Recensión: Iria Misa, A cidade do átomo
Título: A cidade do átomo
Autora: Iria Misa
Ilustradora: Sonia García
Editorial: Xerais
Colección: Merlín
ISBN: 9788491219613
Nº de páxinas: 168 páxs.
Sinopse:
Tras a explosión no reactor 4 da planta nuclear de Chernóbil todo semella inerte na cidade do átomo. Desde a súa evacuación, Prípiat é unha cidade en ruínas que os pequenos e as pequenas, ante a ausencia de adultos, se afanan por manter en funcionamento. Todos agás Lena Petrova, diferente e solitaria, que non é quen de atopar o seu lugar entre as rúas e edificios baleiros. Non hai nin rastro da súa mellor amiga, Svetlana, e agarda con ansia o regreso da súa nai. Tan só o enigmático Máscara parece adaptarse tan mal coma ela á nova orde das cousas. Que segredo agochará?
IV Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade 2021
Tralo éxito de público e crítica que supuxo Mamá, quero ser Ziggy Stardust (Xerais, 2018), Iria Misa publica novamente un libro de fronteira entre a literatura infantil e xuvenil, A cidade do átomo (Xerais, 2021), obra que ademais viu da man do IV Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade.
A cidade do átomo resulta unha satisfactoria reinterpretación dende a literatura da catástrofe de Chernóbil e o que iso supuxo para a Unión Soviética e para a sociedade rusa. Partindo dos feitos reais, a autora tece unha historia que mestura realidade e fantasía que conta co protagonismo dunha nena bastante peculiar, Lena Petrova, a través da cal coñecemos parte da ideoloxía, cultura e sociedade rusa dunha forma moi amena. A esta singular protagonista súmanse outros personaxes moi ben construídos como Máscara ou Svetlana cos que coñeceremos os segredos que se agochan trala aparente realidade cotiá da cidade.
Especialmente destacable neste libro é a construción dos espazos. Os lugares onde os personaxes viven as súas diversas aventuras descríbense con moito tino e estes transmiten moi ben a sensación de abandono, climatoloxía adversa e inestabilidade que busca a autora.
O mural, que sobrevivía con teimosía ao paso do tempo, era visible desde as dúas plantas do edificio, coma un fermoso océano de cor cuxas ondas asolagaban as paredes. Ofrecía unha representación de varias escenas da vida cotiá e dos valores compartidos polos cidadáns da Unión Soviética: un grupo de persoas fundidas nun abrazo simbolizaban a unión do pobo; os retratos dos campesiños recollendo os seus cultivos lembraban a importancia da agricultura; un astronauta, a da carreira espacial. Pero o retrato que máis lle gustaba a Lena o dun corpo enfundado nunha bata branca que portaba unha probeta na man, sen dúbida, icona do avance da ciencia, algo ao que tanto en Ucraína coma no resto das Repúblicas se lle daba moita importancia. O frío e as pingueiras arruinaran boa parte do debuxo e a científica perdera a cabeza ao estragarse a pintura. (páxs. 60-61)
En resumo, A cidade do átomo supón unha imaxinativa reinterpretación dos sucesos de Chernóbil adicada ó público infantil e chea de datos, descricións e referencias que reflicten un profundo proceso de documentación sobre a época e sobre a realidade do país. A todo isto engadimos unhas fermosas ilustracións de Sonia García, códigos QR e extras que permitirán a todos os públicos gozar dunha historia inesquecible.
Comments