Recensión: Berta Dávila, Illa decepción
Título: Illa decepción
Autora: Berta Dávila
Editorial: Galaxia
ISBN: 9788491515593
Nº de páxinas: 148 páxs
PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL 2020
Sinopse:
¿Que queda de nós nas casas onde vivimos noutro tempo? Se algo permanece nelas, ¿pódese acceder a aqueles momentos, ás sensacións idas? A protagonista desta novela expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fillo durante o confinamento e a do resto daquela nena que aínda perdura na súa imaxinación. Así, movida por un soño, máis de vinte anos despois de abandonalo, decide presentarse no apartamento onde viviu coa súa familia durante a nenez e a adolescencia. Cunha voz inconfundible, penetrante, orixinal e ao tempo case delicada, Berta Dávila narra a historia dunha memoria que rescata o presente. Para conseguir xuntalo cun pasado vívido, cálido, ao que se pode viaxar por medio da literatura. Illa Decepción devolve á novela o seu poder de convicción, a súa forza para unir a quen escribe e a quen le. Narradora e lectora, imaxinación e vida. Unha obra singular, única, que prende na memoria e que a lectura fai propia, persoal, de todo o mundo.
PREMIO DE NARRATIVA BREVE REPSOL 2020
Carrusel, recentemente publicado en castelán pola editorial Barrett, foi a miña derradeira e entusiasta lectura, ata hoxe, dunha obra de Berta Dávila. Por ese mesmo motivo, recibín con moita a noticia da publicación da súa nova novela Illa Decepción (Galaxia, 2020), galardoada co Premio de Narrativa Breve Repsol 2020, e acudín a miña libraría de confianza coa intención de facerme con ela. Tras a súa lectura cheguei as conclusións que tedes neste humilde comentario.
O que máis me fascinou deste Illa decepción foi toda a literatura que hai detrás de construír unha obra sobre os vestixios doutra obra a priori inacabada. No libro intercálanse capítulos dunha obra chamada Algunhas casas e de Illa decepción e, sen embargo, non temos a sensación de que teñamos presente a lectura de dúas obras distintas porque o diálogo entre elas e tan intenso como ben estruturado. Neste caso paréceme aínda máis axeitado a escolla de construír unha obra única sobre retazos doutras. A vida é tamén un pouco iso.
Sería equívoco sinalar que Illa decepción nace do contexto do confinamento, mais tamén sería máis inxusto dicir que nace unicamente do íntimo. Teño para min que esta é unha novela que fala de espazos ou mundos diversos, é dicir, espazos mentais, domésticos, (in)tanxibles... como da necesidade de construír outros novos ou reinterpretar aqueles que xa coñecemos. Todo iso coa intención de buscar neles aquilo que é sólido como unha especie de traballo arqueolóxico sobre a nosa existencia, onde analizamos as pegadas e buscamos nos obxectos aquelas emocións e sensacións que fai moito tempo que non se manifestan.
As pequenas pertenzas son signos da vida diaria e da nosa habilidade para desprendernos delas. Atopo sempre obxectos así cando chego a unha nova casa: un abrelatas, un imán de neveira, un camping-gas, unha tarxeta de visita dun tempo sen prefixos telefónicos. Obxectos que non son meus, obxectos que alguén abandonou porque non significaban o suficiente para os seus donos. Gárdoos todos nun caixón da cociña, entre os coitelos.
É imposible, polo tanto, non prender emocionalmente con esta historia e de lembrar aqueles obxectos e documentos que tanto significan na vida de cada un de nós. A profundidade psicolóxica desta historia e como afonda na construción do propio "eu" fai da experiencia da súa lectura algo inesquecible. A calidade da prosa da autora e o seu talento para construír situacións de sensacións que todos coñecemos xera tamén unha atmosfera propicia para una análise desta profundidade.
Diría que a pulsión de contactar con outros é algo que pode explicarse ou entenderse. Mesmo pode ser que o desexo de comunidade teña que ver coa saúde colectiva. Con todo, sinto o efecto contrario. Sinto a reclusión como unha cova na que me introduzo o máis posible, e dentro dela estou ben. Apreciaría que os demais puidesen seguir facendo xirar o mundo mentres eu permanezo pechada nun lugar apartado, observando e, se cadra, escribindo.
En resumo, a miña visita a Illa decepción resultou ser unha aventura polas moitas illas que hai nos mundos do eu e que non vou esquecer. O único que podería achacarlle ó libro, en odiosa comparación con Carrusel, é que neste as imaxes son as que producen as sensacións e non son as sensacións aquilo que produce as imaxes. Con todo, ambas obras son, na miña opinión, do melloriño da literatura galega contemporánea.
Comments