top of page

Recensión: Arancha Nogueira, dente de leite


Título: dente de leite

Autora: Arancha Nogueira

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491216391

Nº de páxinas: 64 páxs


XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu



 

Sinopse:


dente de leite é ante todo un libro nostálxico, sobre a inocencia perdida, que parte do recordo dun verán na infancia. O cotián, desde a tenrura e a lucidez dunha nena, vai amparado na figura totémica da nai, omnipresente no proceso de aprendizaxe da cativa, malia que no futuro a lembranza converte a nai nunha estraña, como case todo o que poboaba a nenez. En dente de leite, amais de ollar a maternidade desde os ollos da filla, Arancha Nogueira constrúe a narrativa das medras nun poemario agridoce pero cálido, que abeira a infancia e a idade adulta dunha xeración que ansía o regreso da protección constante, da emoción da descuberta.

 

Ás veces, os libros chegan nun momento de necesidade e convértense nunha única cura para calquera enfermidade. Comecei a miña lectura de Dente de leite na época do confinamento, noutro país e lonxe dos meus. Por algún motivo a lectura desta obra foi especialmente difícil, deixeina en un montón de ocasións, mais volvín nela en moitas outras. Tantas idas e voltas que rematan en varias lecturas e relecturas entusiastas que orixinan este texto.


“e advertíchesme, mamá

o tempo é un caramuxo obstinado

advertíchesme

pero eu só podía ver o teu prodixio

tan allea”.


Que fixo que este libro de Arancha Nogueira fose unha lectura tan incómoda para min no seu momento? Sen dúbida, o máis especial que ten, a súa beleza e verdade. Dente de leite é un libro onde a nostalxia, a beleza do cotián e a infancia son os protagonistas. Nel temos versos que remontan a aquelas épocas onde as preocupacións eran poucas, a descuberta era a maior aventura, o tempo non avanzaba, e na que a figura materna era un ser extraordinario, invulnerable e omnipotente.


"nunca o sabías, mamá

facía sucos coas uñas

en min sempre houbo posesión


non o sabías


perderte era unha pedra demasiado grande

unha pedra mitolóxica."


Como cando perdemos o derradeiro dente de leite, asistimos a este proceso inevitable que é o crecemento e que fai que vexamos a nosa infancia case dende o descoñecementos e adoremos esa etapa por riba de todo. Nunha época difícil e inestable como é a idade adulta, todos ansiamos esa protección que so sentimos durante a infancia.


“preguntarche por que xa non somos unha cun sentido de nostalxia sen sábelo tan antigo”.


Entón, por que a miña lectura é, pese a todo, tan entusiasta? A virtude desta obra está na potencia dos seus breves versos. A autora toca todas as fibras do lector mediante pequenas imaxes do cotián, pílulas de infancia, que se combinan con sensacións intensas vinculadas a lembranzas coas que calquera pode empatizar. Arancha Nogueira escribiu un poemario onde a tenrura e a lucidez non se combinan de maneira harmónica, mais así é a propia vida. Coido que non hai mellor mostra de talento por parte da autora que conseguir plasmar isto no papel.

Precisamente por todo isto, dente de leite é unha lectura incómoda. É un poemario agridoce no que a beleza das imaxes da infancia ou a emoción da descuberta contrasta cos medos, as inseguridades e a impotencia que supón a vida adulta. Unha lectura, sen embargo, que para min foi cura cando a necesitei.

Comentarios


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page