top of page

Recensión: Gonzalo Hermo, Diario dun enterro


Título: Diario dun enterro

Autor: Gonzalo Hermo

Editorial: Galaxia

Colección: Literaria (405)

ISBN: 9788491514183

Nº de páxinas: 128 páxs

XIII Premio de Narrativa Breve Repsol 2019


 

Sinopse:

Xacobe, un escritor mozo que vive en Barcelona recibe subitamente a noticia da morte do seu avó materno. Obrigado a regresar a Eiradona, a vila galega onde naceu, alí vólvese encontrar co seu círculo familiar e cunha nai mancada polo pasado. Baixo a influencia aínda presente da personalidade do finado, Xacobe revive os días da súa infancia e, sobre todo, a relación cun amigo íntimo que axiña ha perder. Aquela primeira experiencia da separación volve agora co afastamento definitivo producido pola morte. Cunha prosa translúcida en que feitos, sensacións e tempo se entrelazan cun ritmo tenaz punteado por unha sensibilidade insólita para os detalles, Gonzalo Hermo narra unha historia de ficción persoal e distinta, ateigada de verdade. Única e, por iso mesmo, universal. No ronsel da obra autobiográfica de André Gide, do Blanco Amor de Os biosbardos e Los miedos.

 

Coñecía a obra poética de Gonzalo Hermo polo estupendo e imprescindible Celebración (Apiario, 2014) e teño pendente coñecer a súa faceta como tradutor na súa recente tradución de Permaxeo, de Eva Baltasar, publicado en Kalandraka. O que xa tiven o pracer de coñecer foi o Hermo novelista con este Diario dun enterro, potente proposta narrativa e que recibiu o XIII Premio de Narrativa Breve Repsol 2019.


Diario dun enterro é unha obra breve e dunha intensidade narrativa e lírica sorprendente. Nesta obra, o autor remexe no pasado, presente e futuro dun eu ficticio dunha maneira que sorprende a calquera lector. Hai nesta historia moita verdade e, por riba de todo, vese unha sensibilidade especial polo detalle, polos feitos, polo movemento e, en xeral, polos sentimentos e sensacións do protagonista.


"Ás veces penso que eu tamén estou mal da cabeza. Os meus pensamentos non son normais. Véñenme imaxes moi tolas á imaxinación. Tendo á esaxeración e ao desequilibrio. E teño a mesma propensión á melancolía ca miña nai. Pero eu tiven unha vida diferente. Teño formación e adquirín recursos de vivir aquí e acolá. Sempre pensei que o de miña nai se solucionaría cunha vida distinta. Pero ela non tivo esa oportunidade"


Durante a lectura do libro tiven todo rato na miña cabeza a extensísima obra en seis volumes, Min kamp (2009-2011), de Karl Ove Knausgård, publicada en castelán por Anagrama. Os intereses literarios dos autores coinciden e a súa forma de narralos coincide, máis o máis especial desta obra de Hermo é algo do que carece a de Knausgård, a constitución dun relato no que a vivencia non é o relevante senón as relacións do eu co vivido. Ignoro se hai algo de ficción persoal no texto, mais hai certamente moito de intensidade e de verdade. Precisamente por iso os lectores que se acheguen a esta obra terán moito que debater entre eles despois da súa lectura.


En resumidas contas, o debut de Gonzalo Hermo como narrador é destes que non se esquecen. Diario dun enterro é unha obra escrita con agarimo e coidado, mais tamén con furia e humor. Sen dúbida, unha proposta profundamente suxestiva para calquera momento da vida.


Opmerkingen


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page