Recensión: Steve Tasane, Eu son A
Título: Eu son A
Título orixinal: Child I
Autor: Steve Tasane
Tradutor: Carlos Acevedo
Editorial: Kalandraka
ISBN: 9788416721573
Nº de páxinas: 120 páxs
Sinopse:
O diario de «A» non fala de festas de cumpreanos en familia, senón de nenos nun campo de refuxiados que recollen migallas de pan na lama. Sobreviven na miseria, pero non renuncian aos seus soños. Unha novela para rapaces que tamén os adultos deberían ler.
Steve Tasane foi, ata a publicación deste libro en diversas linguas do estado por Kalandraka, un autor inédito no ámbito hispánico. Kalandraka aposta por un título con moita sona no seu país de orixe e que presenta unha localización e temática apenas tratada na literatura mundial: os campos de refuxiados e as condicións de vida daqueles que habitan neles.
Eu son A é unha novela moi curta mais intensa en canto ás emocións. A obra conta a experiencia duns nenos nun campo de refuxiados e que conviven coa fame, a miseria e o instinto de supervivencia. A elección dos nenos como narradores da historia aporta unha visión máis optimista á historia mais esta non lle da as costas á realidade que se vive nos propios campos.
Os gardas queren que lles contemos as nosas vidas na lingua deles, pero os nosos nomes son nosos, tanto dá a lingua que fales ou escribas. Pode que O recorde o seu nome anterior. Pode que recorde exactamente o que lle sucedeu. Pode que o mellor sexa deixar iso atrás e non deixar que o pasado nos persiga. Agora é simplemente o rapaz O. Xa non ten un nome de verdade. Igual ca todos nós.
A tarxeta Visa é un cacho de plástico que leva o teu nome e uns números. E, se eses números corresponden ao teu nome, entón hai uns aparellos especiais nas paredes que poden ler a tarxeta. Se ao aparello lle gusta o teu nome, e os números coinciden co teu nome, entón dáche diñeiro. Montes e montes de diñeiro.
Quedo a pensar niso: montes de diñeiro. Diñeiro suficiente para comprar un libro de vida novo.
E comida.
E xoguetes.
E calzado novo.
E unha casa.
Gustoume especialmente polas reflexión dos protagonistas e a súa loita pola supervivencia sen renunciar ós soños. Os seus desexos e as súas ilusións danlle a vida que a súa tráxica situación pretende eliminar. Sen embargo, creo que o texto melloraría aínda máis se se afondase un pouco máis na reflexión de (non) pertenza a un espazo. Considero que o texto bosquexa bastante ben esta idea mais non é quen de presentar mellor este feito no conxunto da historia.
En resumo, Eu son A é unha historia curta que paga a pena ler para coñecer a historia dos refuxiados dende un punto de vista que na arte apenas tivo percorrido. Unha obra dura mais que reflexiona sobre a importancia de soñar cun futuro mellor para a humanidade.
Comments