top of page

Recensión: Emma Pedreira, Os libros que hai en min


Título: Os libros que hai en min

Autora: Emma Pedreira

Editorial: Cuarto de inverno

ISBN: 9788412160499

Nº de páxinas: 160 páxs

 






Sinopse:


Cando unha pensa que un día sen ler é un día perdido, o fai en calquera parte e o comparte nas redes sociais, corre o risco de que unhas editoras atentas e curiosas lle pidan algo así como unha “biografía bibliográfica”. Un ensaio que percorra a vida dunha bibliópata desde a infancia ata os, poñamos por caso, corenta anos; desde que odiaba ler ata chegar ao punto de desexar non parar de facelo, no que conte as súas vivencias arredor desas obras que supuxeron un antes e un despois. Un texto cheo de humor, amor, anécdotas, digresións e libros. Os libros que hai en Emma Pedreira.

 

Como bibliófilo declarado gozo moitísimo daqueles libros metaliterarios que nutren as miñas interminables listas de libros por ler, mais teño que admitir que escapo daqueles títulos que limítanse a reproducir listas de títulos que responden ós criterios do canón e que tería que ler antes do próximo armageddon. Coido que nos últimos tempos escríbese moito sobre libros e lectura, mais faltan títulos onde se fale da lectura dende o punto de vista subxectivo daquelas persoas que gozan dun bo libro tanto no coche, na pausa do café, na sala de espera dunha consulta, no autobús ou preparando unha cea.


Precisamente por iso Os libros que hai en min de Emma Pedreira chega tan profundamente ó lector. Nel temos a historia dunha lectora que goza diariamente do pracer da lectura e que presenta os seus títulos imprescindibles, e non tan imprescindibles, en relación cos distintos momentos da súa vida. Non esquece tampouco reflexionar sobre o que este acto significa para ela.


Irédesvos dando conta de que a lectura e sobre todo os libros teñen que ver con impactos brutais dentro da miña vida. Perdas, mudanzas, doenzas... se cadra podería ata dicir que os libros son un kit anticatástrofe, algo que ten que ver con toda esa leria que che soltan nos avións mentres engala: a máscara do aire, o chaleco salvavidas, as portas de emerxencia. Os libros foron - e son- todo iso en momentos urxentes e desesperados.


Neste libro a Emma Pedreira autora non aparece por ningures, e iso é algo que é necesario salientar e agradecer. O libro é moitas veces aparentemente caótico, desestruturado, propón maneiras diversas de lelo e está cheo de anécdotas, comentarios, confesións e reflexións que moitas veces parecen irrelevantes. Precisamente porque así é a relación que temos os lectores cos libros, é dicir, ninguén pode saber que libro responde a cada momento da súa vida, os impulsos e emocións que suxire a lectura non son organizables, e o pouso que deixa cada título nunha persoa é un aspecto especialmente subxectivo. Un libro que tivese un formato máis canónico, resultaría unha mera listaxe e non sería interesante para os lectores.


En resumo, este novo libro de Emma Pedreira resulta unha divertidísima historia de amor polos libros e a lectura, chea de verdade, humor e sen ningún tipo de censura. Unha sorte de "biografía bibliográfica" onde se fala da importancia dos libros dende os propios sentimentos cara eles e onde se prescinde dun innecesario academicismo.


Commentaires


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page