top of page

Recensión: Fran Alonso, Douche a miña palabra


Título: Douche a miña palabra

Autor: Fran Alonso

Ilustradora: Bea Gregores

Editorial: Xerais

Colección: Sopa de libros

ISBN: 9788491218869

Nº de páxinas: 128 páxs

 




Sinopse:

Como se chega a ser escritora ou escritor? Por que se escribe? Pódese vivir sen ler? Pódese aprender a pensar a través da lectura? As palabras poden proer, picar, denunciar as inxustizas, resultar molestas e incómodas. Tamén poden facernos reaccionar. Os escritores e escritoras pelexan coas palabras, míranlles as patiñas nun microscopio e constrúen historias. Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras.

 

É evidente que algúns xéneros literarios non son moi habituais dentro das publicacións de literatura infantil e xuvenil. Podería destacar moitos, mais creo que o ensaio e as biografías son os máis difíciles de atopar nas librerías. Moito se avanzou con respecto o segundo, aínda que continúa a ter unha ínfima representación, mais con respecto ó ensaio a situación é moito peor. Por iso recibo con moito agarimo esta proposta de Fran Alonso e que creo que merece atención por tres aspectos clave.


O primeiro é que estamos ante un ensaio adicado a un público que precisa dunha linguaxe axeitada e comprensible, pero que quizá é o público máis crítico que existe en calquera sistema literario pola súa esixencia e porque están continuamente sometidos á novidade. Precisamente por iso precisamos libros que estimulen aínda máis ó seu pensamento crítico con respecto á sociedade e a literatura. Este é, sen dúbida, un deles.


Como escritor, estou obrigado a facer un esforzo para non defraudarte, para que o meu libro che suxira moitas cousas novas, que che revele ideas que nunca pasaran pola túa cabeza, cousas que non sabías, que che agrade ou que te inquiete, porque a literatura tamén debe inquietar, desacougar.


O segundo aspecto ten que ver coa reflexión que hai no libro sobre o proceso creativo e a figura do autor. Neste libro non se presenta o proceso creativo como algo sinxelo e romántico, senón que se humaniza a figura do autor como alguén que erra, loita e fai un investimento enorme de tempo para crear. Na miña infancia creo que as preguntas ós autores que máis faciamos nas escolas tiñan que ver con estes procesos que moitas veces pecan de moito misticismo. Precisamente por iso atopo moi valiosas as palabras do autor ó respecto.


O terceiro e derradeiro punto que quería tratar neste comentario é todo o pensamento que hai no libro sobre o fomento da lectura e os xéneros literarios. Fran Alonso caracterízase por ser un gran divulgador no eido da poesía para nenos e nenas, mais coido que neste libro amósase unha faceta, para moitos descoñecida, que é o seu traballo fomentando a lectura como dinamizador cultural na asociación Espazo Lectura. As reflexións e conviccións que xorden das vivencias na asociación son, sen dúbida, detonante para a escritura deste libro.


En resumo, Douche a miña palabra de Fran Alonso é unha das obras máis especiais que pode ler a rapazada neste momento da súa vida. Un título cheo de referencias, reflexións, "superpoderes" e conviccións que ten que converterse nun libro de referencia para aqueles nenos e nenas que aman as letras. Polo menos agardo que moitos deles descubran o fermoso mundo dos libros grazas a el.


A poesía é coma A illa do tesouro, algo moi misterioso; unha aventura. Está chea de mapas do tesouro que forman as palabras. Así que o que temos que facer cando lemos é tratar de reunir as pistas para dar co tesouro. Pero... sabes o que che digo? Que o importante é que as palabras nos digan algo. Que nos emocionen, que nos impacten, que nos violenten ou desagraden, que nos fagan sentir algo... Esa é a maxia da poesía.




Comments


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page