top of page

Recensión: Arancha Nogueira, A mestra corremundos


Título: A mestra corremundos

Autora: Arancha Nogueira

Ilustracións: Ana Varela

Editorial: Cuarto de inverno

ISBN: 9788412160475

Nº de páxinas: 80 páxs

 






Sinopse:


Do ganchete e xa co abrigo de entretempo, Pura e Dora pasean por Ourense nun periplo que as leva desde a Alameda até o parque do Barbaña, pasando pola estación de tren, a zona vella e outros lugares da súa querida cidade. Con todo, a andaina é tamén unha oportunidade para que Dora nos fale dunha muller valente e talentosa, amante das palabras e dos retos e que nunca dubidou en levar a cabo o que se propuña. A muller máis importante da súa vida: a súa irmá Pura Vázquez

 

O certo é que, malia as súas experiencias, non sempre boas, e que os seus escritos transmitisen cada vez máis tristura e desasosego, Pura nunca perdeu o sentido do humor, nin de vella.


Hai moreas e moreas de libros que nacen coa vontade de divulgar o traballo de grandes personaxes da nosa historia, mais creo que moi poucos adican os seus esforzos en presentar un diálogo entre autor-obra-público como o que propón este A mestra corremundos de Arancha Nogueira.


Este é un libro que presenta a figura de Pura Vázquez mediante unha conversa entre a mesma e a súa irmá Dora paseando pola cidade de Ourense. Idea que pode resultar sinxela, pero que permite a autora percorrer o imaxinario artístico das dúas autoras ó mesmo tempo que traza unha cartografía da cidade. Ademais, o traballo artístico de Ana Varela incorpora á edición fermosísimas ilustracións e un mapa ilustrado de Ourense co percorrido de ambas autoras.


Como sinalaba ó comezo deste comentario, o complicado de focalizar a escrita sobre unha personaxe infravalorada historicamente é caer no pecado de escribir unha obra que sexa simplemente un compromiso coa súa memoria. Sen embargo, este libro xera un diálogo interxeracional onde vemos as partes máis humanas e interesantes das autoras ó mesmo tempo que coñecemos aspectos das súas vidas. Falo en plural porque aínda que Pura Vázquez é a grande protagonista desta historia, a figura de Dora é imprescindible na historia.


Non esquezas que fuches ti quen me ensinou os primeiros versos de Rosalía de Castro, Dora… E desde aquela quedei engaiolada! A grande poeta das nosas letras merecía unha homenaxe, claro que si, pero tamén todas as poetas mulleres que levamos séculos a escribir neste país e ás que apenas se nos recoñeceu nada. Ti mesma dixeches: canta xente coñece Íntimas? Pero non me pasa só a min, senón a todas!.


Coido que a chave para escribir un libro desta forma é a admiración que sente a autora por ambas figuras. Sen admiración verdadeira construímos referentes baleiros e é imposible trasladar o interese por unha figura que se constitúe a base de datos. Pura Vázquez "foi" e"existiu" e iso e algo que este libro deixa ver perfectamente e sen tratar ó seu público como destinatarios dun panfleto didáctico.


[...]Nese plural feminino recollido no título, Íntimas, Pura amosaba a súa vontade de crear un discurso ao redor das poetas mulleres. Pasaran décadas pero miña irmá, mesmo velliña, continuaba mostrando a mesma rotundidade. Podía imaxinala no colexio falando coa mesma paixón coa que se se estaba a dirixir a min nese momento, e non podía máis que sentirme orgullosa.


Sen dúbida, Arancha Nogueira consegue que teñamos moitas ganas de ler e coñecer máis da obra das irmás Vázquez. Sinceramente non creo que exista mellor valoración para un libro que, sen dúbida, crea referentes potentes e verdadeiros.

Comments


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page