top of page

Recensión: Mori Ōgai, O ganso salvaxe


Título: O ganso salvaxe

Título orixinal: Gan []

Autor: Mori Ōgai

Tradutor: Gabriel Álvarez Martínez.

Editorial: Irmás Cartoné

ISBN: 9788412147025

Nº de páxinas: 175 páxs



 

Sinopse:


Otama é unha moza humilde á que as circunstancias e o desexo de coidar do seu ancián pai empurran a aceptar ser a concubina dun bedel convertido en usureiro. Okada é un gallardo estudante de medicina cuxos paseos o levan con frecuencia por onda a nova residencia de Otama. O destino, a casualidade e as convencións sociais levarán a que unha e outro se observen, se acheguen e se afasten nunha historia onde o que non se chega a dicir —e o que non chega a suceder— expresa tanto como todo o dito.

Escrita entre 1911 e 1913 e publicada inicialmente por entregas, O ganso salvaxe é a obra máis coñecida de Mori Ōgai. Cun estilo moi persoal, a novela suma unha mesurada contención lírica e un coidadísimo respecto pola humanidade dos seus personaxes. É por esta obra polo que o autor, xunto con Natsume Soseki, é valorado como o verdadeiro artífice da creación literaria moderna en xaponés.

 

Como interesado na cultura xaponesa e estudante da súa lingua, sempre tiven que conformarme con ler moitos dos clásicos da literatura xaponesa en traducións ó castelán (moitas veces nin sequera directas do xaponés) ou acudir a algunha lingua ponte. Precisamente por iso non podo comezar este comentario sen agradecer o traballo de Gabriel Álvarez Martínez e das editoriais galegas, que como Irmás Cartoné, apoian ou comezan a interesarse por traducir obras asiáticas a nosa lingua.


O ganso salvaxe é unha obra da que nunca lera unha soa opinión, pese a que si que coñecía a súa autora Mori Ōgai. Cando lin o texto sorprendeume moito a súa modernidade dentro dos clásicos modernos da literatura xaponesa que teño lido. Nesta obra pódese albiscar o comezo do proceso de aperturismo de Xapón cara occidente grazas á presenza de elementos de tradición europea dentro das obras. Isto pódese observar dunha forma moi sinxela coa presenza dalgúns termos franceses no orixinal e que o tradutor non modificou nesta edición, como mostra deste feito.


Esta é unha obra que xoga moitísimo coa expresión máis lírica da cultura nipona, que presenta os valores tradicionais dunha forma conservadora máis tamén moderna para a súa época e que supón unha viaxe interior no mundo duns personaxes que son imperfectos mais que tamén son herdeiros indiscutibles da súa sociedade. Os silencios, as conversas aparentemente sinxelas e baleiras, e a toma de decisións en beneficio do colectivo ou da familia son aspectos que fan da novela aparentemente unha historia sen moito que dicir, mais que finalmente supón un caldo de cultivo perfecto que xunto coa aparición de Otakama fará que a historia e o título da mesma, teñan todo o sentido do mundo.


Con respecto a tradución teño que sinalar, ademais dos estranxeirismos que comentei antes, a presenza de poucas notas ó pé pese a gran cantidade de termos que aparecen nestra tradución adaptados en romaji da lingua orixinal. A aclaración de moitos deles nas primeiras páxinas da obra permite atopalos continuamente co paso das páxinas e que pouco a pouco os integremos na novela sen necesidade de consultalos novamente. Unha lingua tamén é una forma de comprender o mundo polo que agradezo que na tradución aparezan tamén termos que equivalen a conceptos explicables en galego mais sen posible tradución directa na nosa lingua.


Na parte negativa so podo sinalar que a construción da situación que da lugar ó clímax foi moito máis lenta do esperado, sen resultar tediosa, mais creo que isto vese superado co lirismo e beleza dalgunhas desas situacións da historia cando as interpretamos tras pechar o libro.


Agardo, en base a todo o comentado, que esta non sexa a derradeira obra de Mori Ōgai que teñamos a oportunidade de ler en galego.



Comments


Soy un párrafo. Haz clic aquí para agregar tu propio texto y edítame. Es muy sencillo.

  • Black Facebook Icon
  • Black Twitter Icon
  • Black Instagram Icon

Se non queres perder ningunha das novas publicacións.

Subscríbete aquí mesmo.

Redes Sociais
bottom of page