Recensión: Manuel Darriba, A realidade
Título: A realidade
Autor: Manuel Darriba
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491218012
Nº de páxinas: 136 páxs
Sinopse:
Ganzúa, escritor fracasado e vagabundo existencial, cruza a cidade nocturna nas últimas horas do mundo. A guerra de clases e a catástrofe climática empurran o planeta ao cataclismo final. Ganzúa pouco sabe e nada espera. Renunciou a desvelar o único misterio que lle importaba: como escribir literatura. A historia transcorre baixo o ruído e a furia, sen respecto pola narración convencional nin fronteiras entre xéneros. Da comedia negra ao panfleto político, do relato sentimental á novela de aventuras. Coa súa narrativa innovadora, Manuel Darriba compón en «A realidade» unha sinfonía en aparencia demencial, pero con todos os parágrafos medidos para que digan o que o autor quixo dicir.
A narración tradicional pódese considerar moitas veces como "conformista" polas súas construcións, estrutura e elementos, mais tamén é posible construír literatura de calidade ignorando toda a súa poética e partindo dun aparente caos. A realidade (Xerais, 2021) de Manuel Darriba é unha desas obras complicadas, especialmente subversivas contra a narración máis tradicional e repleta de humor e de reflexións existenciais.
Tanto é así de que temos a sensación de que non podemos fiarnos do propio texto. O autor rebélase contra o narrador engadindo notas ó pé que nin resultan só informativas nin dialogan co texto "principal", senón que as anotacións son tan imprescindibles para comprender a situación que se presenta nesta obra como o propio corpo da novela.
Ganzúa, o protagonista da historia, resulta unha especie de flaneur que transmite unha visión da humanidade moi distorsionada e axeitada ó momento que vive. A través dos seus ollos coñecemos un mundo "apocalíptico" onde a natureza e a sociedade foron destruídas por completo e achéganse a un final tráxico, é dicir, a propia extinción. Con todo, durante todo o texto non temos a sensación de que este personaxe pretenda facer máis que arrastrarse por un mundo baleiro e imperfecto.
Só había que asumir a mobilidade. As cousas escorregaban veloces nas marxes da estrada. A frecha en pleno voo do Real podía continuar ou deterse.
Era xa un tempo sen programas nin roles. Quedaran atrás os espazos, os múltiples avatares, as xentes...
Se a fuga é loada como arte suprema, Ganzúa foi o artista definitivo. O exilio gañara a partida. Xa nunca na vida querería outra cousa.
O aparente conformismo deste personaxe é o que orixina moitas veces as situacións máis irónicas e cheas de humor desta historia. Ó mesmo tempo, Ganzúa tamén é o "Dante" que permítenos percorrer este inferno na terra e reflexionar sobre o resultado dos actos dunha civilización sen identidade e que baseaba a mesma nos éxitos e desexos do sistema. É dicir, aínda que Ganzúa queira ser unha personaxe neutral no conflito, non pode evitar ser parte imprescindible do mesmo.
De feito, aínda que integra elementos de moitos xéneros literarios, cualificaría esta novela como unha comedia moi intelixente debido a que combina o humor negro, a ironía e as reflexións filosóficas para construír unha obra crítica, intempestiva e asistemática.
Grosos sedimentos dispostos en estratos: programas, roles, expectativas... Ás veces no bulleiro aboiaban moedas; pero apenas apañadas, revelábanse inservibles. A dobra do horizonte sorprendeu a Ganzúa axeonllada. Excluído o progreso, varridos os obxectivos, había unha enmenda a totalidade. Os eventos perdían fulgor. Todo na vida foi ditado, aínda era. Como definirse, se non? Todo o mundo tiña fame de espellos, todos andaban á busca da Identidade. Pero ao pecharse os programas, ao revelarse ilusorias as identidades, o fastío estendeuse como capa rocosa. Aquel era o estrato culminante: o final.
A realidade supón outra demostración de que a obra de Manuel Darriba supón un universo aparte dentro da literatura galega. As súas obras son arriscadas a nivel estilístico e formal, mais os temas que trata e as reflexións que propón son de gran valor filosófico e moral, sen renunciar por iso a unha literatura de grande valor. A súa obra é esixente, mais tamén precisamos obras así no noso sistema literario.
Comments