Recensión: Paco Souto, Amar non ten laranxas
Título: Amar non ten laranxas
Autor: Paco Souto
Editorial: Caldeirón
ISBN: 9788412076257
Nº de páxinas: 70 páxs
Amar non ten laranxas de Paco Souto é unha das novidades máis recentes de Caldeirón e supón a reedición póstuma deste poema dramático, publicado por única vez na colección dos Cadernos da Escola Dramática Galega en 1994. Unha edición cun formato bastante sinxelo a nivel estético, mais especialmente valiosa para a crítica pola presenza dunha reprodución completa do texto orixinal a modo de facsímile, unha breve introdución á obra asinada por Manuel Lourenzo e unha nota a esta edición onde se nos fala tanto do proceso da edición deste texto como das correccións aplicadas a nivel ortográfico no texto coas correspondentes xustificacións.
Aínda que esta peza teatral non comeza dunha forma moi orixinal, xa que parte dun naufraxio e da situación daqueles que o sufriron, resulta un texto onde a terra ten un papel tan principal e protagonista que deixa as aventuras e ao mar nun aparente segundo lugar. A proba diso é que os dous únicos espazos que atopamos na obra son a casa e a cuberta do navío. Ambos lugares reais, terrestres e tanxibles son ocupados por personaxes dos que chegamos a dubidar incluso se están vivos ou mortos.
Con todo, como lectores temos a sensación constante de abandonar os espazos que se nos indican para situarnos de novo preto do mar debido a que para tódolos personaxes representa o mundo dos soños, da liberdade e do onírico; mais tamén da decepción, da perda e da dura realidade.
Vivimos nunha terra pobre- di o HOME-. Arrodeados dun mar bravo que non se dá farto de homes e ghamelas. Levo toda a vida ao peixe, aos percebes - continúa o HOME- e nunca unha pesa de roupa para poñer, mas que cando o temporal mandaba unha nau.
O propio título é un xogo intelixentísimo do autor, onde deixa claro que todos os elementos dispostos o longo do texto teñen que ver coa tradición literaria internacional mais, especialmente, con aqueles acontecementos que so poden ter lugar en "Calquer lugar da Costa da Morte", é dicir coas nosas tradicións e lendas. Aínda que aparentemente non sucedan grandes accións na historia, a impresión do lector e de empatía cara estes personaxes que semellan non estar nunca no seu lugar.
Capitán: [...] E entón vin-a. Unha laranxa.
Coro: Unha laranxa?
Capitán: Non tardei en sabé-lo. Era froito dunha árvore traida dos países de Beth, tanto os froitos como a árvore tiñan poderes máxicos, e ao dar-lle o primeiro bocado cain sen vontade en soño pracenteiro, e porén via a todos e estava à vez esperto como nunca.
As lendas, o misterio, a realidade daqueles que viven na illa, o(s) naufraxio(s) e a busca dun "tesouro/soño" son os temas principais deste poema dramático onde non coñecemos, nin interesa, o por que dos feitos que vemos nas súas doce curtas escenas. Aí reside o valor literario deste texto: crear unha atmosfera única, reflexionar sobre os soños e a súa dificultade e analizar o mar dende moitas perspectivas.
Comments