top of page

Recensión: Aurora Marco, Irmandiñas



Título: Irmandiñas

Autora: Aurora Marco

Editorial: Laiovento

ISBN: 9788484874669

Nº de páxinas: 500 páxs

 



Sinopse:


Malia os tímidos avances que se produciron nas primeiras décadas do século XX, non foi nada doado para as mulleres a incorporación aos espazos públicos. As irmandiñas non foron unha excepción e a súa proxección pública foi abondo limitada se a comparamos coa dos compañeiros, mais o seu compromiso e actividades non foron en absoluto irrelevantes. Quer no activismo inicial tras o nacemento das Irmandades, quer nos coros e agrupacións teatrais, na actividade intelectual no Seminario de Estudos Galegos, no desenvolvemento editorial galego, na actividade política, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita... Alí estaban as mulleres galegas cuxas traxectorias se recollen neste libro, para tentar cubrir un inxusto baleiro.

A través dunha pescuda perseverante en hemerotecas, arquivos, fundacións, a través de fontes orais, a autora de Irmandiñas confirmou documentalmente que na acción social, cultural e política, tamén estaban elas, mais ese mantelo tan opaco que as cubriu e que apenas deixou pasar unha raiola de luz sobre as súas vidas e accións, foinas envolvendo até a actualidade. Todas as que figuran no libro desenvolveron a súa actividade no período 1916-1936 e pódense encadrar dentro das entidades, asociacións, grupos ou organizacións que encabezan cada capítulo. Mulleres que deixaron a leira decruada e a semente botada. É tempo de recolleita.

 

A día de hoxe hai moitas figuras eliminadas da historia, non só da literatura senón da humanidade, polo feito de ser mulleres. Non é novidade sinalar que a sociedade patriarcal eliminou todo rastro e valor do traballo de moitas mulleres. As irmandiñas no foron só "as mulleres de..." senón que na súa maioría, sen ter conexión algunha cos membros varóns das irmandades, participaron de forma activa nas Irmandades e en sociedades paralelas. Irmandiñas de Aurora Marco é un achegamento ó traballo destas mulleres e, ó mesmo tempo, unha homenaxe a estas figuras.


Este traballo de Aurora Marco é esencialmente panorámico. Unha obra de consulta que contén moita información dunha maneira resumida. A falta de datos, pendente de futuras investigacións, non se esconde, pois é imprescindible para comprender o motivo da escritura do libro. A propia autora é crítica co seu estudo dende o primeiro momento. Ela mesma sabe que non é definitivo e que supón a primeira das moitas achegas científicas que agardemos teñamos nos próximos anos.


O desinterese da historiografía galega polas investigacións de xénero, unido á invisibilidade de que foron obxecto as mulleres e a escasa valoración do seu activismo e das súas traxectorias por parte dalgunhas familias, explican que, nesta altura, non poidamos ofrecer uns mínimos trazos biográficos da maioría daquelas doantes, aínda que si reproducimos os nomes de todas porque, como é ben sabido, o que non se nomea, non existe.

Interesante neste volume é a cantidade de textos que se reproducen nel e que van dende discursos, artigos en xornais ata documentación máis privada e que revela un proceso de documentación enorme e dificultoso no que seguro que colaboraron outros investigadores, familiares e asociacións. Nos textos temos moitas reflexións sobre a posición da muller na sociedade e no galeguismo, a necesidade da construción de referentes e tamén outras posicións que, aínda que parcialmente superadas a día de hoxe, son aínda temas a reflexionar.


As mulleres estivemos sempre lonxe de toda aituación política e social. Unha concepción simplista e depauperada da vida tennos anquilosadas onde ao fogar. Isto depende, como é natural, d-unha falla de concencia femenina de xustas ampritudes. Non hai aínda formada unha personalidade femenina, tipo na que poidamos moldear as nosas persoalidades individuáes, desfiguradas, borrosas e mesquiñas. Hai grandes mulleres en Galicia. "Posicións" de Carmen Lobeiras Pantín (Nosa Terra 304, 1933)


A historia e memoria colectivas constrúense entre todos. A investigación de Aurora Marco só é un punto de partida para os estudios sobre a posición das mulleres tanto no galeguismo como na historia das nosas letras. Libros como estes son imprescindibles tanto para coñecer, aprender e (de)construírse.






Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page