Recensión: Éric Vuillard, A orde do día
Título: A orde do día
Título orixinal: L'Ordre du jour
Autor: Éric Vuillard
Traducción: Antía Veres Gesto
Editorial: Kalandraka
ISBN: 9788416721238
Nº de páxinas: 120 páxs
PREMIO GONCOURT 2017
Sinopse:
Houbo empresas que fixeron negocio coa Segunda Guerra Mundial. Aínda hoxe son marcas recoñecidas; usamos os seus produtos. Porque as persoas pasan, mais os grandes capitais perduran.
Son moitísimas as obras que falan tanto da segunda guerra mundial como do nazismo e as súas consecuencias para sociais, políticas e éticas para a época contemporánea. Sen dúbida, é case imposible publicar unha obra memorable baseándose nuns elementos de sobra coñecidos e excesivamente empregados por todas as manifestacións artísticas na actualidade. Sen embargo, algo tiña que ter A orde do día de Éric Vuillard para facerse co Premio Gouncourt no ano 2017. Algo tivo que ver Kalandraka para apostar pola súa tradución.
A orde do día de Éric Vuillard, traducido por Antía Veres Gesto, é un texto que so pode definirse como lúcido e extremadamente intelixente. O autor analiza o conflito bélico e a situación de Alemaña a través da actualidade de aqueles vencedores, a priori indirectos, do holocausto e a gran guerra. O autor relata moitísimos aspectos de interese sobre a realidade alemá e da súa industria durante a guerra e expón indirectamente un dilema moral sobre o capitalismo e sobre os produtos que se consumen. Así mesmo temos unha análise brillante de varias figuras políticas da época e unha interpretación documentada e ben comentada sobre algúns feitos históricos que axudan a comprender o auxe do nazismo.
Resulta curioso como os tiranos máis convencidos respectan as formas até o final dun xeito vago, coma se quixesen dar a impresión de que non maltratan os procedementos, ao tempo que pasan abertamente por enriba de todos os costumes. Parece que non lles abonda co poderío e que experimentan un placer adicional forzando os inimigos a cumprir, por última vez, no seu favor, os rituais de poder que eles mesmos están a botar por terra.
Se teño que destacar algo do título sería, sen dúbida, a calidade da narración. O narrador xoga cos feitos, introduce comentarios moi acertados, emprega mecanismos satíricos e humorísticos que fan aínda máis lixeira a lectura e glosa os feitos dunha maneira moi distendida. A calidade dos comentarios e a escolla minuciosa de cada palabra dota este texto dun contido literario sorprendente, cousa que debemos agradecer a tradución que fai Antía Veres do texto.
Nunca tropezamos dúas veces co mesmo abismo. Pero sempre tropezamos da mesma maneira, nunha mestura de ridículo e de pavor. Gustaríanos de tal maneira non volver tropezar que nos apoiamos e berramos. Rómpennos os dedos as pisaduras, pártennos os dentes a picadas e corróennos os ollos. Na beira do abismo hai moradas altas. E velaí está a historia, deusa razoable, estatua petrificada no medio do campo da festa á que lle levan como tributo, unha vez ao ano, ramos de peonias secas e, de propina, todos os días, pan para os paxaros.
En resumo, A orde do día foi unha verdadeira sorpresa pola súa capacidade de reflexionar e escribir sobre aspectos dos que xa hai moito, quizais demasiado, escrito. Unha obra moi intelixente e de evidente valor literario.
コメント