Recensión: Rocío Leira, A afogada
Título: A afogada
Autora: Rocío Leira
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491218227
Nº de páxinas: 120 páxs
Sinopse:
Laura Suárez, unha moza de dezanove anos altamente sensitiva e perfeccionista, desaparece entre as bravas ondas da praia de Riazor despois dunha noite de festa con dous amigos. Todo indica que se trata dun fatídico accidente, pero pasan os días e o seu corpo non aparece. Manuel Cifuentes, rescatador mariño con ampla experiencia, cre que a súa morte non foi accidental e que os acompañantes da rapaza agochan algo. Rocío Leira constrúe en «A afogada» unha novela de intriga onde a verdade parece estar ateigada de mentiras e a mentira ser unha parte máis da verdade.
Premio Ánxel Fole de Narración Curta do Concello de Lugo 2020
Tras ler todas as novelas publicadas ata o de agora por Rocío Leira, podo destacar que temos ante nós a unha autora que propón sempre algún tipo de enigma nas súas obras que fai delas historias moi entretidas e das que queremos coñecer o final.
A afogada é unha novela curta moi entretida, que se deixa ler facilmente e que arrisca coa introdución en cada capítulo de diversos tipos de narrador e perspectivas dende onde se analiza a intriga. A diferenza de outras obras da autora, esta novela si temos personaxes bastante ben construídos e que son interesantes para o lector. Empaticemos ou non con eles, si que podemos comprender os seus actos e ter unha opinión sobre eles. E isto non é pouca cousa para unha novela desta extensión.
Os espazos están tratados de maneira desigual na historia. Mentres que os espazos físicos como a cidade da Coruña en si non teñen peso ningún na obra coido que os espazos que xorden da atmosfera privada si que teñen interese. O diario de Laura, as casas dos rapaces, a comisaría... neles é onde sucede todo o importante na obra e o nivel de detalle neles é xusto mais suficiente para que se considere unha execución correcta.
Sorprendeume que de novo a autora empregase unha "linguaxe matemática" nalgunhas partes da obra. Persoalmente prescindiría dela porque creo que non aporta nada nin a historia, como si o fai noutras obras da autora como Trescatorcedezaseis (Xerais,2020), nin ó personaxe de Laura. Coido que esta é unha marca de estilo da autora, supoño que pola súa formación.
Para ser máis exactos ela é a miña semiamiga (metade de amiga, dobre de cuarto de amiga..., calquera das nomenclaturas me vale). De momento aínda non acadou a plenitude de amizade que a faría pasar de fracción propia de amiga a unha impropia.
A verdade é que con matemática ou sen matemática, e pese as limitacións do formato, A afogada resulta unha historia que consegue interesar o lector dende o comezo ata o final. Unha intriga cun final bastante sorprendente e que seguro atopará moitos lectores.
Comentários