Recensión: Tamara Andrés, bosque vermello
Título: Bosque vermello
Autora: Tamara Andrés
Editorial: Positivas
ISBN: 9788412018455
Nº de páxinas: 50 páxs
Sinopse:
Ao outro lado do cristal hai unha flor que che impele do tacto, terá forma de lirio de sangue: corpo circular e estames labirínticos como rúas cegas que transitan nun retorno nunca eterno. O bosque é un territorio onde combaten a asfixia, a fractura e o silencio. Chegamos a el a través do éxodo do corpo, unha anatomía que se inscribe na cidade e perfila a xeografía co fluído das bágoas. Nomear as fronteiras, atravesalas enarborando unha bandeira que resiste ao vento e demais arremetidas da linguaxe, por exemplo a violencia que desprende ao pronunciarse a palabra amar.
Fascinado pola lectura de irmá paxaro (Cuarto de inverno, 2019) e Corpo de Antiochia (Galaxia, 2017) era imposible que non adicase estes derradeiros días do 2020 á lectura doutro poemario de Tamara Andrés. Especialmente suxestivo resultou este bosque vermello (Positivas, 2019), unha obra que fala das fronteiras e das limitacións do corpo como recipiente do ser.
O vermello é a bandeira de todas as fronteiras/ que endexamais ousamos nomear
O bosque é unha xeografía labiríntica chea de imposicións, de límites, de fracturas e de violentas acometidas. Tamara Andrés presenta un libro que explora estes lindes e converte en materia poética a linguaxe corporal e a súa materialización máis empírica, a carne. O corpo preséntase como espazo case xeométrico, excesivamente automático, e como contedor do máis valioso do individuo, aquilo que non se ve.
O avó perdeu un ollo en Alemaña
cando traballaba na mina. Nunca volveu
a si do mesmo xeito. O cinturón contorneáballe a barriga
e mastigaba pan xugado en viño.
Morreu nunha residencia con
nome de barco. É curioso como
a xente traza a propia cartografía.
Eu fun unha vez co pai
e non volvín
para que a vivencia
non percutise
Os anciáns abrindo autómatas
a boca. Expulsar sen conciencia
calquera líquido.
Quero pensar que ver é máis ca un
acto do corpo. O poema tamén.
O corpo é unha mentira.
Sen dúbida, Bosque vermello é un libro valioso dentro da traxectoria de Tamara Andrés. Temos ante nós un libro con composicións poéticas de gran intensidade e que chegan ó lector con gran facilidade. Unha mostra máis do talento dunha poeta que é sempre necesario (re)ler.
Bình luận