top of page

Recensión: Julian Barnes, O ruído do tempo


Título: O ruído do tempo

Título orixinal: The Noise of Time

Autor: Julian Barnes

Traductor: Moisés Barcia

Editorial: Rinoceronte

ISBN: 9788417388355

Nº de páxinas: 194 páxs

 




Sinopse:


Na década de 1930, Dmitri Shostakóvich ten uns trinta anos e Stalin asiste a unha representación da súa ópera Lady Macbeth de Mtsensk. No Pravda publícase unha terrible crítica que parece que o vai levar ao exilio ou á morte. Porén, o músico logra salvar esta situación.

Barnes reconstrúe nesta breve novela a vida do músico Shostakóvich e as duras decisións que tivo que tomar nos seus momentos históricos sombríos, e indaga no medo e a culpa, na dificultade de comportarse con honradez nos tempos de barbarie e na difícil supervivencia da arte neses anos terribles.


 

Xa sei, chego tardísimo a ler algunha obra de Barnes, mais cheguei e iso é o importante. Nin sequera sei se foi a mellor para comezar a coñecer a súa obra, mais sen dúbida prestoume moito a súa lectura, tendo en conta que o libro cambia bastante dende o comezo ó fin.


No comezo do libro tiven a sensación de que estaba ante unha obra na que a construción dos ambientes e a historia de decadencia do músico serían os elementos principais. De feito, as primeiras páxinas lembráronme moito a algúns textos de Jack London pola fascinación que semellaba que existía no texto tocante a xerar tensión narrativa a través das descricións do externo, do orgánico e das sensacións (palpitacións, suor, sons...) e non dos propios feitos.


Co paso das páxinas o libro torna, inesperadamente, moito máis reflexivo e afonda moitísimo máis nas anécdotas da vida do compositor ruso. Temos que ter en conta que gran parte das fabulacións do autor sobre a vida de Dmitri Shostakóvich parten das fontes biográficas que consultou, e que el mesmo relata no final do volume, mais é evidente que moitas veces aproveitase desas situacións para introducir reflexións e pensamentos que exceden a figura do seu "eu" nesta "autobiografía".


Cando comezaran as ameazas contra el, dixéralles aos seus amigos: "Aínda que me corten as dúas mans, seguirei escribindo música cunha pluma na boca." Foran palabras desafiantes destinadas a manter o ánimo de todo o mundo, incluído o seu. [...] Na Rusia de Stalin non había compositores que escribisen cunha pluma entre os dentes. En diante só habería dúas clases de compositores: os que estaban vivos e asustados e os que estaban mortos.


Comunistas nun extremo, capitalistas no outro e el no medio.


Ser ruso era ser pesimista; ser soviético era ser optimista. Por iso as palabras "Rusia soviética" eran contraditorias. O Poder nunca o comprendeu.


Mais non sinalo este aspecto como algo negativo, senón todo o contrario. Hai que ter moito talento para xogar cos brancos nunha biografía e facela tan literaria e reflexiva que constitúa non so un documento de interese a nivel divulgador, senón tamén un pouco unha reflexión universal sobre os xogos de poder e a súa influencia nas artes. De feito, creo que é notable que o propio autor deixa claro que Dmitri Shostakóvich o único que quiso na súa vida é gozar da música, polo que este texto resulta, desgraciadamente, unha crónica sobre alguén que non querería ser representado en ningures. Na miña opinión, destes tipos de personaxes e dos que se alimenta a boa literatura.


Quería que o deixasen en paz coa súa música, a súa familia e os seus amigos; o máis simple dos desexos, e, porén, completamente irrealizable. Querían que os enxeñeiros o modelasen, igual que a todos os demais. [...]Reclamaban un "Shostakóvich optimista". Aínda que o mundo estivese ata o pescozo de sangre e xurro, contábase con que mantiveses o sorriso na cara. Pero a natureza do artista era ser pesimista e neurótico. Xa que logo, querían que non foses artista.


En resumo, sorprendeume moito este libro polas reflexións que hai nel, pola forma de construír unha biografía sen renunciar a literatura, como tamén fai Emmanuel Carrère co seu Limonov, e polo moito que me impresionou a escolla que realiza dos elementos da propia vida do músico para construír un discurso universal.






Comments


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page