Recensión: Silvia Bardelás, Destempo
Título: Destempo
Autora: Silvia Bardelás
Editorial: Barbantesa
ISBN: 9788494550133
Nº de páxinas: 230 páxs
Sinopse:
Unha muller maior pide ao seu neto que volva a Galicia a pasar o verán con ela. Quere que asista a unha especie de revolución que está a facer coas súas amigas. Buscan acción, cambiar o mundo. Deste xeito , mestura Silvia Bardelás varias xeracións co mesmo problema: o peso do mundo, a presión social. A decisión de vivir de outro xeito , de volver a sentir a realidade como aliada e non como problema, fai que todo se mova dun xeito imparable. A voz narrativa de Destempo amosa esa necesidade dun nós e revela unha verdade: que a vida presenta todo o seu brillo cando as persoas se liberan da obediencia e o sacrificio que empobrecen os seus mundos.
Recibín con moito interese a nova da publicación do novo libro de Silvia Bardelás, Destempo, publicado simultaneamente en galego por Barbantesa e en castelán por Deconatus, debido a experiencia tan positiva que foi no seu momento a lectura da súa novela As médulas (Barbantesa, 2010). Sen dúbida este reencontro coa obra de Bardelás foi moito máis pracenteiro que o primeiro.
Destempo é unha novela no sentido máis literario da palabra, é dicir, prescinde de calquera elemento da poética do bestseller e constitúe unha obra esixente para o lector e que ten moitísimo máis fondo do aparente. As vivencias, lembranzas e sentimentos introdúcense na narración sen previo aviso pero tan ben enlazados que o lector deixase levar por un ritmo de lectura que convida a facer pequenas pausas para reflexionar sobre o contido e significado de cada palabra.
De feito, este último aspecto resúltame o máis interesante da obra. Destempo é unha obra de "tempos", "mundos" e "vidas" na que se analizan outros termos como o ser "natural", a "fe" ou aquilo que conforma o "nós". A emigración aparece na obra como axuda para facer máis visibles estas ideas, mais non pensemos que por iso é unha novela sobre a emigración, iso sería unha lectura errada. A vida en sociedade e o imperativo imposto a cada ser humano con respecto a escribir a súa propia historia son, na miña opinión, os grandes temas da obra.
Cantas vidas temos, a real, esa merdiña, e despois a do recordo, a que está na cabeza dos outros, a que deixamos de vivir.
O que queda claro para Lois é que cando decides coller un camiño pechas tres cuartas partes do mundo, o noventa e nove por cento, e non importa que ese camiño responda ao ben ou ao mal, o terrible é pechar o mundo (...)
Todo o mundo prefire as historias que constrúe na súa mente a a súa propia e todos creamos un relato para aquelas terceiras persoas que non viven a nosa cotiandade. Neste mundo de meritocracia, individualidade e capitalismo é necesario rexistrar os feitos para que se teñan en consideración, e iso é o máis difícil para Lois, o noso protagonista. A sensación de non pertenza a ninguén e a ningures e a súa relación "non natural" con todos os mundos, fan de Lois unha personaxe moi completa e con moitas arestas.
O problema de Lois é ver como a xente se move, non importa a idade, non importa o xeito en que o fan, pero ninguén coma el, con todas as oportunidades, está estático. Sente que non paga a pena facer nada, e supón que vivir é iso, moverse, acadar cousas, coñecer xente nova, acabar por facer cousas que nunca imaxinaras, pero el non pode.
Esixente, crítica e literaria, coido que así é como definiría finalmente esta novela de Silvia Bardelás. Agardo que sexa a primeira de moitas a este nivel e que conquiste a moitos lectores. Literatura nesta novela hai dabondo para iso.
Comments