top of page

Recensión: Eduardo Estévez, de baleas


Título: de baleas

Autor: Eduardo Estévez

Editorial: Caldeirón

ISBN: 9788469756652

Nº de páxinas: 51 páxs

 



Sinopse:


Este novo libro de Caldeirón é unha edición especial que inclúe, xunto co libro, un caderno cun comic e un CD con músicas de baleas.

O comic, así como as ilustracións do libro, son de Tokio.

O CD inclúe once temas de Macarena Montesinos, o dúo Tiberevi, Benxamín Otero, Estevo Creus, Daniel Quaranta, Ariel Ninas, Pablo Seoane e Gabriela Acosta, Mónica de Nut, Mig Seoane, Madamme Cell e Belén Bermejo, acompañada por Andrés Díaz.

 

Despois da lectura de nós-dentro (Galaxia, 2018) tiña moito interese en ler outros títulos de Eduardo Estévez. Coido que non hai mellor maneira de facelo que con este de baleas (Caldeirón, 2017), unha experiencia poética que traspasa o obxecto libro grazas ó cómic e as ilustracións do artista vigués Tokio, así como un CD con temas de diversos a cargo de moitos poetas e músicos galegos. Sen dúbida, unha edición esta de Caldeirón, que podería ser un bo agasallo para estas festas.


Se nós-dentro (Galaxia, 2018) nace do cotián, de baleas (Caldeirón, 2017) nace do máis ínitimo da fascinación polos cetáceos do poeta e ós que fai protagonistas (in)directos dos seus textos. Cousa que non é de estrañar pola enorme tradición literaria, relixiosa e artística que nace da figura deste animal e que na poesía galega tamén temos nos textos de Luísa Castro e Estevo Creus.


enumerar motivos para debuxar unha balea


para crer nun espírito navegante que non temos

para delimitar o medo

para valernos dela na fuxida

para botar de menos unha viaxe

unha en concreto

para debuxar un bazar e disfrazala de elefante

porque teñen a forma das distancias

porque dentro dunha balea o ceo está limpo e non hai dor

para pintala sorrindo e poñerlle flores ou peixiños pequenos

para facer unha metáfora de todas as traxectorias

para que sexa a proa na reconquista da paisaxe

para representar o tamaño da tristeza

para pensar nas palabras coas que explicar o debuxo.


En de baleas temos composicións de diversa extensión e métrica nas que facemos viaxes diversas pola poética do autor nas que falamos de fronteiras, infancia, nostalxia, ficcións e tamén da súa propia concepción lírica. As baleas de Eduardo Estévez teñen unha carga simbólica tan potente que moitos dos seus textos permiten unha dobre lectura e unha análise demorada daqueles versos máis intensos. Estes animais tan peculiares constitúen de seu unha materia literaria de gran calidade e que o autor emprega con moito enxeño.


Este é, sen dúbida, un proxecto moi íntimo no que hai moito de traxectoria (meta)literaria e de experiencias vitais. Un proxecto que, aderezado coa música e as ilustracións, constrúen unha experiencia multimedia moi recomendable e da que persoalmente gocei intensamente.






Comments


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page