Recensión: Federico García Lorca, Seis poemas galegos [Edición facsimilar e ilustrada]
Título: Seis poemas galegos
Autor: Federico García Lorca
Editorial: Alvarellos
ISBN: 9788416460533
Nº de páxinas: 60 páxs
Sinopse:
Edición facsimilar do libro galego máis reeditado e traducido de todo o século XX. Incorpora as fotografías do poeta en Galicia. Nunha edición ao coidado de Henrique Alvarellos.
Federico García Lorca foi un gran embaixador da cultura galega. A única lingua na que decidiu escribir, á parte do seu castelán natal, foi a galega. A primeira edición dos Seis poemas galegos saíu do prelo de Ánxel Casal en Santiago de Compostela en decembro de 1935, oito meses antes do asasinato do gran poeta granadino. A tiraxe apenas superaba os douscentos exemplares e foron moi poucos os que sobreviviron ao saqueo dos fascistas en agosto do 36.
Non obstante, os poemas galegos de Lorca serían axiña incorporados ás súas obras completas e reeditados e traducidos durante este tempo por todo o mundo. Hoxe constitúen o libro en galego máis difundido do século XX.
Este coidado volume recibiu na IV Gala do Libro Galego o Premio ao Mellor Libro Editado en Galicia en 2018.
Aínda que xa coñecía e lera os poemas que Federico García Lorca escribiu na nosa lingua, penso que a súa ollada sobre a nosa terra é tan inspiradora que sempre é unha boa idea regresar ós seus versos. De feito non debemos esquecer que o galego foi a única lingua na que escribiu versos este imprescindible autor granadino, á parte de na súa lingua nai, o castelán.
Henrique Alvarellos publica esta edición facsimilar deste libro que fai xustiza a un fito importantísimo para a historia das nosas letras e a nosa cultura. De feito este volume supón o comezo dun proxecto de Alvarellos sobre a figura de Lorca e a súa estadía en Galiza, concretamente en Santiago de Compostela, que orixinou outras publicacións, un roteiro e a colocación da estatua actual do autor na Alameda.
Madrigal á cibdá de Santiago
Chove en Santiago, meu doce amor. Camelia branca do ar brila entebrecida ó sol. Chove en Santiago na noite escura. Herbas de prata e de sono cobren a valeira lúa. Olla a choiva pola rúa, laio de pedra e cristal. Olla no vento esvaído, soma e cinza do teu mar. Soma e cinza do teu mar, Santiago, lonxe do sol; ágoa da mañán anterga trema no meu corazón.
Á reproducción facsimilar do poemario, editado en 1935 por Ánxel Casal e con limiar de Eduardo Blanco Amor, engádese un apéndice coas fotografías comentadas de Lorca en Galicia, o que converte a esta nunha edición perfecta para achegarse a estas seis pezas líricas do autor granadino.
Comments