Recensión: Eduardo Santiago, O mundo máxico de Lía
Título: O mundo máxico de Lía
Autor: Eduardo Santiago
Ilustracións: Marcos Calo
Editorial: Xerais
Colección: Merlín
ISBN: 9788491216940
Nº de páxinas: 128 páxs
Sinopse:
Lía ten dez anos e a súa nai cre que é moi madura para a súa idade. Claro que o resto da xente pensa todo o contrario, sobre todo o pai, que se burla dela porque se nega a falar. Unha noite, Lía foxe da casa e agóchase detrás duns arbustos esquivando a persecución do seu pai. Na compañía de Glok, un trasno imaxinario, emprende unha aventura fantástica por un mundo máxico, soterrado baixo a cidade de Pontevedra. Lía non ten medo, é unha nena valente, disposta a enfrontarse ao que faga falta para volver xunto á súa nai, aínda que sexa o malvado líder dos homes rata.
Dende o seu 2044 (Galaxia, 2011) non lera outra obra de Eduardo Santiago e isto precisaba dunha solución, cousa que atopei na súa interesante proposta O mundo máxico de Lía (Xerais, 2020) coa que debuta como autor de literatura infantil.
Sen embargo, O mundo máxica de Lía é para min unha novela de fronteira. Coido que os aspectos que nela se tratan e o como se tratan sitúan esta historia na fronteira entre o considerado literatura infantil e xuvenil. Durante a súa lectura tiven moitas veces a sensación de que podería categorizarse nas dúas categorías, polo que é unha historia perfecta para unha época tan complexa para o lectorado infantil como é atopar libros que os guíen na transición cara a literatura xuvenil.
A historia é frenética, apenas ten pausas e créase nela un mundo fantástico con moito potencial. Aínda que creo que pódese afondar máis neste mundo máxico soterrado baixo a cidade de Pontevedra e nos seus habitantes, penso que o autor traballou ben a vinculación entre localizacións concretas da cidade e parte do seu mundo. Respecto dos tempos, aínda que moitas veces é excesivamente frenética, a sensación de persecución que ten o lector co paso das páxinas e xusto a mesma ca da protagonista, polo cal garantízase a inmersión do lector na historia.
En xeral, Eduardo Santiago escribiu unha obra que reclama Pontevedra como escenario fantástico e que transita entre a novela infantil e xuvenil ó mesmo tempo que reflexiona sobre o maltrato, as violencias e a necesidade de ter ou desenvolver unha voz propia.
Commentaires