Anémona do Río: "A percepción da xente sobre a BD en xeral vai cambiando moi pouco a pouco"
Anémona de Río (Aldara Álvarez García) naceu en Vigo en 1995. Gustoulle debuxar dende sempre pero nunca o contemplou como unha profesión ata que en 2013 entrou na escola de cómic e banda deseñada O Garaxe Hermético, onde participou en dous álbums: 221BD e Verne imaxinado. O seu proxecto Tam gañou o Premio Fin de Curso e foi publicado por Retranca Editora. Durante estes anos tamén realizou varias tiras cómicas para o Diario de Pontevedra. En 2019, gañou o I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético con A proba de auga. Actualmente dedícase a facer encargos personalizados. Pódense atopar máis mostras do seu traballo en Instagram e Twitter en @anemonaderio.
Texto: Xerais
Fotografía: @anemonaderio
- Como definirías o teu proceso creativo?
É complicado falar do meu proceso creativo porque para as 2 obras que teño no mercado usei métodos diferentes.
Para Tam fun traballando por capítulos, sen unha orde concreta. Os que tiña máis claros na miña mente foi os que fixen primeiro, e mentres tanto ía pensando nos outros. Desta maneira puiden ir traballando sen parar e permitiume rematar relativamente rápido.
Para A proba de auga xa tiña a historia base feita de cando era adolescente, e a pesar de que cambie e metín moitas cousas a esencia se mantivo. Se falamos do proceso de traballo en si, sempre comezo polo storyboard, para o que fago filas de viñetas sen colocalas na páxina (para facerme unha idea dos personaxes, as situacións e os textos), e logo dependendo da cantidade de texto e do importante que sexa mostrar unha viñeta máis ou menos grande vou distribuindo todo na páxina, coloco os textos en Photoshop e despois en Paint tool Sai entinto todo e por último coloreo.
Orixinal dunha páxina da obra de Anémona do Río. (Cedida pola autora para esta entrevista)
- Cal é o xerme de A proba de auga (Xerais, 2020)?
A proba de auga naceu no ano 2010. Os meus pais ao ser enfermeiros sempre están falando do traballo na casa e a partir destas conversacións fun tendo ideas para un cómic.
- Esta obra foi a gañadora do I Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético. Como recibiches a noticia?
Recibina con sorpresa porque non esperaba gañar, pero me puxen moi contenta porque lle teño moitísimo cariño a esta historia (ao fin e ao cabo leva 10 anos comigo) e alegroume moito que lle gustase ao xurado e que considerasen que valía a pena editala.
- Poderías recomendar algún título para esta época de inestabilidade que vivimos?
O primeiro manga que lin, con 11 ou 12 anos, foi Evangelion. Non me marcou demasiado, seguramente porque non tiña a idade axeitada para ler esa historia (aínda que foi coa que aprendín a ler no sentido contrario, que o meu me custou).
O segundo manga que lin que me encantou e creo que influiu no meu estilo ao principio foi Sargento Keroro, e máis tarde descubrín á que é a miña autora favorita, Rumiko Takahashi. Dela encantoume Maison Ikkoku. E por último tamén me gustaría mencionar unha serie que me fixo chorar, rir e volver chorar, titulada Fruits Basket.
- ¿Cal é o xerme de Tam?
Tam comezou como un proxecto de fin de curso para O garaxe hermético no 2016 (o gracioso é que antes de empezar Tam lles presentara aous profes outro proxecto que non expliquei ben e non lles convenceu... Este proxecto era A proba de auga, hehe). Ao ser o último ano dun curso profesional de ilustración e banda deseñada o traballo que había que facer era un cómic (evidentemente).
Tamén tratei de facer un recopilatorio de tiras (similares ás que publico soltas en Instagram e Twitter) pero tampouco estaba moi convencida. Decidín lanzarme a algo factible, sen un lore demasiado profundo, sen fantasía nin complicacións, cousas cotiás que me poderían pasar a min ou a calquera. Mantendo esa “estrutura” das tiras pero en forma de capítulos máis ou menos autoconclusivos xurdiu Tam, que acabou gañando o premio de fin de curso (compartido con outra obra doutra compañeira) e foi publicado ao ano seguinte por Retranca editorial.
- Se tes que elixir entre comic europeo, americano e manga xaponés. ¿Con cal quedarías?
Pois diría que depende da idade. Se me preguntaras isto cando era adolescente iría de cabeza ao manga, pero a estas alturas xa non estaría tan segura. O cómic americano nunca me chamou demasiado a atención porque non son moito de superheroes nin de ler cousas de acción, así que quedaría co europeo e o manga, dependendo de con que humor esté no momento.
- Tes a impresión de que a perspectiva de que a banda deseñada “non é lectura” ou “son tebeos, non din nada importante” desapareceu da sociedade?
Creo que é un tema que se vai arranxando pouco a pouco pero que aínda queda un bo treito por recorrer, a percepción da xente en xeral vai cambiando moi pouco a pouco e á súa vez tamén depende moito do país do que se fale.
Por exemplo este tema en Estados Unidos está xa bastante superado, onde se fan sen problemas series de animación para adultos. En cambio esas mesmas series cando chegan aquí automáticamente situáronse na franxa da programación infantil e daba igual, e logo chegaban as protestas (recordo a polémica con Shin Chan na Galega, e mira que eu o vía de pequena e me encantaba). Agora están un pouco máis diferenciados xa pero aínda lle falta, paréceme a min.
- Para rematar. Tes algún proxecto en marcha ou finalizado do que poidas adiantarnos algo?
Agora mesmo estou traballando na segunda parte de Tam. Xa teño o cómic enteiro entintado e máis da metade coloreado. Con sorte sairá o ano que vén!