Abraham Pérez: "Cada texto, ao abrir un diálogo permite cuestionarse a un mesmo e ós demais"
Abraham Pérez (Lugo, 1990) é graduado e mestrado en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela; ademais cursou estudos de guionista. É autor de dúas obras en castelán: o volume de relatos Esferas (2017) e o poemario Materiales básicos de la carencia (2018). Durante os últimos anos colaborou en radio e en prensa publicando artigos, relatos e poemas en revistas como Cuatro Ojos Magacín, Drugstore Magazine, Tr3sreinos ou Oculta Lit., entre outras.
Fotografía: Cedida polo autor
Texto: Editorial Galaxia
- Comecemos cunha idea potente. Que significa para vostede a literatura?
Fundamentalmente é posibilidade desde o meu punto de vista. Permite un xogo constante á contra. Explícome: enténdoa como un facer humano que permite abrir novos vieiros, en postular distintas propostas de realidade, xa sexan éticas, políticas ou estéticas –ou mais ben todo á vez. É algo así como unha posibilidade da imposibilidade. Mais tamén o que implica isto é que a entendo como un espazo para equivocarse, para errar. Cada texto, ao abrir un diálogo permite cuestionarse a un mesmo e cuestionar, en definitiva, a época. Xa nalgún outro lado escribín que cada libro ten que ser un altercado onde lector/a ou autor/a non debe saír indemne.
A propia escrita é un modo de pensamento, de reflexión, de debate. E escribir é principalmente unha maneira de estar no mundo. De aí que, se como dixen é un espazo para trabucarse, cada libro en si mesmo representa algo semellante a unha pulsión non satisfeita, por iso seguimos a ler e a escribir. E máis nunha época de velocidade, de desexo inmediato; ler é parar, deterse, ollar.
- Cales son os seus textos imprescindibles?
Ao longo da vida un vai percorrendo un camiño no que vai acumulando vivencias, lecturas, vistas, experiencias, crebas; por iso é complicado saber realmente que obras son as que marcan a un. Aínda así, claro, as inclinacións conscientes dun son diversas. Se só me centro na poesía galega, gustaríame salientar a Luís Pimentel, Manuel Antonio, Daniel Salgado, Lupe Gómez Arto ou María Reimóndez. E citando a estas persoas sei que estou a ser tremendamente inxusto.
- Como definiría o seu proceso creativo?
Falar do proceso creativo semella algo artificial cando a vida de un está organizada en torno ao texto, á lectura, á interpretación constante a cada momento. Á vida é algo textualizado, algo que verte, que reborda e que nos desborda de xeito constante; por iso para comprender o que sucede tentamos contextualizar. O quefacer máis cotiá, o que se presenta como o máis automático, sempre é dalgún modo unha confrontación coa realidade. Dito isto, o propio proceso en si non o entendo como un aparte, como unha separación; o que hai en todo caso son os moitos momentos de traballo, de organizar as ideas, de darlles forma ou de deformalas, e darlles un espazo propio para que fagan contorsión elas mesmas. O que se produce é un teatro, o proceso de xogo de máscaras e probas até que o texto se vai collendo e perdendo corpo, temperatura, cores e intensidades.
- Cal é o xerme de Fragmento/Creba (Galaxia, 2020)?
Fragmento/Creba nace, como non podía ser doutro xeito, dunha confrontación coa realidade. Da preocupación dun xogo de intensidades. Tal é como eu entendo este poemario: un conxunto de textos que afloran e que se esconden. É un buscar o límite e a diferenza desas intensidades e de rexistrar as pegadas a través da linguaxe. As repeticións, os xogos de puntuación, as fendas en cada texto, as imperfeccións, son unha tentativa, un vieiro, unha perspectiva non definitiva para entender as intensidades.
Esta obra ten a súa orixe ao longo do ano 2018. Primeiro foi agromando como algo informe, inconexo; mais co tempo, traballando sobre os poemas algúns foron morrendo, outros medrando e outros rebeláronse até atopar o escorzo axeitado, chegando así a ter un percorrido que pasou a revelar unha estrutura, un equilibrio inestábel dentro do caos.
- A editora defíneo como “Un poemario desbordante. Un debut magnífico”. Que opinión merecen esas palabras?
Teño que sinalar que a confianza que me deu a Editorial Galaxia desde o principio sempre foi máxima. Nese sentido estou moi agradecido (e quero facer público desde aquí tal agradecemento) a Francisco Castro como a todo o persoal que integra o seu equipo, porque creron desde o primeiro momento no proxecto e por apostar por el, e así é moito máis sinxelo traballar. Respecto ás palabras coas que presentan o texto? Son un verdadeiro agasallo.
- Se tivese que seleccionar un poema por cada libro publicado para unha futura antoloxía das súas obras completas. Cales serían?
De Materiales básicos de la carencia (Ediciones en Huida, 2018) destacaría:
Theo Angelopoulos
(Colapso. Línea de fuga 3)
En una perenne lectura del Alcibíades
nos mostraste que la línea de la Historia
no avanza ni retrocede, al contrario,
se mueve en la oscuridad de la espalda de los dioses.
Porque no hay continuidad ni ruptura
entre generaciones que buscaron mejorar
un mundo en el que los dioses huyeron,
sino que se revelan como ficciones borrosas.
Ya no hay Grecia, sino Grecias
nevadas, lluviosas y con niebla
y si el taxi se para, si los niños caminan
hacia el árbol que quiso ser Ulises
entonces correremos por el puerto de Salónica
para filmar con ojo crítico
esa primera mirada, ya perdida
que nos constituye y no explica.
Filmar una imagen con dotes de pintor
en medio de la intrínseca brutalidad
de una Historia sin salida.
De Fragmento/Creba (Editorial Galaxia, 2020):
VI
O factor humano
en suspensión permanente
unha imaxe de Chris Marker / e o ruído de máquinas pesadas
policía ou política
(dobre lectura)
morte circular
do progreso
espectro reproducíbel
e proxectado en paredes
xa escritas
de todo o mundo
do mesmo mundo
do noso espazo
inmundo.
- Podería recomendar algún título para esta época de inestabilidade que vivimos?
Como dixen antes, coido que a época na que estamos a vivir ten un dobre xogo. Por unha banda é innegábel que a velocidade é unha das características desta época; neste sentido todo ten un percorrido curto, fantasmagórico que parece diluírse entre os escombros da época. Pola outra banda, o inmobilismo é absoluto: o máis claro é que o máis postmoderno é o vintage, fixémonos na moda e en que non hai nada máis actual que escoitar aos Beatles ou aos Doors (e ollo! non digo que estea mal; mais si que convén telo presente para poder situarse).
En calquera caso, coido que perante a inestabilidade, como en etapas de maior certeza, reler os clásicos sempre é garantía de descubrimento de algo novo. Mais se penso nun texto concreto que pode axudar nestes tempos (e que dalgún xeito está presente en Fragmento/Creba) é a Dialéctica da Ilustración de Theodor W. Adorno e Max Horkheimer.
- Para rematar. Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?
Os libros en si forman parte dun proxecto, de tal xeito que agardo que este poemario poida ter continuidade. Hai cousas que parecen querer tomar corpo, pero neste momento lamento non poder adiantar nada.