Recensión: Miriam Ferradáns, Nomes de fume
Título: Nomes de fume
Autora: Miriam Ferradáns
Editorial: Espiral Maior
ISBN: 9788494596742
Nº de páxinas: 49 páxs
Miriam Ferradáns é un dos nomes a ter en conta dentro da constelación da poesía galega recente. Con este libro, Nomes de fume (Espiral Maior, 2017), recibiu o XXX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Unha obra composta de poemas breves, na súa maioría, e onde amosa unha sensibilidade e unha reflexión sobre a (co)presenza da dor e do esquecemento, que non deixa indiferente ós que se achegan ós seus versos.
Ningún paxaro é feliz entre as redes pero
quen pode liberarse da forza que o cativa?
A autora debulla neste poemario unha poesía da (in)certeza, unha análise sobre a volatilidade en versos breves, mínimos, que se reciben sen dificultade e quedan na mente do lector para sempre. O fume xorde de todo o que o lume arrasa, como unha dor que se mantén pese a súa aparente invisibilidade. O resultado do que foi e do que queda. Unha metáfora perfecta de todo aquilo que chega para non marchar e que afecta sen ser tanxible.
Temos prohibido o tacto:
¿Sabes ti a diferencia entre corazón e peito?
Eu pronuncio nun cuarto desta casa
o teu nome de fume,
cada noite pronuncio o teu nome de fume
para que esteas presente.
Non podo facer máis que recomendarvos esta obra. Unha lectura moi especial, reflexiva e un dos mellores poemarios que lin nos últimos anos. Coido que non pode existir mellor carta de presentación.