Recensión: Álex Mene, Indómita e a Semente da Inmortalidade
Título: Indómita e a Semente da Inmortalidade
Autor: Álex Mene
Editorial: Bululú
ISBN: 9788494549496
Nº de páxinas: páxs
Sinopse:
“O meu nome é Indómita. Teño case trece anos e medio e estou escribindo este diario para deixar constancia das cousas que acontecen por aquí. Eu son a exploradora desta aldea sen nome.”
Indómita está disposta a arriscar a vida para salvar a súa aldea, un lugar especial que mesmo podería non existir, pois até o de agora ninguén logrou entrar nin saír dela. A rapaza deberá abandonala e baixar os seus escarpados e neboentos barrancos na procura dunha solución aos males que a asolan.
O diario de Indómita, cheo de referencias a grandes clásicos da literatura infantil e xuvenil, supón unha viaxe única, a inmersión nun lugar repleto de misterios, con personaxes tan extravagantes como divertidos.
Indómita e a semente da inmortalidade foi a obra gañadora do I Certame de LIX Muiño do Vento e constitúe o debut de Álex Mene como autor de literatura xuvenil e o seu segundo libro tras a publicación do álbum infantil ilustrado A raíña das tortas (Alvarellos, 2018).
Esta historia ten bastantes virtudes e, entre elas, está a de ser unha obra entretida e que non se solta ata o seu remate. Mene escolle moi ben os personaxes da súa historia principal e constrúe tamén os ambientes con bastante solvencia. De feito considero unha virtude do texto a forma na que o autor presenta outras temáticas de tipo social e ecoloxista ó mesmo tempo que narra a historia. Aínda que moitas veces é un pouco esquemático hai que ter en conta tamén as limitacións que presenta a convocatoria do certame no que resultou gañador.
Outra das súas virtudes é que é unha obra que fai unha homenaxe voluntario a moitos dos clásicos da LIX mundial mediante moitísimas referencias a partes do texto ou momentos da acción. Coido que pode ser un xogo divertido para os lectores atopar a maior cantidade de referencias posibles. Avísovos que hai unha chea delas, exemplo delas xa o tedes no propio comezo do texto:
Entre as neboentas e vizosas montañas do máis afastado norte, existe unha aldea perdida que non ten nome. Ou se o ten, ninguén o sabe. Seguramente, nalgún momento e hai xa moitos séculos, esa vila si que tiña un nome coñecido polas xentes da contorna.
Na parte negativa teño que destacar que a historia que encadra a historia do diario non é interesante para o lector. Realiza simplemente a función de historia marco, de contexto, e coido que nunha historia tan curta non se pode permitir sacrificar unha das súas partes unicamente para darlle forma a historia do diario.
En relación con esta última, os diarios sempre me pareceron unha ferramenta perigosa nos textos porque a "verosimilitude", dentro do pacto ficcional evidentemente, pode perderse facilmente se hai neles un montón de diálogos e descricións que é imposible que ningún personaxe anotase nun caderno. Sen embargo, considero que pese a que moitas veces xoga nos lindes desta concepción, a historia se sostén, o que non é pouco nunha estrea.
En xeral, Indómita e a semente da inmortalidade é unha obra con moitos aspectos a mellorar mais na que tamén hai intención, unha historia entretida e potencial para escribir unha moita mellor. Agardemos que na súa próxima publicación teñamos un mellor traballo, potencial e talento hai para iso e moito máis.
Comments