top of page

Recensión: Ledicia Costas, A señorita Bubble. Baixo cero


Título: A Señorita Bubble. Baixo cero

Autora: Ledicia Costas

Ilustracións: Andrés Meixide

Editorial: Xerais

ISBN: 9788491217633

Nº de páxinas: 128 páxs

 







Sinopse:


Lady Bubble comeza unha nova vida en Rovaniemi, unha preciosa vila de Laponia. Os problemas non tardan en petarlle na porta. Unha familia de pingüíns necesita da súa axuda con urxencia. Non son os únicos: os elfos da fábrica de xoguetes están vivindo unha situación desesperada. Abrígate ben e prepárate para vivir unha aventura baixo cero, onde Bubble vai ter que enfrontarse a un poderoso inimigo. Papá Noel cruzou ao lado escuro.

 

Tras o éxito da novela A señorita Bubble (Xerais, 2017) entre os máis pequenos, moitas eran as voces que reclamaban unha nova historia dun dos personaxes máis carismáticos de Ledicia Costas e da nosa literatura infantil recente. As aventuras da inventora, Lady Bubble, regresaron, xa convertidas nunha colección propia por parte da editora, ás librarías polo Nadal cunha aventura do máis peculiar e atrevida.


Teño que recoñecer que a priori a temática da historia é arriscada pola bondade indiscutible que todos os nenos ven en Papa Noel, ademais de que tamén presenta un tema tan complexo como é o das condicións laborais e o sindicalismo ós máis pequenos da casa. Sen embargo non dubidei en ningún momento da calidade do resultado final, xa que a autora acostuma a presentar textos nos que hai temas tan complexos ou arriscados coma estes. Coido que moitas veces non se lle agradece o suficiente, pero o gran éxito desta autora é, na miña opinión, devolverlle ós lectores de literatura infantil e xuvenil o status que merecen, é dicir, como un público esixente e crítico e máis que valido para comprender calquera tema.


«O grupo de elfos que compoñía as panxoliñas non tardou tres minutos en empezar a tocar laúdes e zambombas versionando o popular «Pero mira como beben os peixes no río»:

Pero mira as serraduras furando a súa cachola. Pero mira Papá Cruel, tes cabeza de cebola. Choran e choran, non deixan de chorar, os elfos en Laponia non queren traballar.»


Na miña opinión, A Señorita Bubble. Baixo cero é unha obra aínda moito máis divertida e dinámica que a súa predecesora e na que sen dúbida hai reflexións moi interesantes sobre temas imprescindibles para comprender o mundo actual: as condicións do traballo, a contaminación ambiental e o inconformismo coas formas máis arcaicas do poder. Todo isto aderezado con moito humor e as marabillosas ilustracións de Andrés Meixide fan deste un libro especialmente recomendable para a rapazada.





Comments


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page