top of page

Beatriz Cabaleiro: "Vila Liberdade é un símbolo de esperanza e unha oda á diversidade"


Beatriz Cabaleiro (O Porriño, 1992) é xornalista, escritora e docente. O seu interese pola lectura e a escritura comeza a unha temperá idade e no 2014 crea o seu blogue persoal

A súa afección por coñecer o mundo fixo que se formase en idiomas en diferentes puntos do estranxeiro.Tras rematar Xornalismo na USC e os seus estudos de lingua inglesa en San Francisco (California), a autora comezou a participar en festivais e eventos poéticos.

Na actualidade compaxina a docencia coa escritura. Tamén é membro do departamento de comunicación de O Marisquiño, colabora con Concellos e centros educativos na organización de actos cos máis novos e redacta contidos relacionados coa cultura e a diversidade en diarios dixitais. Clover, unha porquiña diferente é o seu primeiro libro publicado.


Texto: Beatriz Cabaleiro (en Aira Editorial)

Fotografías: Cedidas pola autora

 

- Comencemos cunha idea potente. Que significa para vostede a literatura?


A literatura é a forma de crear ou viaxar a outros mundos (tanto para o autor coma para o lector). Á súa vez, a literatura non é só liberación, é transformación, coñecemento, reflexión, empatía… pois nos conecta con outras perspectivas e realidades.


- Como definiría o seu proceso creativo?


O proceso varía segundo o xénero, o momento e a temática. Iso si, escribo sempre sobre algún tema que me interesa ou inspire, sobre as miñas experiencias ou realidade máis próxima. Toda historia na miña mente comeza, para acadar claridade, cunha boa camiñada antes de plasmala sobre o papel. É como mellor ordeno as miñas ideas. De aí, tomo asento e desenvolvo o borrador, o que quero transmitir, a presentación, o nó, o desenlace, as láminas sobre os meus personaxes -coas súas características tanto da psique como física-, etc. Logo é deixalo repousar, máis camiñadas, reescribir. Ata que queda o formato final (aínda que me custa moito dar por rematado calquera proxecto, son unha apaixonada da edición).

En resumidas contas, tómomo coma unha viaxe longa. Son consciente de que escribir é reescribir e son proxectos de anos.


- Cal é o xerme de Clover (Aira, 2020)?


O xerme é a miña profesión. Traballo como profesora de inglés con alumnado pertencente aos últimos cursos de primaria e de toda secundaria. Quería escribirlles unha historia atemporal que os faga máis optimistas, empáticos e mellores persoas nun momento en que a sociedade está máis dividida e limitada que nunca.

O futuro son eles.

Ademais Clover está inspirado na nena que eu fun. Aínda que soe moi tópico, esta é a historia que me gustaría ter lido de pequena.

- Este libro supón o seu debú na literatura en lingua galega. Como foi publicar da man de Aira Editorial?


Estou moi agradecida pola oportunidade e de que Aira Editorial estivese comigo durante este primeiro paso. Todo o proceso deume moita ilusión e optimismo, moi importante para poder atravesar un ano coma este. Será o primeiro de moitos.

- Por qué se publicou esta historia nun formato bilingüe (galego-inglés)?


Porque son bilingüe e unha apaixonada da lingua inglesa, e penso que a través dos idiomas fomentamos tamén a igualdade e a diversidade lingüística do noso país.


- Este álbum consta do texto acompañado das ilustracións de Blanca Millán. Cre que plasmou perfectamente o mundo de Clover?


Cando Aira Editorial comentoume que Blanca ía ser a ilustradora do álbum alegreime moito. Xa seguía o seu traballo. Soubo plasmar o mundo de Clover: moito colorido, detalles e referencias da miña infancia, humor, etc. Tanto Blanca coma min sabemos como interactuar cos máis novos e iso vese no resultado final.

- A acción do libro sitúase en “Vila Liberdade”. Que hai de real neste non lugar?


Vila Liberdade é unha utopía e ao mesmo tempo é máis que un sitio físico ficticio: é un símbolo de esperanza e unha oda á diversidade. Este “non lugar” existe para dar esperanza a todo neno, nena ou nene que non atope o seu lugar no mundo, sexa onde sexa (na súa cidade, barrio, vila ou aldea), que saiba que se é posible encontrar esa “liberdade de ser”.

- En pouco máis dun mes esgotáronse os mil exemplares da primeira tirada. Agardaba este recibimento para a súa primeira obra?


Sabía que ía ter algo de tirón porque é o primeiro libro escrito en galego e inglés por unha autora galega no mercado, e polo enfoque didáctico nas aulas, pero nunca imaxinei tal recibimento. E menos coa crise sanitaria. Nin sequera tiven o pracer de facer unha presentación do libro. Non podo estar máis contenta e agradecida.

- Podería recomendar algún título para esta época de inestabilidade que vivimos?


Calquera obra de calidade que nos sosegue e nos transporte a outra realidade, ou visión do mundo, é boa opción.

No meu caso, durante o 2020 lin varias obras contempóraneas de poesía anglosaxona. Títulos como “Bluets” de Maggie Nelson, “Flèche” de Mary Jean Chan e “Night Sky with Exit Wounds” de Ocean Vuong. Para reflexionar recomendo “L'Étranger” de Albert Camus ou “Lo Raro es vivir”, de Carmen Martín Gaite, outra aposta polo absurdo.

Para os mais peques “My Monster and Me” de Nadiya Hussain, se queredes seguir co inglés para diante nos vosos fogares á vez que lle inculcades valores e costumes necesarios.

- Para rematar. ¿Ten algún proxecto en marcha ou finalizado do que poida adiantarnos algo?


Xusto acaba de saír o libro, así que de momento estou a gozar da experiencia. Iso si, Clover é o arranque dunhas publicacións que elaborarei para impulsar unhas xeracións “libres de ser” no noso país. “Stay tuned” porque se aveciñan máis obras!


Comments


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page