Recensión: Santiago Lopo, A carteira
Título: A carteira
Autor: Santiago Lopo
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491218920
Nº de páxinas: 304 páxs
Sinopse:
Desesperada ante unha situación laboral precaria, a protagonista de «A carteira» acepta un contrato temporal para repartir o correo na periferia dunha cidade que non coñece, nun barrio afastado que ela mesma denomina «Algures». A través dos seus ollos, Santiago Lopo mergúllanos na Galicia urbana e fainos partícipes de todas as dificultades ás que esta traballadora se enfronta no seu día a día. Cun abano de personaxes sorprendentes, o humor, a intriga e a denuncia social mestúranse nunha trama orixinal narrada de forma directa que nos apreixará dende a primeira páxina.
A precariedade laboral, a denuncia social, o humor e a ironía son os ingredientes principais de A carteira, novela que supón a volta da obra de Santiago Lopo ós andeis de novidades. Novela urbana, intelixente, irónica, reflexiva e moi divertida a que nos propón o autor e coa que coido que moitos lectores vano pasar moi ben.
O egoísmo é inherente aos seres humanos e custa loitarnos contra os propios caprichos porque adoitan dar satisfacción inmediata. Somos primates e os instintos elementais conservámolos toda a vida. Na miña infancia, se unha cativa tiña un xoguete que me gustaba, as tres formas de obtelo a eran persuasión, o engano ou a violencia. Moitas persoas continúan a repetir este protocolo á procura dun servizo postal á carta, nunca mellor dito.
Cando lin esta novela tiven todo o tempo na mente a obra de Peaxes, novela curta coa que o autor debutara no catalogo de Xerais no ano 2007. Aínda que a obra citada tiña un humor moito máis directo e sinxelo que esta, coido que é evidente o interese do autor por facer denuncia social dende o punto de vista da clase traballadora e co humor e a ironía como ferramentas imprescindibles. Por suposto, o paso dos anos tamén nótase na madurez da propia escrita, na que a ironía e a sátira combínanse moi intelixentemente co humor para xerar pasaxes tan divertidos como cheos de denuncia, sen precisar da interacción entre personaxes.
Sor Magdalena, fun eu. Confeso que deixei unha palmeira a medio empezar dentro de Primitivo. Debido ao movemento, o envoltorio desdobrouse e as faragullas encheron todo o correo de estabilizantes canceríxenos e aceite de palma. Por non falarmos do líquido que escapou pola palliña do mini brik. Irmá, entenda que o meu sustento consiste nunha barriña enerxética e un bolo industrial que cambia conforme as promocións do súper. E o único sitio para levar o alimento é o meu carriño.
Aínda que creo que algúns episodios da historia poderíanse simplificar ou suprimir debido a que son moi paralelos entre si con respecto a súa temática e o desenvolvemento dos feitos, coido que a novela consegue facilmente captar e divertir ó lector. Importantísimo para este último aspecto son os divertidos sucesos que lle ocorren a esta peculiar personaxe, e tamén a inclusión na historia de personaxes como Vermello, dona Rosa, Selena ou Azul, que aínda que son arquetipos de distintos comportamentos sociais, resultan tamén personaxes moi ben construídos cos que os lectores poden rir e desesperarse a partes iguais.
O alumnado sabe ben como reclamar, pero non sabe a lección; lóxico. A rapazada non é parva, ten un senso moi pragmático da vida. Só aprenden as cousas que lles van dar proveito instantáneo. O malo da cultura é que o beneficio inmediato a miúdo non se ve, é unha bomba de efecto retardado [...] Cando a robotización ocupe as aulas, decatarémonos de que o importante da aprendizaxe era o contacto humano.
En resumo, A carteira resulta non só unha novela moi divertida de ler, senón tamén unha representación da precariedade que vivimos na Galicia actual. Unha novela filla da nosa realidade e tamén unha oportunidade para reflexionar sobre como cambiala.
Comments