top of page

Recensión: L. M. Montgomery, Anne, a de Tellas Verdes



Título: Anne, a de Tellas Verdes

Título orixinal: Anne of Green Tables

Autora: L. M. Montgomery

Tradutor: Moisés Barcia

Editorial: Sushi Books

ISBN: 9788491210160

Nº de páxinas: 340 páxs

 





Sinopse:


Matthew e Marilla Cuthbert, irmáns de mediana idade, pretenden adoptar un neno que os axude coa granxa.


Por equivocación reciben a Anne Shirley, unha orfa fraca e rubia de once anos, chea de enerxía e vitalidade, que deixará unha pegada imborrable ó seu redor, grazas á súa vívida imaxinación e constante charla.


Anne, a de Tellas Verdes é un clásico literario do século xx para todas as idades, levado á pantalla en varias ocasións.

 

Non tiven a sorte de ler na miña adolescencia ás aventuras de Anne Shirley Cuthbert. Precisamente por iso levei unha grande alegría cando souben que Sushi Books publicaría o primeiro volume da saga de L.M.Montgomery. Sei que moitos de vós víchedes a adaptación de Netflix e non sabedes se mercar o libro ou non, pero confírmovos que a adaptación é bastante libre en moitísimos aspectos e que a lectura do texto ten para min moitos máis ingredientes que a fan inesquecible.

Anne, a de Tellas Verdes é un libro sorprendentemente valente para o momento da súa concepción. L. M. Montgomery publicou a primeira entrega destas aventuras en 1908, unha época no que era case impensable propor unha historia na que o protagonista non fose un home ou unha rapaza que respectase ós canons estéticos e morais da época. Tanto as accións da personaxe principal como as reflexións que hai na historia son de moitísimo valor e aportan a obra unha validez universal que non se perde co tempo.


«- [...] Facíannos aprender todo o catecismo. Gustábame moito. Algunhas desas palabras teñen algo espléndido. "Infinito, eterno e inmutable." Non é grandioso? Ten unha solemnidade... coma un grande órgano cando soa. Supoño que non se lle pode chamar poesía, pero soa moi parecido, verdade? [...]



« [...] - Ó final, a señora Barry era unha alma xemelga- confesoulle Anne a Marilla-. A simple vista non o pensarías, pero érao. Non o descobres de inmediato, como con Matthew, pero acabas véndoo. As almas xemelgas non son tan difíciles de atopar como pensaba. É esplendido descubrir que hai tantas neste mundo. [...]


A personaxe de Anne lembra moitísimo á personaxe de Pipi Mediaslongas: ambas son dúas personaxes enérxicas, rebeldes, bravas, intensas e conciben a vida dende unha perspectiva que a moral da súa época non acerta a comprender. A intelixencia de Anne e a súa maneira de ver o mundo fan dela unha personaxe inesquecible. Coido que este é un dos aspectos que fan que as súas historias continúen a resultar interesantes para o lectorado.


«Para que Anne tomase as cousas con calma habería que cambiar a súa natureza. Toda, "de espírito, de lume e de orballo" como era, os praceres e as dores da vida chegábanlle con tripla intensidade.


Outro aspecto imprescindible é o humor. Pese a que non deixa de ser unha historia infantil, as ocorrencias de Anne, a súa forma incómoda de preguntar e a súa intensidade, producen situacións cómicas moi divertidas, equívocos e momentos onde un non pode evitar rir durante a lectura. Especialmente destacaría o humor intelixente que hai na obra e do que tanto rapaces como adultos poden gozar intensamente.


Sen embargo, o que máis me sorprendeu do libro e a beleza dos espazos que crea a autora. Tiña en mente que os espazos serían importantes, por iso de que no título da obra é unha parte relevante, mais Tellas Verdes é verdadeiramente un lugar onde perderse e gozar da natureza. A importancia é tal que mesmo Anne nomea algúns dos lugares cunha nomenclatura propia en función das sensacións que lle producen. A beleza dos seus campos, construcións e elementos naturais está patente do libro. Anne aproveita cada momento para deitar a súa ollada sobre este feito.


«Compadezo a xente que vive en terras onde non hai anemones -dixo Anne-. Diana di que se cadra teñen algo mellor, pero non poder haber nada mellor cás anemones, verdade, Marilla? E Diana tamén di que se esa xente non sabe como son non as bota de menos. Pero creo que iso é o máis triste de todo. Creo que sería tráxico non saber como son as anemones e non botalas de menos, Marilla. Sabes o que creo que son as anemones, Marilla? Creo que teñen que ser as almas das flores que morreron o verán pasado, e este é o seu ceo. Hoxe pasámolo de marabilla, Marilla. Xantamos nun fondal moi grande cuberto de musgo, xunto a un vello pozo. Que sitio tan romántico! »


É unha verdadeira mágoa non ter lido este texto na miña adolescencia. A intelixencia co que foi escrito e pensado é incluso hoxe algo sorprendente. Agardo que no futuro Sushi Books se anime coa publicación das secuelas deste clásico da literatura xuvenil. Coido que o noso sistema literario merece un agasallo así.


Kommentare


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page