Recensión: Alberto Varela Ferreiro, Wolfram. Espías, nazis e maquis
Título: Wolfram. Espías, nazis e maquis
Autor/Ilustrados: Alberto Varela Ferreiro
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491216872
Nº de páxinas: 88 páxs
Sinopse:
1939, a Guerra Civil española remata pero un conflito moito máis grande está a piques de estoupar en Europa e no mundo, no que as novas tácticas e as novas armas van facer do volframio un mineral esencial e escaso no planeta. W. C. Morgan é destinado á sucursal de The Anglo South American Bank Ltd. en Galicia. Pero baixo a identidade dun banqueiro agóchase un axente de intelixencia británico coa misión de controlar os movementos nazis na zona, contactar coa guerrilla e iniciar unha guerra comercial que dificulte todo o posible a subministración de volframio á Alemaña do Terceiro Reich. Na viaxe coñece a Molly Morrison, unha intrépida axente norteamericana coa que vivirá moitas aventuras...
O fatídico 2020 contou cunha boa noticia polo que respecta ó noso sistema literario que foi a confirmación da aposta das editoras do noso país pola publicación de libros de banda deseñada en galego. A mínima cantidade de novidades deste xénero, salvo contadas excepcións e o traballo das pequenas editoras especializadas, é unha das grandes eivas do noso sistema nestes últimos anos. Precisamente por este aspecto dende o meu pequeno espazo agradezo a publicación de obras como esta de Alberto Varela Ferreiro, nunha edición tan coidada e realizada con tan bo gusto.
De feito, tomo a liberdade de reproducir parte do texto que firma o autor nunha das lapelas desta obra :
Nos estudos sobre habitos de lectura españois o cómic figura nos derradeiros postos xunto coa poesía. Pero como esta, pode ser un índice que amose a saúde e a riqueza dunha cultura. Ningunha literatura estaría completa sen poesía e tampouco sen a máis modesta banda deseñada. (...) Se son malos tempos para a lírica, o beuxo de cómics é unha atividade case heroica... desde logo, solitaria, excéntrica e nada rendible, na que non se debe esperar recompensa ningunha, máis cá pequena satisfacción da obra publicada.
Wolfram. Espías, nazis e maquis de Alberto Varela é unha historia que trata a posición de Galicia nun escenario que semella tan alleo como a Segunda Guerra Mundial. Na obra explorase, xeralmente dende a ficción mais moitas veces dende os propios feitos históricos, a importancia do volframio no conflito bélico e as posibilidades que ofrece este material para a creación armamentística.
A presenza, ademais, de redes de espionaxe xermanas e británicas fixo do noroeste peninsular un escenario máis da Segunda Guerra Mundial, onde se librou unha guerra paralela… a guerra do wolfram.
Coido que a banda deseñada é o método perfecto para contar unha historia tan dinámica e con tantas localizacións. Sorprendeume gratamente no libro o ritmo da narración e a construción dos diversos espazos e das vestimentas dos personaxes. Coido que todo isto amosa un proceso de documentación exhaustivo con respecto a época. Como apreciación persoal, moitas veces tiven a sensación de ler unha aventura de Tintín polo deseño dos personaxes e das ambientacións.
Persoalmente, as personaxes desta historia, Morgan e Molly, non me conquistaron mais cumpriron perfectamente coa función de acompañar ós lectores pola historia desta guerra e de presentar un punto de vista diverso sobre a mesma. Faltoume neles un pouco máis de acción nos feitos e menos incidencia na súa parte como observadores dos mesmos.
Aínda que o tema da guerra mundial e a loita polo volframio é algo tratado pola literatura galega con diversas publicacións na última década, esta obra non so serve de revisión senón que da visibilidade a moitos contidos que moitas veces se esquecen nas análises. De feito, considero que esta obra é ideal tamén como material didáctico para clases de historia no ensino medio e bacharelato.
En resumo, Alberto Varela publica un cómic entretido, documentado e sobre todo de moito valor para comprender unha das partes máis escuras da historia mundial e o papel da nosa terra nela. E todo isto, non é pouco.
תגובות