Recensión: Michela Murgia, Instrucións para converterse en fascista
Título: Instrucións para converterse en fascista
Título orixinal: Istruzioni per diventare fascisti
Autora: Michela Murgia
Tradutor: Moisés Barcia
Editorial: Rinoceronte
ISBN: 9788417388294
Nº de páxinas: 102 páxs
Sinopse:
Instrucións para converterse en fascista nace para demostrar non só que a democracia é inútil e mesmo prexudicial para a convivencia, senón tamén para probar que a súa alternativa máis experimentada –o fascismo– é un sistema de xestión do Estado moito mellor, menos custoso, máis rápido e máis eficiente.
Fiel ao seu humilde obxectivo didáctico, esta obra ofrece na súa conclusión un pequeno test para medir o grao de aprendizaxe acadado e valorar os progresos na adhesión ao fascismo.
Xa comentara na miña recensión de Acabadora, que Michela Murgia foi a primeira autora que lin directamente en italiano. Nunha viaxe a Florencia atopei varios dos seus libros recomendados na Piccola Farmacia Letteraria, libraría ben curiosa que vos convido a descubrir, e coa lectura do primeiro, tiven moi claro que tiña interese nesta autora. Instrucións para converterse en fascista, traducido por Moisés Barcia, foi a miña segunda lectura dunha obra da autora. Un libro tamén desacougante, noutro sentido da palabra, e extremadamente intelixente, polo que polo momento so podo definir a obra desta autora como LITERATURA, así, con maiúsculas. Instrucións para converterse en fascista é un título que deixa moi clara cal é a intención do libro, ser un manual para aqueles que teñan interese en adaptar o fascismo nos seus gobernos ou como parte da súa vida. Estas instrucións son diversas e creo que se poderían clasificar en varios niveis: adaptación dunha retórica fascista; como controlar as infraestruturas culturais dun país e a súa memoria; metodoloxía para a estrutura dun perfecto goberno ditatorial; o populismo e os xogos de sedución; e a adaptación dos comportamentos fascistas ó contexto actual.
Neste preciso momento histórico temos, en realidade, á nosa disposición unha ampla variedade de instrumentos para controlar as masas coa que non contaba ningún fascismo do século pasado, e isto permítenos experimentar algo inédito: xurdir do corazón dun sistema democrático con varias décadas e dominalo sen recorrer a unha acción militar interna ou externa. Manipulando os instrumentos democráticos pódese converter en fascista un país enteiro sen sequera chegar a pronunciar a palabra "fascismo", que podería suscitar certa hostilidade mesmo nunha democracia esvaída, senón logrando que a linguaxe fascista sexa aceptada socialmente en todos os discursos, axeitada para todos os temas, coma se fose unha caixa sen etiquetas- nin de dereitas nin de esquerdas- que pode pasar de man en man sen que o portador teña que ver directamente co seu contido. Neste ensaio fálase dunha gran variedade de temas polo que intentar nomealos todos serían pouco interesante nesta recensión, mais o interesante non son os temas, senón a intelixencia con que a autora liquida cada un deles e adopta perspectivas tan aparentemente negativas pero que no seu discurso, semellan normalizadas.
(...) a memoria ten a característica do perecedoiro: se non se conserva, pérdese, e este é un risco que corren os demócratas cada vez que nace unha nova xeración e se esquecen de propinarlles aos nenos os embustes oficiais dos programas de historia. Xa está sucedendo. Durante décadas, a democracia sentiuse a salvo, valéndose do feito de que os partisanos vivían. Os demócratas trataron a República italiana como un feito tan incrible que se necesitaban poucas testemuñas oculares para dar creto. Crían que para demostrar a súa existencia abondaba coa versión dos seus superviventes. Naturalmente, iso é falso. Os partisanos non posúen historia, senón só os seus recordos, pegadas dunha experiencia individual que apenas pertence a quen a viviu. A memoria é algo máis, é o xeito en que un grupo de persoas dominantes elixe algúns recordos dos feitos acaecidos nun momento histórico concreto, dótaos dun sentido útil e transmíteos coma se ese sentido fose de todos.
Ó final do libro temos un "fascistómetro" co que poderemos medir o grado de aprendizaxe acadado ou comprobar o vinculados ou non que estamos coa doutrina. Coido que máis dun levará unha pequena sorpresa cos resultados se leu con atención o libro ou fai caso dos seus sentimentos.
En resumo, Michela Murgia escribiu un libro que supón unha sinxela explicación do auxe da extrema dereita en Italia e no resto do mundo. A autora, declarada simpatizante de esquerdas e mesmo nacionalista sarda, pretende con este libro abrir mentes e facernos comprender os motivos polos que o fascismo seduce a tantas persoas. Son moitos os motivos que vinculan as persoas nalgún momento da súa vida ós radicalismos, mais o maior risco é dicir:
se todo é fascismo, nada o é. Non é así. Non todo é fascismo, pero o fascismo ten a fantástica capacidade, se non vixiamos constantemente, de contaminalo todo.
Komentarze