Recensión: Xela Arias, Denuncia do equilibrio
Título: Denuncia do equilibrio
Autora: Xela Arias
Limiar: Olga Novo
Editorial: Xerais
ISBN: 9788491218821
Nº de páxinas: 80 páxs
Sinopse:
«Denuncia do equilibrio», publicado en 1986 a contracorrente da poesía galega daquel momento, é un libro rabiosamente contemporáneo. Cuestiona a orde establecida, afonda con inquedanza na voz interior dunha poeta orixinal e libre e transmite, desde a propia sintaxe, o desacougo da vida cotiá, das emocións e do amor. Este primeiro libro de poemas de Xela Arias dá conta do arrebato dunha voz nova, independente, radicalmente propia, que se pon en marcha cunha enorme forza simbólica. Como di a poeta Olga Novo no limiar en «Denuncia do equilibrio» está «a altura, o precipicio, a conmoción».
So tivera ocasión de ler Denuncia do equilibrio de Xela Arias editado dentro do volume Poesía reunida (1982-2004) (Xerais, 2018) polo que recibín gratamente a noticia da reedición deste poemario tan innovador e rebelde. Coido que unha obra deste valor así o merecía. Ademais o libro respecta o contido do poemario tal como foi publicado no seu momento e como foi tamén reproducido na súa poesía completa.
Esta nova edición presenta un limiar asinado por Olga Novo que resulta unha emocionante confesión do interese e a posterior influencia que supuxo para ela este primeiro poemario de Xela Arias. Olga Novo escribe debulla brevemente aqueles aspectos desta obra que máis a fascinan mais tamén reflexiona noutros aspectos que erixen a Xela como unha das súas "mestras" no eido da creación literaria.
Sorpréndeme enormemente este Denuncia do equilibrio cada vez que o leo ou o consulto. Este é un libro que representa, no meu modo de ver, a busca da liberdade máis absoluta do eu e todo aquilo que o rodea. Cuestiona todo aquilo que se considera sólido, remexe temas incómodos, afonda no propio desacougo e é tamén bastante "violento" sen chegar a ser simplemente reflexo da carraxe.
Falamos antigas linguas coma carnes afiadas
e as estrelas pousadas cravaron nos muros
propagandas novas serían sireas apagadas
e as peles son verbos e os verbos velos. [...]
eu
pártome pártome
e mirando
denúnciome asasina de equilibrios.
Equilibrios desmenuzados
-liñas directas da paisaxe ó corazón-
buscan brazos cabezas liberdade [...]
Nos poemas vemos unha despreocupación case total polas formas e cedese nel o protagonismo ós sentimentos. A terra, o amor, a sexualidade, a liberdade ou a independencia son algúns dos moitos temas que se tocan neste libro e que adianta algún dos elementos de poemarios posteriores como a figura do cabalo ou a auga.
Exiliarse e forxar terra
para os ebrios pés que non sosteñen
esta hora de viaxes aniñadas
ebrios pés que cando arrastro dan lugar
-lugar que a miña memoria abraza-
á nada: ese soño e zona...
tan enorme [...]
Teño para min que este libro é como un impulso tan visceral como intelixente, con moita forza e independencia con respecto do publicado ata aquel momento. Agradecer a Xerais a reedición deste e outros poemarios da autora para celebrar e homenaxear como se debe a súa figura.
Kommentare