e de calidade nin que exclúa calquera outra proposta. E que ninguén interprete que estou dicindo que non houbese humor na literatura galega, só digo que está ben que ningunha lingua nos condene ao sublime.
- Recentemente publicou Palabras de Opoton O Vello de Avel·lí Artís-Gener, obra que traduciu do catalán. Confesouse moitas veces namorado desta obra. Cal é o elemento que fai desta obra algo tan interesante?
Esa tradución é máis importante de todo o que fixen ata agora. É así porque é unha grandísima obra literaria, que está impecablemente escrita, cunha riqueza lingüística excepcional, cun argumento sorprendente, con moita tenrura cara ao personaxe protagonista e, o máis importante, cun sentido do humor refinadísimo, á altura do traballo inxente que Tísner, como era coñecido o autor, tivo que desenvolver para poder construír as Palabras de Opoton o Vello. Só con iso queda abondo xustificado traducila, editala, mercala e lela. Pero, ademais, ten unha lectura anticolonial, de defensa da liberdade dos pobos e de denuncia da opresión, que é o que lle engade o interese sociopolítico ao estritamente literario. Unha lectura que infelizmente nunca perdeu vixencia. Esta novela é un exemplo magnífico de que as ideas, na literatura, teñen que estar sempre supeditadas á forma e á linguaxe literaria. Non hai que esquecer, para entendela mellor, en que época e en que circunstancias foi escrita e editada, que é o que intento reconstruír eu no estudo introdutorio que preparei para a edición de Xerais, no que propoño que se lea coma unha testemuña da colaboración entre os exilios catalán e galego en México.
- Que obras imprescindibles da literatura catalá terían que ter unha tradución en galego?
Non vou dar obras, vou dicir nomes: Víctor Català, Mercè Rodoreda, Ramon Llull, Josep Maria de Sagarra, Pere Calders, Maria-Mercè Marçal, Montserrat Roig… Tiro de clásicxs porque sempre son un investimento seguro e porque xs vivxs pódense promocionar a si mesmxs abrindo unha conta en calquera rede social. O problema non é a calidade, senón que haxa editorxs que crean na tradución, e iso implica pagar unha tarifa digna, non editar por aproveitar subvencións e preocuparse da promoción da obra.
Non por ser un mundo editorial pequeno podemos presupor que se fagan as cousas con rigor. Houbo un editor que me pagou 400€ en negro alegando que facelo así era o mellor para todos, e asegurándome que lle pagaba o mesmo a todos os tradutores, e despois me reclamou unha factura para pagarme pouco máis de 30€ de dereitos, ou cunha corrección que paguei eu do meu peto porque outro editor considerou que pagar o traballo da correctora era un gasto imprevisto. O que acontece, en resumo, non é que falten persoas capacitadas para traducir e obras dignas de ver a luz en galego, que as hai a esgalla, senón que facelo supón moitas veces un esforzo e uns desgustos que non saen a conta por culpa de quen usa o galeguismo para ser un miserable cunha coartada ética.
- Podería recomendar algúns títulos para esta época de inestabilidade?
O que recomendaría é ler, ante todo, ver menos notícias, limitar moitísimo o uso das redes sociais e falar máis coas persoas que temos ao redor. Os libros, xunto coa palabra falada, son os que realmente nos poden achegar algo cando as cousas van mal. Nos últimos anos lin pouquísimo porque me dedico basicamente aos meus fillos e a vida non dá para máis. Só se me ocorre unha lectura que, de feito, recuperei ao principio do confinamento: La resistència íntima, de Josep Maria Esquirol, unha reivindicación da cotidianidade, dos pequenos xesto da vida diaria e mais do fogar como lugar de coidados e como refuxio ante as inclemencias da existencia. Xa que non dei lido máis nada, direi que me gustaría ler sobre o que nos poida salvar de todo o que ha vir, que son aquelas prácticas que tanta gracia nos facían cando parecía que a vida ía ser sempre abondosa: como cociñar comida saudable con poucos ingredientes de proximidade, como facer unha horta urbana na terraza, no balcón ou nas ventás, como tecer redes de axuda e de solidariedade comunal, como facer da familia a primeira escola… En definitiva, aquelas estratexias que permitan que nunca volva esa normalidade que tiña como única finalidade a destrución.
- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantar algo?
Como poeta, de momento non teño nada novo que dicir. En canto á narrativa, teño un par de ideas mais non teño tempo nin gana porque estou dedicado por completo á crianza, á casa e ao traballo. Eu xa escribín e sei o que é escribir e publicar. A curiosidade xa quedou satisfeita. Ademais, como tampouco podo ler, sinto que esgotei as reservas e antes de crear necesitaría botar uns meses lendo. O único que fago agora é inventar poemas curtos para dicirlles aos meus fillos, por xogar con eles xogando coa lingua.